Segundo hostión histórico

Seica dicía Manuela Carmena que un dos momentos que máis lle gustaba en calquera proceso de cambio era o dos comezos na proxección social dunha idea, cando só un grupo moi reducido semella estar en condicións de ver, ou prever, o que outros moitos consideran unha tolería, unha fantasía, un despropósito.

Cando xurdiron as Mareas en Galicia, non sería falar verdade completa se dixésemos que todo o mundo na esquerda estaba unánime xa de partida, como por unha revelación que nos marcase o camiño da chamada «confluencia das forzas rupturistas». Haberá quen pense que non é agora oportuno mencionar os arranques máis humildes, ás veces toupeneantes, non exentos de tensións, erros tácticos, leas menores e outras moitas pexas e obstáculos que ás veces nos parecían insalvables.

Os que fomos educados non só no marxismo estricto senón tamén nas concepcións maoístas da práctica política, somos ben conscientes das múltiples capas de cebola que necesariamente se superpoñen pra facer viable unha estratexia rupturista co respaldo de amplos sectores da sociedade.

Así como Beiras é quen, en calquera contexto, de percibir o máis concreto e inmediato, e a renglón seguido endereitar nun discurso fluído e liberador diversos enfoques globais e análises históricas que nos axudan a entender o tempo no que andamos, así tamén debemos agora ter moi presente, en beneficio de loitas e obxectivos posteriores, que son moitas as escalas de intencións, de forzas e intereses combinados, as que houbo que atraer con teimosía e por convencemento a esta canle máis ampla, a esta corrente social profunda que o 20-D se manifestou de forma inequívoca contra os poderes inmensos do capital actuantes en Galicia e no conxunto do estado español.

A ofensiva neoliberal en toda Europa tiña e ten obxectivos que se revelan cada día nos seus efectos máis demoledores: expropiar ás clases traballadoras, facernos perder os dereitos laborais acadados tras décadas de loita, volver a unha férrea ditadura económica baixo o control da oligarquía financeira, provocando así un retroceso histórico que nos arrastra hoxe a velocidade vertixinosa cara ós tempos anteriores á Revolución Soviética.

A guerra fría forzou ás potencias do capitalismo a facer concesións formais mediante o formato das chamadas en tempos «democracias burguesas». Non se trata de que a esquerda rupturista «desapida» (como diría Cunqueiro) os dereitos de asociación, manifestación e folga, ou que desprece a relativa liberdade –baixo presión dos medios de comunicación oficiais– pra votar nunhas eleccións. A nosa misión é impedir con intelixencia ese retroceso e avanzar na defensa do ben común.

Como resposta a esta ofensiva desapiadada dos bancos e das grandes corporacións contra a gran maioría da poboación, a esquerda rupturista non tivo máis remedio que evolucionar cara a novas formas de acción política. E aquí vén a conto o relato dun proceso coma o que nos conduciu á creación das Mareas municipalistas e fixo posible agora que xurdise En Marea, o movemento de esquerdas en Galicia que vén dese converter en segunda forza cun 25% de respaldo social.

O que xa todo o mundo sabe, case que non cómpre repetilo agora: que a fusión das diferentes culturas políticas da esquerda é tanto como dicir a fusión de tendencias sociais que concordan na procura das condicións de vida dignas pra unha inmensa maioría eiquí e agora, deixando a un lado diferenzas ideolóxicas menores.

Mais si cómpre dicir que o coñecemento desprexuizado da realidade social, a lectura das contradiccións de clase por enriba do valado que delimita o recantiño partidario, son as condicións indispensables pra manter o contacto e compromiso con centos de miles de persoas, con milleros de vidas en curso anguriante, e sermos capaces de facer propostas de xustiza, realizables, ilusionantes, que retroalimentan o proceso porque supoñen unha interacción construtiva e con efecto verdade.

Mais vexamos algúns obstáculos que foron xurdindo ao longo deste percorrido, na construción das novas ferramentas políticas necesarias pra responder en Galicia ante a terrible ofensiva neoliberal.

Houbo quen pensou que xa abondaba coa creación de AGE, e que nese logro culminaba un plan redondo de acumulación de forzas. Pero, cumprindo o seu papel en certa medida, a coalición AGE era só o comezo dun percorrido máis longo e complexo que aínda hoxe non rematou. Estabamos só nunha primeira fase porque as forzas implicadas eran necesarias pero non suficientes. A unidade real pola base aínda non se producira. Seguía habendo demasiados valadiños particulares e demasiadas tradicións politicas «sagradas».

Houbo quen pensou que coaligarse cunha forza estatal emerxente como Podemos suporía en última instancia o abandono ou postergación de obxectivos e reivindicacións nacionais innegociables.

Houbo quen pensou que levar á practica sen matices os novos procedementos de participación cidadá daría lugar ao caos e á confusión e mesmo ao desembarco de posicións oportunistas, coa conseguinte desorientación na acción política institucional e inmediata.

Houbo quen pensou que a presenza de forzas estatais nun amplo movemento de confluencia nos deixaría desartellados, sen poder real de decisión e sen independencia pra defender os intereses xerais das clases populares galegas.

Houbo quen pensou que o éxito das Mareas municipalistas era un fenómeno pasaxeiro, con incidencia soamente nas grandes cidades do país, e principalmente no eixo Santiago-A Coruña-Ferrol. O feito de que en Vigo, a gran cidade industrial, non se lograse máis ca un heróico pero limitado apoio social nas municipais, e que nas cidades de Lugo e Ourense as Mareas se visen frustradas en parte por dispersión de forzas, apuntaban supostamente nesa dirección.

Sobra dicir que os medios oficiais bombardearon sen piedade as nosas posicións en todo momento, xerando contrainformación e desinformación a respecto das Mareas, das súas dinámicas, potenciais e partes formantes, fosen militancia de partidos ou cidadanía non organizada. E isto vén sendo así dende os primeiros pasos na conformación dos espazos asemblearios, foi así tamén durante a campaña das municipais, continuou despois de se confirmaren os grandes logros das Mareas, e volveu suceder agora durante a campaña das eleccións xerais.

Mais esas pantasmas quedaron agora esvaecidas tralo xeneroso apoio popular. Superando todas estas vacilacións, suspicacias, escepticismos, ataques dende a dereita (pero non só) e ataques dende os medios do réxime, o efecto EN MAREA acaba de poñernos ante unha nova lección política: a estratexia correcta é unha manda de cabalos, como adoita amosarse en imaxes metafóricas das potentes ondas do mar, cando medra a marea. Unha estratexia respaldada por centos de milleiros de persoas en toda a nación, velaí a expresión incuestionable da intelixencia colectiva.

Esa manda de cabalos ceibes turra de nós con potencia inmensa e indomeable. Aspirabamos a ser a segunda forza en Galicia e lográmolo. A Marea espallouse por todos os concellos de Galicia. Xa non é soamente un movemento rupturista asumible entre a poboación das grandes cidades. E tampouco se cinguiu a reafirmar o éxito das Mareas da capital e do norte, pois fomos a forza máis votada na cidade de Vigo moi por riba dos partidos do réxime, con case un 34% dos votos emitidos. E temos representación por Lugo e por Ourense, con grandes apoios. E hai grupo parlamentario galego por vez primeira: un fito histórico.

Esa manda de cabalos ceibes hanos levar máis alá do que ninguén previra. Xa non se trata de aspirar a ser no 2016 a segunda forza por tras da dereita necia e inoperante, ou a romper a súa maioría absoluta en Galicia. Non se trata de manter unha expectativa razoable que xa está de feito ao noso alcance. O obxectivo pra 2016 debe ser converternos na PRIMEIRA FORZA do país e tomar o poder autonómico pra transformalo nun autogoberno diferente e máis ambicioso, que poida influír decisivamente nun eventual proceso constituínte a nivel de estado.

Ese ha ser o «terceiro hostión histórico» das clases traballadoras galegas fronte á inxustiza e a corrupción e contra o poder da cobiza sen límites.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.