0 Gardados para despois

Carlos Neira Suárez

Intres arraianos

Nunha somera análise das eleccións xerais, o bipartidismo resulta tocado, mais resiste por riba do 50%  con 213 escanos dos 350 posibeis.   Se arrimamos a CIUDADANOS son 253, mui por riba dos dous tercios da cámara, circunstancia a ter en conta para os proxectos de ruptura, claro. Tamén, para unha reforma constitucional, o PP mantén unha minoría de bloqueo.  En todo caso  confígurase –xa con amplo consenso e algo de alivio para muitos—un sistema de partido de dobles, un xogo a catro que substitúe no esquema esquerda-dereita a alternancia anterior.

O primeiro que habemos suliñar é o fracaso da operación de Albert Rivera, pois se ben a sùa exportación dende Catalunya permitiu aminorar o castigo ás políticas do PP, sustraindo unha parte da responsabilidade política á exposición electoral, o resultado non permite o mantemento da maioría para a dereita española.  O PSOE aguanta o tirón dos emerxentes de Pablo Iglesias, permítse satisfacción relativa e mesmo postularse como cabeza dunha alternativa “de esquerda” que tería a Pedro Sánchez como candidato.

Enfrente, PODEMOS ten un magnífico resultado que non se pode ignorar, obtendo 69 escanos na sua aparición no Congreso. Nas comunidades onde contou con aliados e aceptou candidaturas plurais é onde consigue mellores porcentaxes –agás Euzkadi, que merecería análise aparte--, mais as diferencias non van máis aló que a de engadirse –substituíndoa--  a representación anterior de partidos nacionalistas agora integrados ou derrotados.

No conxunto do Estado, PODEMOS acada  20,64%, co 20,86%  en Madrid que se comporta acó como centro fiel e representativo.  En comunidades como na xa dita Euzkadi, Baleares, Canarias, Asturias ou Navarra, supera o promedio sen apoios de confluencia.   O relativamente baixo apoio dáse nos feudos do PSOE,  Andalucía e Extremadura, ou en territorios de índole conservadora  como as Castelas, Murcia ou La Rioja. 
Como xa sucedeu en 1982 con Felipe González, houbo unha marea neste caso estatal movida polo desexo de cambio que barreu sen remisión as alternativas locais. En Galiza a colaboración de forzas autóctonas non parece ter mellorado muito os resultados de PODEMOS, de onde se tiraría que a mistura favoreceu máis aos socios ca a éste.

Se o comportamento electoral resulta homoxéneo no conxunto do Estado, no ámbito galego compróbase que nos menos politizados municipios do interior, onde non existe nen a máis mínima presencia organizativa ou militante nen de PODEMOS nen dos partidos da coalición ANOVA e EU, as votacións reflicten un apoio constante e regular.

Resultou, pois, acertada a táctica destes últimos,  obtendo vantaxes que serían negadas absolutamente no caso de non facer a alianza con PODEMOS.    Debemos deixar para máis e mellores análises as consecuencias para o panorama politico galego, para un proxecto nacional e a relación deste coas plataformas de unidade popular, porque nada desto se aclara e non se pode xustificar só coa idea de arredar a Feijoo da Xunta.  Hai que lembrar que sen tanta reconfiguración xa se botou nunha ocasión nada menos ca a Manuel Fraga.

A representación obtida reemplaza os dous escanos que o nacionalismo do BNG tiña no Congreso, con outros dous de Anova (de FPG a deputada de Pontevedra); e o resto de EU,  PODEMOS  e semellante (O deputado por Ourense tense manifestado abondo contrario ao nacionalismo). 

Se chega a formarse un grupo parlamentar da coalición, a marca ENMAREA  resultará máis favorecida, xustificando a enorme aposta que dende o ponto de vista do universo galeguista signicou a alianza.  Ademáis, aporta un elemento máis de presión a favor dunha solución territorial.   

Hai que facer constar, non obstante, que se ben as candidaturas de confluencia de PODEMOS serviron para embeber as presencias expresas do nacionalismo en Euzkadi e en Galiza, non serviron para facer da sua propria posición de conxunto o factor determinante do cambio.   Neste sentido, a súa relevancia na política do Estado deveu en pequena ou, cando menos, escasa.   Ao contrario, e como veremos, o nacionalismo catalán, por mor da súa propria resistencia electoral –decantada á esquerda—e pola matemática parlamentaria, veu dar en decisiva e imprescindibel.

Así, desbotada a probabilidade dun pacto de gorda coalición entre o PP eo PSOE, único dúo coa suma necesaria de escanos, e tamén si o trío PSOE-CIUDADANOS-PODEMOS, non hai outra posiblidade que a de contar coas minorías catalás.

Preséntasenos, pois unha falsa tensión sobre o chamado pacto de esquerdas, que provoca divisións internas no PSOE e activa a reacción da caverna.  A suma de todo o que se puidese opór ao PP –CIUDADANOS  non abondaría sen os cataláns para unha maioría.  Así PSOE-PODEMOS-IU-BILDU e mesmo PNV ou CC non chegaría para unha maioría estabel.

Como era xa previsibel, o ponto de desencontro ou elemento de ruptura está sen dúbida no asunto da demanda catalá de independencia.  O que era o tema central cuestionador do esquema político español (abandoado xa por parte de PODEMOS o relativo ao proceso constituínte, a disxuntiva Monarquía-República, a débeda externa, a posición frente á U.E. e o €uro, a OTAN, o Senado, etc.) toma tras as eleccións expresión matemática indispensabel.

Efectivamente, e acorde coa contradición política ignorada durante a campaña electoral, o dereito a decidir ou a concreción do referendo pasa a constituir o asunto central para determinar o goberno no Estado. E, contra o que se esperaba, non se poderà facer sen o concurso xa non de un, senon dos dous partidos da coalición maioritaria en Catalunya.  

O acordo necesario, pois, do PSOE e PODEMOS, tería que contar con ERC e DL, que sumarían 176 escanos, mais resulta mui evidente a dificultade de asegurar estabilidade no goberno español en base a partidos que queren deixar de ser parte do Estado.

Sen dúbida no panorama político que se presenta, resultaríalle máis doado a PODEMOS obter consensos sobre programas sociais,  combate contra a austeridade e control da corrupción ca un acordo  sobre o referendo en Catalunya, por máis moldeado que se puidese encaixar na normativa constitucional ou coas mínimas reformas que o permitisen.  E aí tampouco non pode PODEMOS ser acomodaticio de máis, porque na sua propria alternativa electoral en Catalunya manteñen esa exixencia, que lles vai nilo a credibilidade e o futuro político.  Non é irrelevante que, ao fin, o Ajuntament de Barcelona veña ter votado a favor da proclama independentista contando para elo coa abstención da mesma Ada Colau. Mentras, a CUP, árbitro circunstancial dunha situación comprometidísima anda dividido diante a investidura de Mas que é máis ca un problema de persoas un asunto nacional catalán.  A mesma encrucillada da CUP demostra que estamos en tempos intensos e en ubicacións  arraianas.  

Quizáis son tempos de entendérmonos mellor, comprender diferenzas e comprobar as pequenas distancias que existen entre o acerto e a equivocación.

En tanto, o certo é que a solución será catalá tanto para o pacto de investidura para o goberno español,  coma para a lexislatura.  Se non, novas eleccións.  E o problema persistirá, aínda que puidera ter solución matemática máis sinxela.

Acerca de Carlos Neira Suárez