Quen mata debe ser perseguido

Os recortes matan. Ese é o lema da nosa Plataforma, en xeral o das diferentes plataformas de afectados que xurdiron en diferentes puntos da xeografía do Estado, aglutinando a persoas que necesitabamos dar saída á carraxe e desesperación en que nos tiñan sumidas as autoridades políticas que nos negaban o acceso a fármacos que podían curarnos dunha enfermidade que compromete as nosas propias vidas.

Detrás desa decisión política non había criterio médico ou científico que puidese xustificala. Máis aínda, nin sequera en termos de rendibilidade custo-beneficio (asumindo a idea de que isto aplicado á saúde sexa moralmente lexítimo) se podía xustificar

E é que detrás desa decisión política non había criterio médico ou científico que puidese xustificala. Máis aínda, nin sequera en termos de rendibilidade custo-beneficio (asumindo a idea de que isto aplicado á saúde sexa moralmente lexítimo) se podía xustificar: O tratamento cos novos fármacos que irromperon a principios de 2014 no mercado non era en termos de custe máis oneroso que un transplante (ao que, en última instancia estamos abocados quen padecemos unha hepatite por virus C crónica). Peor aínda, non se estaba a subministrar o tratamento a enfermos en lista de transplante ou xa transplantados, a sabendas de que os fígados enxertados se infectaban no 100% dos casos e de que o 90% dos transplantados ían desenvolver unha nova hepatite crónica no prazo máximo de cinco anos, con unha rápida evolución posterior desta enfermidade. Mesmo houbo casos de doentes que necesitaron ser re-transplantados mentres agardaban a poder recibir os novos fármacos.

Hai que concluír que, xa que logo, a motivación (ao non ser nin de carácter científico nin de rendibilidade económica) só podía estar motivada pola cuadratura das contas a curto prazo, independentemente dos custos sociais que isto puidese xerar (a base do que se denomina “políticas de austeridade”). Esas políticas foron proclamadas como obxectivo desde o goberno do Estado. E, en numerosas declaracións públicas, o Presidente da Xunta, así como a súa daquela Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, alardearon de seren quen mellor as estaba aplicando. Presumían, podemos dicir, de ser os alumnos máis avantaxados na aula dos políticos implementadores desas políticas. O que non mediron, ou máis ben desprezaron no seu cálculo político, é que se esa filosofía de administrar o público que xeraba en xeral desigualdade, bolsas de exclusión e terribles custos sociais para os máis débiles, aplicadas á xestión da saúde o que provocaban eran mortes.

Hai que concluír que, xa que logo, a motivación (ao non ser nin de carácter científico nin de rendibilidade económica) só podía estar motivada pola cuadratura das contas a curto prazo

E sucede que a vida humana é o máximo ben xurídico a protexer, a fonte de todo dereito. Por iso era inevitable que as autoridades (polo de agora a Fiscalía) xudiciais acabasen por intervir diante da evidencia innegable da relación directa entre a omisión, o impedimento na práctica, da administración a algúns pacientes daqueles fármacos que lles foran prescritos polos seus médicos e o seu falecemento. Veñen, en suma, dicir que o que o noso lema proclama é unha verdade desde o punto de vista do Dereito.

Toca agora que identifiquemos e fagamos entrar en escena os actores deste drama. Son varios e están en diferentes niveis: Por unha parte temos aos xa mencionados Núñez Feijoo e Rocío Mosquera que decidían e orientaban con carácter xeral as políticas en materia sanitaria. Aínda máis: ambos en diferentes comparecencias parlamentarias e declaracións públicas non só evidenciaron estar ao tanto e ter completa información sobre o que estaba sucedendo, senón que se responsabilizaron coa súa acendida defensa de cada unha das actuacións que se estaban levando a cabo. Non poderán, daquela, negar esa responsabilidade nas consecuencias xudiciais e penais que deses feitos poidan derivarse. É ilustrativo o grotesco, e insultante, episodio protagonizado polo Presidente cando presumiu no Parlamento de que o feito de que un membro da Plataforma necesitara un segundo transplante de fígado despois de un ano agardando por unha medicación que nunca lle fora administrada poñía de relevo o “bo funcionamento” do sistema sanitario galego.

Outra das personaxes relevantes é o daquela Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial. No seu rol de factótum no SERGAS era quen formalmente presidía a subcomisión de tratamentos da hepatite C na que as prescricións dos especialistas eran denegadas ou aparcadas por longo tempo. El asinaba persoalmente as notificacións de denegación e el administraba os tempos. Terá agora que asumir do mesmo xeito as consecuencias que se poidan derivar na esfera xudicial dos seus actos.

Carolina González-Criado, Subdirectora Xeral de Farmacia, era quen presidía na práctica as reunións da subcomisión. Era a súa función, por tanto, velar porque as directrices políticas da Consellería inspirasen os acordos que nela se adoptasen.

Agora terán que explicar que criterios utilizaban, se efectivamente eran eles quen impoñía ao poder político as decisións, en contra da opinión reiteradamente expresada pola comunidade médica

E temos, por último, aos membros (médicos e farmacéuticos) da Subcomisión. Eses cuxo anonimato a Consellería fixo toda clase de esforzos por manter, mesmo en contra do establecido pola Lei de Procedemento Administrativo galega. Fomos nós quen tivemos que desvelar publicamente quen eran. No plano formal eran eles quen tomaban as decisións que desembocaban na administración ou non dos fármacos. As actas das súas reunións nunca se fixeron públicas nin foi posible ata agora acceder a elas. É de esperar que no procedemento xudicial esas actas saian á luz e saibamos por fin cal era o seu funcionamento e como eran as deliberacións e adopción de acordos no seu seo. Eles foron o elemento imprescindible, a coartada invocada reiteradamente polo Presidente e a Conselleira nas súas manifestacións públicas e parlamentarias. Todo se facía, segundo eles, de acordo con criterios científicos ditaminados por esa comisión semi-clandestina. Agora terán que explicar que criterios utilizaban, se efectivamente eran eles quen impoñía ao poder político as decisións, en contra da opinión reiteradamente expresada pola comunidade médica (declaracións institucionais da Sociedad Española para el Estudio del Hígado, do Consejo de Colegios Médicos de España ou do Colegio Médico de Pontevedra, que tamén esixiu que se fixera pública a súa identidade), ou se, pola contra, o que fixeron foi pregarse ao que desde o poder se lles esixía.

Hai, por último, outros actores do drama aos que non vai haber posibilidade de estender as responsabilidades penais. Trátase deses homes e mulleres que se sentan na bancada do Grupo Popular no Parlamento do Hórreo

Hai, por último, outros actores do drama aos que non vai haber posibilidade de estender as responsabilidades penais. Non por iso deixan de ser cómplices necesarios e entusiastas. Trátase deses homes e mulleres que se sentan na bancada do Grupo Popular no Parlamento do Hórreo. Deputadas e deputados que aplaudían con entusiasmo as intervencións despectivas e fachendosas do Presidente e a Conselleira. Os que sen a menor piedade premeron o botón do “non” a moción que nós leváramos ao Pleno pedindo que cesara o trámite desa subcomisión que impedía que o que os médicos receitaban chegase aos pacientes, xusto o mesmo día en que era enterrada unha das vítimas polas que o fiscal agora acusa.

As mortes evitables, por desgraza, foron moitas máis. As persoas que tiveron que vivir a angustia e desesperación de non recibir o tratamento prescrito, mesmo en situacións moi graves, decenas

Todo isto é o que agora o proceso xudicial debera pór de manifesto. Tres son os casos de falecementos nos que a Fiscalía chega a conclusión de que son consecuencia directa de delitos cometidos desde a administración. Mais a administración está constituída por persoas, por suxeitos xurídicos que teñen que responder das súas actuacións. As mortes evitables, por desgraza, foron moitas máis. As persoas que tiveron que vivir a angustia e desesperación de non recibir o tratamento prescrito, mesmo en situacións moi graves, decenas. Agora é o tempo de que a Xustiza actúe, de que se diriman as ramificacións penais deste asunto. Desde a nosa Asociación, imos traballar denodadamente para que sexan substanciadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.