Podemos, En Marea: Un espazo por construír

A pasada semana armaron un gran rebumbio as declaracións de Breogán Rioboo, nas que entre outras cousas sinalaba un exceso de nacionalismo na campaña de En Marea e reclamaba un maior peso para Podemos, chegando a abrir a posibilidade de que o partido morado se presentase en solitario ás eleccións ao Parlamento galego. As súas palabras recibiron críticas dentro e fóra de Podemos e na miña opinión erran no conxunto da súa argumentación, pero dan pé a reflexionar sobre algúns aspectos moi oportunos, sobre o que é ou debe ser Podemos-Galicia e o que é ou debe ser En Marea.

Afirmou Rioboo que En Marea buscara en exceso o voto nacionalista e pode que nisto teña razón. Ou non. Pero en todo caso é un tema interesante que pode ser debatido. É probable que o discurso público de En Marea sexa máis nacionalista (signifique o que signifique isto) que o seu electorado o pasado 20D ou que o seu electorado potencial (que é moi superior e que lle pode abrir as portas do goberno da Xunta dentro duns meses). Pero en todo caso este debate -valioso, como todos os debates que se deben dar, dende abaixo, dende a xente, sobre o que debe ser En Marea- hai que dalo tendo presente que En Marea é o mellor instrumento do que ata agora se dotou a cidadanía para conseguir un cambio real en Galicia e contribuír a un cambio social efectivo en España. Non se trata de adiar debates nin de que certas cuestións sexan tabú, senón de que os discusións ou as diverxencias sirvan para facer crecer o movemento de cambio. En Marea non é o único instrumento político posible pero si o máis efectivo.

En Marea debe ser un espazo no que a sociedade real se sinta identificada e no que sinta que pode facer política. Todo isto xa o dixo mellor Xaime Subiela, que neste artigo reflexionou sobre as tarefas inmediatas que a candidatura ten por diante, con estes retos -difíciles, propios da experimentación e do feito de estar creando un movemento novo, con novos paradigmas, e de gran calado na sociedade, de transformación- de “articular a complexidade”, de crear unha ferramenta útil e eficaz e ao mesmo tempo porosa e atenta aos fluxos que cheguen da base, de conformar un espazo cooperativo e amable.

Recollendo a reflexión de Rioboo, En Marea non debe ser unha candidatura nacionalista, nin tampouco non-nacionalista. Dubido moito, en calquera caso, do interese real deste debate. Non se trata do máis ou menos nacionalista que sexa a mensaxe, senón do proxecto de sociedade que se quere construír e das solucións que se poden dar aos problemas da xente. Supoño que se o nacionalismo serve para algo será para transformar a sociedade, a nación, e non para sobrevivir como un obxecto de museo.

Na intervención de Rioboo hai unha queixa e unha reivindicación de parte. Defende que en En Marea hai forzas sobrerrepresentadas (en referencia a Anova, principalmente) e que Podemos non acadou o protagonismo que lle correspondería en función da potencia electoral da marca. É moi probable que de novo teña razón, pero tamén aquí escolle unha forma errada de defender a súa organización. En primeiro lugar porque estamos nun momento en que a mellor forma de defender e potenciar cada unha das partes dun movemento de suma é defender e potenciar o conxunto. Un conxunto que non só suma, senón que multiplica.

En efecto, a forza nestas eleccións xerais de Podemos como marca e de Pablo Iglesias como líder é innegable. Os datos da enquisa preelectoral do CIS amosan que a principal razón de case sete de cada dez votantes de En Marea para apoiar a candidatura era Podemos, deixando o apoio directo a EU ou Anova moi atrás. Era tamén así (mesmo con cifras superiores para a formación morada) en Cataluña ou a Comunidade Valenciana. Dito doutro xeito: de terse presentado Podemos en solitario en Galicia moi probablemente tería obtido igualmente un fenomenal resultado (non moi inferior ao acadado) e varios deputados e deputadas. Outros estudos amosan que esta realidade, moi clara nunhas eleccións xerais nas que sempre priman os proxectos estatais, non o sería tanto nunhas eleccións autonómicas, nas que o peso de Podemos en En Marea sería inferior. Asistimos, pois, a unha repetición do fenómeno de voto dual (máis nacionalista en eleccións autonómicas, menos nacionalista en eleccións xerais) que existiu noutro tempo entre PSOE e BNG e que afectaba moito ao voto do PSC en Cataluña.

En calquera caso, de que estamos falando aquí? De obter un deputado máis ou menos ou de gañar unhas eleccións? Falamos de gañar ou perder cotas de poder interno ou de acumular forzas para mudar a sociedade? A defensa lexítima da visión de país que pode ter Podemos ou calquera outra organización, grande ou pequena, gaña ou perde efectividade en función da forza que acade En Marea. E, por grande que sexa a capacidade de atracción social de Podemos, é en todo caso inferior ao do conxunto. En Marea, ademais, non é (ou non debería ser) unha suma de partidos. As mareas municipais marcan un camiño do que se debe facer e o pulo dado nos últimos días por Marea Atlántica a unha confluencia impulsada dende as candidaturas cidadás é a mellor das noticias.

Con todo, a reflexión de Rioboo é acaida. En Marea é un instrumento moi útil para Podemos, pero de igual maneira En Marea necesita que Podemos sexa forte en Galicia, que incremente a súa penetración social. Pode que ata agora a formación estea infrarrepresentada, pero iso en boa medida débese á debilidade das súas estruturas na nosa comunidade.

Así como é evidente a capacidade que ten Podemos para -grazas aos seus líderes estatais e a outros referentes próximos como Ada Colau ou Mónica Oltra- atraer milleiros de votantes e configurar unha maioría social, é tamén evidente a fraqueza organizativa de Podemos en Galicia. Unha debilidade que en parte se explica porque Galicia foi (con Euskadi) a única comunidade na que non se celebraron eleccións autonómicas, o que levou a que o proceso de construción da formación fose adiado e seguramente relegado entre as prioridades da organización a nivel estatal. Pero que tamén é produto dunha gran cantidade de erros cometidos. Algúns, comúns ao resto de España, cunha estruturación vertical da organización (pode que necesaria nalgúns aspectos) que tamén limitou a enorme forza que nacía das bases no verán e no outono de 2014. Outros erros son específicos de Galicia, comezando pola non participación da formación nalgunhas candidaturas cidadás nas eleccións municipais do 24M (por exemplo en Vigo) ou a falta de decisión tanto dos círculos locais coma da organización galega para que o papel de Podemos fose noutros lugares maior do que foi.

Podemos é hoxe en Galicia un partido aínda por construír, que debería fixar como reto recuperar a moitas persoas que no último ano e medio se achegaron aos seus círculos e que hoxe reduciron a súa participación. E, tamén, atraer a outras tantas -profesionais, activistas, cidadáns- que se identifican co discurso e as propostas do partido. Un proceso pendente, que debe realizarse en paralelo cunha acción semellante no conxunto de En Marea. Canto máis forte sexa Podemos en Galicia, maior será o seu peso no conxunto do movemento, se é iso do que se trata. Con todo, esta é tan só unha das tarefas que a marea ten por diante. Como dixo Subiela, "a política precisa sentido práctico, máis alá das abstraccións (...) abonda con mirar en global e ao lonxe, e facelo con xente concreta e próxima. Mudar o foco, arrancar os debates do curtopracismo ou do interese do pequeno grupo. Horizonte e camiño. Mirar máis alá e máis acá".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.