0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

Mentres tanto, nós: A Galicia partisana.

A Sebas, a Amaro, a Carlos Portomeñe.

Nos estudos culturais hai que fuxir sempre da ilusión da harmonía e da autosuficiencia por un motivo moi sinxelo : porque calqueira cultura – enténdase o que se queira entender por cultura – está sometida a mudanzas, a irremediables puntos históricos de continuidade e discontinuidade, de tradición reinterpretada e vangarda proxectada.

Non existe ningunha cultura que exista por si mesma, sen contacto ou relación con elementos non autóctonos. Se isto acontece coa cultura, por suposto, acontece tamén coa política – entendendo o que se queira entender por política -. É temerario tracexar lindes e compartimentos estancos plenamente definidos entre ámbalas dúas, entre cultura e política, tanto como é necesario facer todo o posible para que as urxencias políticas non se convirtan en chivo expiatorio para marcar horizontes creativos, e viceversa, que os horizontes creativos, estéticos, non se convirtan en chivo expiatorio para marcar horizontes partidarios. Téñase en conta este matiz : unha cousa é un horizonte político, unha mudanza de xeitos de pensar e facer política nun contexto de crise cultural e civilizatoria irreversible, outra cousa é un horizonte partidario.

Recordemos a ricaz diversidade de concepcions filosóficas, científicas e estéticas foráneas que inspiraron á Xeración Nós, tanto na súa actividade intelectual como na súa proxección política : sempre situados nesa tensión permanente entre a procura do autóctono e a reivindicación político-cultural da universalidade intrínseca nos achádegos desa procura, creo, humildemente, que á Xeración Nós hai que entendela coma un admirable espíritu de resistencia á asimilación cultural e coma unha crítica radicalmente conservadora ao capitalismo de principios do século 20 e á uniformización social intrínseca no mesmo.

Pero ollo, por suposto, hai luces e sombras na Xeración Nós. Nin se me ocorre considerar que unha política e unha cultura da emancipación para este século 21 poida fundamentarse nos resultados da súa actividade intelectual, o cal é absurdo. O que acontece é que son un comunista un pouco raro; dáseme por considerar que a Xeración Nós ten interese cultural en si mesmo. É parte do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, e polo tanto, investigar, reactualizar, repensar e divulgar un texto cultural tan ricaz coma o seu, ao meu xeito de ver, paréceme unha obriga que os nosos poderes falsamente atributados como públicos deberían estimular.

¿Alguén move fíos nesta dirección en Galicia? : Non. Acontece co conservacionismo cultural, no reino de Galicia, o mesmo que acontece co activismo político : que non se fundamenta, que non se organiza, que non se orienta. E así, sen orde nen horizonte, non hai maneira. Dende logo, non serei eu, a título individual, o que perda enerxías recordando ás xentes di sinistra que as ferramentas de análise máis precisas para a humanización da civilizatio neoliberal están nos movimentos eco-pacifista e feminista, non só en tanto que movimentos contra-culturais, senon tamén en tanto que filosofías culturais e epistemoloxías que aprofundan con moita precisión nas causas, nos efectos e nas posibles solucions para desengancharnos da civilizatio neoliberal. Tampouco serei eu, a título individual, o que perda enerxías recordando que, a pesares de non considerar á Xeración Nós tan importante coma a Xeración Mientras Tanto para repensar o comunismo como movimento social emancipatorio – pois non era o leitmotiv da Xeración Nós, nin poñer os alicerces dese demo chamado comunismo, nin procurar unha ruptura plena de civilizatio -, esto non é óbice para que non considere que os poderes públicos galegos deban invertir máis na investigación,  reactualización e divulgación desta nosa particular biblioteca de Alexandría que é a Xeración Nós, coas súas luces e as súas sombras.

Porque, sen ánimo de resultar socarrón, o que aquí escribe non quere ter como menú cultural sempre e tódolos días a Gramsci, a Marx, a Paco Buey, a Sacristán e a toda a entrañable comunidade de gamberros cos que crecemos intelectualmente boa parte do rojerío impenitente do Reino de Galicia i més enllá. Gústame comer de todo; sobor de todo se me explican moi ben, sen venderme a moto, as luces, sombras, orixes e destinos dos materiais culturais que leo, escoito e vexo - sexan orais, escritos ou audiovisuais -. En definitiva : os que me apetece comer.

En primeiro lugar, polo corpo da Xeración Nós pasou case de todo : O europeísmo, o orientalismo, o humanismo liberal, o romanticismo, o culturalismo, o misticismo, o simbolismo, a súa complexísima e escéptica relación coas vangardas, a esculca etnográfica, o ensaio político e xeográfico, o modernismo, a crítica á modernidade e á burguesía parasitaria do capitalismo industrial, o medievalismo, o humorismo, o realismo, a paixón pola literatura de viaxes.. e un longo etcétera de prácticas científicas, críticas, e concepcións filosófico-estéticas que, como era de esperar, tiveron que chisporrotear coma átomos ao calor dos conflictos políticos do seu tempo.

Hai, sen dúbida, concepcions profundamente reaccionarias e dun esencialismo que causa sonroxo intelectual. Hai, por suposto, unha evidente concepción androcéntrica do mundo que trata de disimularse de mística femenina en referencia á matria e ao terruño patrio. E hai, tamén, tanto concepcions perfumadas de nacional-catolicismo con denominación de orixe galega coma xoias perfumadas de filo-fascismo de temporada. Pénsese en Vicente Risco cando Vicente Risco deixou de ser alguén para Castelao, por exemplo.

En fin, cousa boa sería meter o naris en todo o lixo mental que pode conter unha traditio porque, como di a miña benquerida Rosa Enríquez citando a Valente : - Taboada, la mierda es la única verdad -. E Rosa, con Valente, ten razón, claro que a ten, o que acontece é que quizais sería boa cousa tratar de facer un chisco máis de pedagoxía para separar a merda das pepitas de ouro, que as hai.

Cando un mete o naris nos álbumes da Xeración Nós bate de fronte con conceptos políticos contemporáneos – pouco fundamentados e desenvoltos, iso sí - coma anti-imperialismo, pacifismo, autodeterminación dos pobos, internacionalismo.. e tutti quanti. Se a estes engadímoslles tódolos luminosos leitmotivs críticos que Castelao representou na súa obra gráfica creo que temos razons e motivos de sobra para tomarnos en serio, tanto a necesidade de traballar máis a gramática cultural da Xeración Nós, como a necesidade de traballar máis - para maior provocación e heterodoxia intercultural do que aquí escribe - a gramática e o espírito crítico da Xeración Mientras tanto na esquerda social de Galicia, xa que a institucional segue confórmándose con poñer unha vela aos deuses da patronal e outra ás musas do sindicato, coma sempre, en pos dos cantos de serea do inxusto termo medio.

Dicía George Steiner - que de revolucionario ten máis ben pouco -, en Gramáticas da creación, que crear un ser é dicilo. Se as cousas fosen tan fáciles no que se refire á loita social bastaría con dicir revolución para tela diante da casa, mais témome que iso non vai acontecer e tampouco era o interese e a intención de Steiner. O meu admirado Edward Said, pola súa banda – a quen considero o intelectual máis cercano, humano, completo e valente que nunca coñecín -, en O mundo, o texto e o crítico, recalcaba que o humanismo, como interdisciplinar crítica literaria, cultural e política, ten tamén, en certo modo, un instante de creación mesmo dende a aplicación do rigor metodolóxico. Se concordamos tanto con Steiner como con Said dende un plano crítico-cultural, que non político, creo que non sería pretencioso afirmar que a Xeración Nós creou un ser da nada : puxo os alicerces dunha mirada viva e renovada sobre Galicia. Unha mirada interdisciplinar e, en certa medida, autóctona, mais non fechada en sí mesma, que procurou fóra antes de volver ao cómodo berce materno do país de orixe para redescubrilo de novo. A súa potente fervenza creadora é a nosa particular biblioteca de Alexandría : un espello que nos devolve as luces e sombras do seu tempo. Un patrimonio cultural inmaterial de inmenso valor que non tivo outro impulso que o compromiso individual compartido e libremente asumido por suxeitos con sensibilidades políticas, non só diferentes, senon incluso… políticamente irreconciliables.

Con todo, clausurar o diálogo inter e intra xeracional, tanto dende a traditio cultural do comunismo revolucionario coma dende a traditio cultural sementada pola Xeración Nós, é o pior dos danos que podemos facernos a nós mesmos coma galegos, coma comunistas, e, en último termo, o máis importante, coma seres humanos.

Mentras tanto, nós, a Galicia Partisana, camiñamos.

Acerca de Diogo Tabuada