Escocia, Cataluña, Córsega?

O pasado 13 de decembro millóns de franceses e europeos respiraban aliviados ao ver como a Fronte Nacional de Marine Le Pen ficaba ás portas de lograr o poder nalgunha das 17 rexións francesas. No estado español os medios centráronse no avance do FN e nas pírricas vitorias do Partido Socialista e os Republicanos. Porén, pouca atención se lle deu á histórica vitoria da candidatura nacionalista en Córsega que logrou ser a forza máis votada na illa e formou goberno por primeira vez na historia.

A pesar das importantes diferencias e as loitas cainitas das últimas décadas, os diferentes partidos do nacionalismo e independentismo corso foron capaces de crear unha lista unitaria vitoriosa, Pé a Corsica. Os resultados obtidos foron mellores do esperado, 52.000 votos na segunda volta, dobrando a porcentaxe da primeira volta até chegar a un 35%, 7 puntos por riba da candidatura socialista. Estes resultados déronlle á coalición nacionalista unha maioría simple bastante forte, 24 dos 49 escanos da Asemblea Corsa e, sobre todo, un mandato democrático para lograr unha maior autonomía política e financeira, un desenvolvemento máis sustentable da illa e a normalización da lingua corsa.

A vitoria de Pé a Corsica é a consumación de décadas de loita pola autodeterminación da illa. Loitas que comezaron nos 60 coas protestas polo subdesenvolvemento histórico, a emigración masiva ao continente e a chegada de 17.000 colonos “pied noires”de Alxeria. Nos 70, 80 e 90 esta inestabilidade tornou violenta coa creación da Fronte de Liberación Nacional Corsa que protagonizou ducias de sabotaxes e accións terroristas tanto na illa como no continente. Con todo, en xuño de 2014 o grupo armado anunciou un proceso de desmilitarización e saída da clandestinidade. Este paso é chave clave pra entender a vitoria nacionalista nas eleccións e a creación dunha lista unitaria entre autonomistas e independentistas.

O horizonte que se abre na illa é incerto, Pé a Corsica non ten maioría absoluta e as forzas centralistas xa comezaron unha campaña contra o goberno nacionalista, por, entre outras cousas, empregar a lingua corsa na Asemblea da illa. Hai que recordar que en outubro o Senado francés rexeitaba ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais que permitiría unha mínima protección para as linguas do estado francés (Corso, Occitano, Vasco, Bretón, Alsaciano, Catalán, Arpitán, Flamenco). Por outra banda, iniciativas como unha maior devolución de poderes, a unificación dos tres departamentos nos que se divide a illa ou a amnistía aos membros presos da FLNC terán que ultrapasar a resistencia da dereita e a esquerda centralista.

Con todo, os nacionalistas corsos terán so dous anos por diante cunha maioría relativa pra cumprir as expectativas dos votantes. Na Escocia o SNP, cunha minoría máis pequena, foi capaz de gobernar efectivamente e converterse en menos de dez anos no partido hexemónico. O desafío é ben grande, mais tras décadas de gobernos de socialistas e republicanos, unha gran parte da cidadanía corsa ve este novo goberno con esperanza. Córsega está camiño de converterse de novo nun referente na loita pola autodeterminación dos pobos europeos como xa o fixera no sec. XVIII, protagonizando unha das primeiras revolucións burguesas. Desde Galicia, visto o panorama, aos nacionalistas non nos queda outra que mirar con envexa ao goberno corso e aprendermos da súa experiencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.