0 Gardados para despois

Henrique del Bosque Zapata

E se hai adianto electoral?

Preguntábame un amigo sobre  a estratexia de  Nós-C.G. cara unha posíbel nova convocatoria electoral ao parlamento do Estado. Evidentemente respondinlle que non podía satisfacer a súa curiosidade, que esa decisión tería de ser adoptada a través dun proceso de debate entre os membros das organizacións que conformaron a candidatura. Mais eu, a título individual, teño unha postura que, a seguir e mutatis mutandis, paso a expór. Nos sistemas electorais con segundas voltas adoita ser frecuente que candidaturas que non acadan o resultado agardado de principio amosen o seu apoio a outras con posibilidades reais. De se convocaren novas eleccións, perante a imposibilidade de investir presidente de goberno español, penso que Nós-C.G. debería pedir o voto para En Marea.

Estamos a actuar en política e deben de darse decisións que obedezan a parámetros políticos, con sensatez e sen histrionismos. Os resultados de Nós, con quen me identifico, foron pésimos malia de ter uns excelentes candidatos e candidatas e apresentar uns eixos programáticos que, considero, respostan ás necesidades que o pobo galego precisa. Porén a miña intención non é a de analisar os resultados e as causas (múltiples e complexas por moito que algúns as liquiden en catro frases) e que nós mesmos debemos ser quen de analisar, senón o de que se considere o anteriormente proposto.

No caso descrito o apoio de Nós podería dar lugar a un incremento, coma mínimo, de dous escanos máis para En Marea e unha derrota contundente para o P.P na Galiza, derrota que posibelmente enfebleza a posición de afoutamento que pretende manter Feijóo. Este apoio, no caso de se producir, debería ser sen condicións. Xa pasou a campaña, xa se dixeron cousas, xa houbo escenificacións de abondo…sería, xa que logo, algo coxuntural nunha situación coxuntural. Sen condicións porque unha outra postura sería, agora que está todo feito, unha tentativa intolerábel de inxerencia. Para isto non hai nada que negociar. Pídese o voto e danse razóns. O ceo non vai derrubar sobre as nosas testas.

Acredito na necesidade de forzas propias; sigo a pensar que a ruptura no Estado hai de vir polo tema territorial; considero que a defensa dos sinais de identidade nacional fai parte dos dereitos esenciais e básicos; penso que o nacionalismo, e a súa aposta pola soberanía nacional, é unha  forza que, no século XXI, enmárcase dentro das loitas para decolonizar o poder, o ser e o saber. O suxeito soberano da Galiza debe ser o pobo galego, non o español, e xa expresei o meu enfoque no artigo “Suxeito, Nación e Nacionalismo político” publicado en “Sermos Galiza” e non vou dar máis voltas. Este pobo debe ser quen de decidir sobre o seu futuro e ser quen de administrar e xestionar a súa soberanía através dos instrumentos cos que se vai fornecendo. Non se trata, logo, de renunciar ou ceder na construción nacional; trátase de reflexionar sobre o factual e actuar con intelixencia política así como ver o que facilita máis o ensanche das fendas no Estado.

Hai xornes da posmodernidade, ao igual que os da modernidade, que viñeron para ficar. Uns son negativos e outros non. O efímero, o simulacro e o volátil dificultan o afondamento e a reflexión, mais o pensamento elástico e de fronteira abren novos espazos e perspectivas para epistemoloxáis liberadoras. As decisións cara o futuro serán outras e produciranse por outros procesos de participación popular, non o sei; tampouco o tema ven de ser este agora. En fin, se dentro de tres meses hai que repetir o proceso elctoral propoño considerar esta posibilidade, dada a situación extraordinaria e de urxencia que apresenta.

Acerca de Henrique del Bosque Zapata

Mestre de ensino medio e ensaísta.