Fusilar a Deus

Cando Lenin e os seus seguidores deciden instaurar a ditadura do proletariado, en 1917, nun inmenso país, o máis pobre de Europa, o sistema ruso era o Antigo Réxime de grandes propietarios da terra e o campesiñado traballándoa con métodos primitivos e mentalidade servil. A falta de proletariado leva, necesariamente, ao teimudo Lenin á necesidade de socializar o campesiñado.

Rosa Luxemburgo vaticina o que vai suceder, que a distribución dos latifundios entre a sociedade agraria, reforzaría o poder da propiedade privada no campo, e deste modo impediría a socialización da agricultura

Foi un grande erro, percibido lucidamente por Rosa Luxemburgo que comentou: A consigna de ocupación e reparto das terras entre os campesiños, lanzada polos bolcheviques…, non soamente non é unha medida socialista, senón que é o seu oposto, e crea dificultades insuperables para o obxectivo de transformar as relacións agrarias nun sentido socialista. Rosa Luxemburgo vaticina o que vai suceder, que a distribución dos latifundios entre a sociedade agraria, reforzaría o poder da propiedade privada no campo, e deste modo impediría a socialización da agricultura.

Temos o exemplo en Galiza. Os propietarios da terra, con ideas retrógradas, defenden con uñas e dentes a súa propiedade e impoñen o seu criterio político e contra calquera intromisión pública, xa sexa de índole agraria, distributiva, ecolóxica, arquitectónica...

Nunha sociedade propia do Antigo Réxime, a Igrexa tiña un enorme poder en Rusia. Superior ao coñecido por nós. Probado, penso eu, polo feito de ser toda a pintura relixiosa, até épocas recentes. Antes do s.XVIII, só encontramos iconas e máis iconas.  

Dada a composición do pobo ruso, atrasado e relixioso, os bolcheviques non tiñan outra opción que caer nunha contradición e traizoar os fundamentos máis valiosos da política socialista, da democracia e incluso do respecto da vida humana. Da necesidade do poder, sexa como for, saíu a Checa, as Purgas dos camaradas díscolos, ou a morte do inimigo.

Dada a composición do pobo ruso, atrasado e relixioso, os bolcheviques non tiñan outra opción que caer nunha contradición e traizoar os fundamentos máis valiosos da política socialista, da democracia e incluso do respecto da vida humana

Chegamos ao tema. Un inimigo fundamental era Deus. Decidiron condenalo a morte, mediante un xuízo sumarísimo. Configuraron un tribunal. Sendo Deus algo intanxible, substituíron o reo que sentaría na cadeira de acusado, por un libro: a Biblia. Presidindo a vista, en nome de Lenin, foi nomeado unha persoa da súa confianza: Anatoli Lunacharski. Un fiscal, un avogado defensor e un tribunal popular, completaron o escenario.         

Divulgáronse na sala todos as crueldades padecidas pola Humanidade, os xenocidios, as pragas, as pestes, os duros traballos, toda a ruindade con que Deus asolou a pobre xente, non sendo menor a alienación que confundía as mentes máis ignorantes. Un opio xa sinalado polo marxismo. 
O presidente do tribunal leu a sentenza declarando a Deus culpable e condenándoo a morrer, á saída do sol,  ante o pelotón de fusilamento bolchevique, disparando ao ceo. Así foi, o 17 de xaneiro de 1918. A continuación declarárono oficialmente morto. 

Vai para un século e o mundo segue sen decatarse desta defunción. Na propia Rusia, tiven ocasión de constatalo, a relixión segue moi viva e nas igrexas e catedrais abonda a xente devota que acende velas. No que chamamos Occidente, aínda queda unha considerable poboación relixiosa, pero onde deus, Alá, ten absoluto poder é nas poboacións orientais onde Alá incita á guerra contra os infieis e o desprezo ás mulleres: as propias, seres inferiores que deben cubrir un corpo que escandaliza; as infieis que como corpos pecadores deben ser abusadas e violadas.

No que chamamos Occidente, aínda queda unha considerable poboación relixiosa, pero onde deus, Alá, ten absoluto poder é nas poboacións orientais onde Alá incita á guerra contra os infieis e o desprezo ás mulleres

Canto vai durar esta crenza nociva nas mentes humanas? Será verdade que existe o xene divino? Algúns, non me atrevo a chamarlle científicos, falan dunha predisposición xenética para as crenzas ou o esoterismo, tendo en conta a permanencia de “fes” aínda nesta altura da civilización.

Non todo é xenético na mente. O cultural tamén inflúe. Non pretendo teorizar aquí nun momentiño, pero creo que ter unha fe proporciona unha seguridade e unha comodidade para persoas pouco dadas ao esforzo, a termar da súa vida e a considerar a responsabilidade a súa conciencia. A maioría de comunidade científica non quere nin oír falar de deus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.