Aparecéuseme a Virxe da autodeterminación

As aparicións marianas teñen ocorrido nos sitios máis variados. Na rúa máis transitada dunha vila no medio da tarde, ou como diría un vello alugador meu, nunha eira do pobo máis terremoto [sic]. Pois ben… a min hoxe aparecéuseme a Virxe da autodeterminación entre pantalla e pantalla do facebook.

E a inesperada aparición tiraba de min para buscar no Google pola maldita palabra: autodeterminación. A verdade é que ao igual que as visións de nosa señora, o vocábulo está bastante pasado de moda xa. Igual agora dicimos “capacidade de decidir”, “dar a voz ao pobo”, etc., e o caso é que hai xa uns anos que non a escoito tal e como era antes: “autodeterminación”.

Este asunto que caeu sobre min na tarde de hoxe parece ser o pico estrela nas etapas de montaña da negociación que se abre trala importantísima noite electoral do 20 de decembro. Principalmente entre dous axentes destacadísimos do novo panorama político: Podemos e as súas coalicións, especialmente En Marea e En Comú Podem, e o tradicional pero noutrora rachador PSOE/PSdG. Si, todos fomos mozos.

Non pasaran aínda 24 horas e xa saíran Corcueras, Leguinas, García-Pages ou Fernández Varas a acender as lámpadas vermellas advertindo da catástrofe. E os que faltan por vir. Alomenos, a estes vémolos. Son máis preocupantes os que comandan as luces a distancia. Pero ben sabe a xente do mar que por moi vermellas que se vexan as luces, nun barco as verdes igual están a catro dedos de distancia. O caso é que pode ser que o barco dea a volta ou simplemente que os que van en cuberta o vexan dende babor ou estribor. Mais tanto para unha cousa como para a outra, é preciso saír do inmovilismo e virar o temón, ou dar uns pasiños para cambiar de perspectiva.

É certo que os cambios e mesmo o inmovilismo deben ser razoados e non deberse a un “porque si”, ou un “porque sempre foi deste xeito”.

O primeiro razoamento que tiro é o do buraco negro histórico que fixo desaparecer a proposta do tan admirado e modernizador XIII Congreso que o PSOE celebrou en Suresnes. Daquel encontro fálase moito do abandono do discurso marxista, pero non tanto doutra importante resolución que tamén se tomara:

“La definitiva solución del problema de las nacionalidades que integran el Estado español pasa indefectiblemente por el reconocimiento del derecho de autodeterminación de las mismas, que comporta la facultad de que cada nacionalidad pueda determinar libremente las relaciones que va a mantener con el resto de pueblos que integran el Estado español”

Pois ben, chegados a 2015, creo que é bo momento para que os membros dirixentes e resto de militancia do PSOE debatan entre eles a vixencia ou non da súa propia resolución, e logo que expliquen ao resto dos cidadáns a quen piden o voto o resultado final motivado do seu debate.

O segundo razoamento que propoño é unha básica regra de tres. Os días de votación moito se enche a boca dos representantes políticos de elocuentes tics do tipo “O pobo é sabio”, “O pobo é o que ten a palabra”, “A democracia exprésase nas urnas”... Pero isto só ten valor se as papeletas que metemos nos caixóns transparentes teñen únicamente os seus nomes ou os das súas organizacións políticas. Verdadeiramente, hai medo na clase política a que o que metemos na urna sexa un papel marcado cun Si ou Non, cun Máis exército ou Menos exército, cun Claro que contigo ou un Mellor cada un polo seu lado.

Moita da política tradicional e algunha da nova ten tendencia por non permitir que o pobo ao que di representar non elixa máis que os que logo os representarán en absolutamente tódalas decisións. Xa eles se ocupan de definir absolutamente tódalas vías, camiños e destinos sen cruzamento ningún. Eles conforman o presente, o futuro e o horizonte. E para soportalos, contan tamén con grandísimos pensadores en numerosos medios de comunicación. “Creadores de opinión” como lle oín definir ao seu propio clan de tertulianos a un dos grandes próceres, hoxe en horas baixas, do pensamento esquerdoso un día calquera na Cadena Ser.

Un querido amigo en Podemos axudoume un día a abrir un pouco máis os ollos. Falando doutras lerias “O problema é que eu non son nacionalista”. Pois ben, malia non ter sangue, correntes ou tradición do que se entende tradicionalmente por nacionalista, a regra básica que se apoia é que se verdadeiramente o pobo decide, o pobo é maduro, o pobo é sabio e sabe cara onde quere ir, onde está o problema en nos preguntar?

O terceiro e último punto que quixera expor é unha ferramenta dialéctica para o PSOE e outros no caso de que trala guerra interna que se albisca decidan dar un paso adiante (ou de volta a Suresnes, segundo se mire). Estou seguro de que teñen mentes privilexiadas dabondo para elaborar un convincente discurso explicando o importantísimo paso que teñen a obriga de dar devolvendo o poder de decisión á xente pero se lles faltan ideas sempre poden acudir a estratexias políticas actuais: a un concepto sempre lle podemos cambiar de nome por outro novo, inmaculado e con sonoridade. É algo moi visto na nosa historia recente para cando unha idea ten malas, perigosas, ou vellas connotacións: crecemento negativo, mobilidade exterior, cesamento temporal da convivencia, desaceleración económica ou mesmo disfunción eréctil.

Se autodeterminación parece unha palabra antiga, trasnoitada e perigosa, ou mesmo se non se quere utilizar porque canta moito o cambio de rumbo e non o queremos explicitar tan de golpe, sempre podemos botar man de termos máis asépticos como “autodefinición”, “libre conformación do estado”, etc. Incluso chegar a retorcer a linguaxe como “Aseguramiento de la unidad nacional por medio de la decisión popular”. Non sería moito máis contradictorio que o obxectivo buscado baixo o título de “Galicia bilingüe”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.