0 Gardados para despois

Antón Baamonde

En Marea, vista en perspectiva

Comecemos polo encadre: calquera goberno español terá que lidar cunha débeda pública que alcanza o billón de euros e representa case o 100% do PIB. No momento actual España vive un momento relativamente doce despois da tormenta que encarreirou ao país no sentido que desexa o capitalismo sen fronteiras. O prezo do petróleo, o turismo e, sobre todo, a política monetaria posta en marcha por Draghi, emulando a americanos e xaponeses, está dando un respiro á economía española que veremos canto dura. Os países debedores téñeno agora un pouquiño mellor que hai catro anos, pero a terra treme debaixo dos nosos pés. As políticas de destrución do benestar e de incremento da desigualdade –as políticas neoliberais- seguirán sendo postas en obra por quen pode facelo despois dos interregnos electorais.

Este aserto vale para todas as hipóteses de goberno: tanto para as de centro dereita –un pacto PP-C´s-PSOE- como para as de centro esquerda –un pacto Podemos-PSOE-. Os límites de modelo social e económico dentro dos que terá que xogar un futuro goberno español están claramente establecidos. Véxase Grecia. Do meu lado, se tivera que apostar faríao a favor dun goberno do PP que contase coa abstención de C´s e PSOE, acaso despois dunha nova convocatoria electoral. Non é que non sexa posible un goberno Podemos-PSOE, que ao fin e ao cabo é a preferencia da maior parte dos electores, e que, ademais, podería conformar unha grande alianza cos PIGS e mesmo Francia para limitar a hexemonía ordoliberal de impronta xermánica, pero coñecendo España, a súa cultura política, os designios das súas elites, a maneira coa que se manexa a cuestión catalá e etcétera esa posibilidade paréceme lonxe. Digamos un 10% de opcións.

Se tivera que apostar faríao a favor dun goberno do PP que contase coa abstención de C´s e PSOE, acaso despois dunha nova convocatoria electoral

Por outro lado, despois dun período de relativa incerteza, as eleccións do 20-D déronnos unha fotografía do actual momento electoral. E está aínda máis claro que antes –que xa o estaba- que non haberá reforma constitucional que non teña que pasar polo consenso co PP, ou co tándem PP-Ciudadanos. Probablemente se repitan as eleccións, pero ese dato seguirá estando aí. Así que será moi difícil proceder a unha reforma real e efectiva do aparato xudicial, incluído o CGPJ e o TC, e da administración pública con esa minoría de bloqueo. A pesar de que Ciudadanos propón a desaparición das Deputacións –algo co que todos estariamos de acordo- sería un milagre que o PP aceptase tal requirimento. Modificar a Constitución nun sentido democrático, eliminando, por exemplo, a tutela militar sobre a unidade do Estado ou constitucionalizar os dereitos sociais será moi difícil. Xa non digamos as políticas de recoñecemento da condición plurinacional do Estado. Así que haberá reforma constitucional, pero veremos cales serán os seus eixos vertebradores. Os novos consensos están por decidir. De momento, o factor positivo é Podemos que sitúa o debate en termos máis racionais e pode contribuír a facer presión sobre o PSOE nunha dirección máis progresista. Ao mesmo tempo Ciudadanos fracasou como partido bisagra. Os nacionalistas seguen tendo moito que dicir e capacidade para condicionar. Tamén que –hai que lembralo, en perspectiva comparada- ningún Le Pen tivo fortuna de momento.

O encadre: a relación de forzas no marco europeo tan favorable ao modelo económico e social ordoliberal e a capacidade do triángulo PP-C´s- e, ao menos unha facción do PSOE, de condicionar en sentido conservador toda mutación do Estado. Toda acción de goberno en Galicia ten que tomar en consideración esas realidades maiores que se impoñen pola súa forza. Xa o deixou dito Marco Aurelio: ninguén dixo que a batalla fora fácil.

A incerteza derivada do escenario pos 20-D terá introducido confusión nas mentes do PPdeG. Posiblemente á vista do desastre desistan de convocar eleccións antes da fin da lexislatura

E agora veñamos para Galicia. A incerteza derivada do escenario pos 20-D terá introducido confusión nas mentes do PPdeG. Posiblemente á vista do desastre desistan de convocar eleccións antes da fin da lexislatura. Pero, sexa como for, cando sucedan o máis probable é que se abra camiño a posibilidade dun goberno alternativo da Marea co PSOE e, tal vez, o Bloque. A crise, se algo ten provocado é a crise do sistema de partidos, así en Cataluña como en España, e así en Francia como en Italia ou Grecia. A Marea, nese sentido, non é un soufflé. Responde ao desexo, amplamente compartido, de restaurar a danada protección social e a confianza no futuro, os dous elementos maiores que as elites se están levando por diante, instaurando un mundo de desigualdades no que o temor se expande por todas partes. Estamos entrando en terra incógnita e estraña, e a xente non se sinte protexida polos partidos tradicionais. Ergo, hai máis voces. E seguirá habéndoas. Se na súa configuración actual a Marea se esnaquiza seguirá habendo un territorio político que restaurar produto dos enormes choques sociais que estamos vivindo. Imos a un mundo máis coral, de interpretacións máis dispersas, por tanto, máis fragmentado no social e no político. Un mundo máis complexo.

O máis probable non significa seguro, porque Feijóo non é mal candidato, ten notables recursos –o 36% do voto tivo o PP o 20-D, máis o 9% C´s- e porque, sobre todo, aínda non se sabe a quen terá enfronte. E aínda que un está tentado a pensar que, hoxe por hoxe, a baraka da Marea é de tal magnitude que tería éxito aínda propoñendo de Presidente a un completo idiota nunca se sabe. Hai que desconfiar porque as porcentaxes son moi axustadas. Por non dicir que a complicada xeometría española podería facer que o PSOE desistise de apoiar á Marea para conformar goberno se está embarcado nun proxecto de colaboración co PP no Estado. Non é fácil, pero non é imposible, a pesar dos custos que tería para ese partido.

A Marea ten o vento de popa e pode, perfectamente, ser o grupo maioritario da oposición e, ademais, a grande distancia dos seus competidores segundo como xogue as súas cartas e como evolucione o escenario político español nestes meses

Pero o dito: A Marea ten o vento de popa e pode, perfectamente, ser o grupo maioritario da oposición e, ademais, a grande distancia dos seus competidores segundo como xogue as súas cartas e como evolucione o escenario político español nestes meses. En realidade, abóndalle con non meter a pata e recibir o apoio de todos os que desexan desfacerse do PP e ven nela a forza fundamental dun cambio en Galicia. O seu caladoiro de votos pode ser moi amplo, como xa o é, por outro lado. Ademais, a Marea ten a sorte de que o PSOE depende do seu particular e intricado labirinto español, no que a hipótese da pasokización cada día colle máis forza, e o Bloque non da signos nin de intentar saír do furado no que el mesmos se meteu. Ao contrario, a tenor das declaracións dos patróns do barco, máis que das dos grumetes, a tendencia é a reincidir no erro. Dadas as súas tendencias instintivas o Bloque é un partido incómodo: a Marea temería o seu desembarco. Et pour cause ! 

Agora ben, as debilidades da Marea non nacen do seu momentum electoral, que é excelente. O problema pode ser o día seguinte á hora de gobernar. As dificultades dalgún goberno municipal nacido das eleccións de Maio ilustran a afirmación, pero un podería levar a vista máis atrás e lembrar que a práctica totalidade das grandes cidades galegas foron gobernadas polo seu antecesor máis claro, o BNG, ou por coalicións desa fronte co PSOE, con resultados dispares. No xuízo poderían incluírse os gobernos do PSOE, talmente os de Carlos Príncipe e Francisco Vázquez, e os bipartitos municipais de varia condición para facer a exexese dos seus logros e miserias. Tampouco viría mal lembrar a experiencia do bipartito e a do tripartito, por lonxe que pareza este último. Se a Marea fracasara na acción de goberno sería unha pedra máis no lombo dos que optan por unha modernización autocentrada do país. Marcaría toda unha xeración. Sería, ademais, un fracaso máis culpable por dous motivos: porque existe esa longa experiencia previa e por que, neste momento, todo conspira para favorecer a transformación. Galicia necesita unha pasada pola esquerda e o nacionalismo  pero ha de ser ben deseñada, se ha de construír de modo perdurable.

Se a Marea fracasara na acción de goberno sería unha pedra máis no lombo dos que optan por unha modernización autocentrada do país. Marcaría toda unha xeración

Esa Marea terá que gobernar Galicia no ámbito dunha España complicada. Non sobrará o diñeiro. Continuarán as políticas de austeridade, aínda que matizadas, o que terá enormes consecuencias nos orzamentos. Pénsese só, para poñer un exemplo, no que significa facerse cargo do desastre do Hospital Álvaro Cunqueiro e, en xeral, do SERGAS, un dos  núcleos do benestar do país. Sábese que as finanzas da comunidade autónoma non son positivas e que a súa estrutura financeira e industrial quedou moi tocada coa xestión da crise. Tampouco se ve, no ámbito político, cal será o papel de Galicia na reforma do Estado, se é que ha de ter algún papel e facer valer a súa condición, referendada na anterior Constitución, de nacionalidade histórica  -caemos tan baixo que temo que nos teremos que agarrar a ese suceso pasado-. Tal vez habería que poñer sobre a mesa a posibilidade de redactar un novo Estatuto, para o que será necesario, case con toda seguridade,  o consenso do PP e por suposto o do PSOE. En definitiva, os dirixentes da Marea terán que saber xogar o seu papel institucional e intentar ir máis aló de modo construtivo e consensuado, en ruptura cos seus hábitos actuais.

Esa Marea terá que gobernar Galicia no ámbito dunha España complicada. Non sobrará o diñeiro. Continuarán as políticas de austeridade, aínda que matizadas, o que terá enormes consecuencias nos orzamentos

Se colixo ben, nestes momentos a Marea ten un déficit de definición. Máis aló das grandes palabras, que sempre son de ida e volta, non hai un programa claro e factible de goberno, un programa que vaia dende os problemas da Facenda Pública ata a política europea pasando polas iniciativas en I+D+i –nese terreo o bipartito sentou unha directriz-. Ese aspecto terá a Marea que resolvelo. E de modo conexo, a cuestión do talento. A materia gris, o factor humano: un goberno faise con persoas e non sobran os individuos cualificados. A Marea, ata onde se sabe, carece de cadros formados nos diversos ámbitos. O universo de CCOO, do entorno de Yolanda Díaz, tal vez será unha fonte de recursos humanos, o mesmo que determinados entornas nacionalistas, de incuestionable formación. Pero facerse cargo da xestión política da industria, da CRTVG, da pesca e do trato cos armadores, conserveiros e etcétera non admite improvisacións. Obsérvase en certos ámbitos do país unha rara confianza, case diría máxica, nas propias capacidades que vai correlativa a un desprezo da intelixencia dos adversarios. É unha actitude enormemente equivocada. O que está en xogo é idear un enteiro programa de modernización do país en ruptura coa orientación conservadora. Faría ben A Marea, se non o está facendo xa, en conformar un goberno á sombra e en ir pensando os nomes.

Faría ben A Marea, se non o está facendo xa, en conformar un goberno á sombra e en ir pensando os nomes

Son os problemas obvios. Deixo no tinteiro, porque me teño referido a el en moitas outras ocasións, que a Marea terá que saber convivir co seu propio proceso de decantación política. Cabe que a Marea acabe dividida en dúas: unha alma Podemos e outra alma nacionalista. De ser así a alma nacionalista tería que encontrar a súa definición emancipándose definitivamente da matriz da cultura BNG –algo nunca visto na Galicia contemporánea- . Ou que se configure como un moderno PSC na súa relación con Podemos. Ou que dea lugar a unha nova formación, un novo suxeito político na alambicada linguaxe dos neófitos, confederada con Podemos, ou non. Xa ven: como estamos nunha encrucillada hai moitos camiños abertos.

Acerca de Antón Baamonde

Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de filosofía e escritor. O seu campo é o ensaio filosófico e polítco. O seu último libro é A Derrota de Galicia (2012). Foi colaborador, entre outros, de La Voz de Galicia e El País.