Que pasaría se a pesca do cerco desaparecese?

De todos os segmentos da flota galega que están a pasar por momentos difíciles é probablemente o do cerco o que está nunha situación mais complicada. Cando se cumpren xa tres meses do inicio da protesta polo reparto das cotas, tres meses de paro, merece a pena facer unha reflexión sobre a importancia desta actividade na nosa economía e a consecuente necesidade de artellar tanto políticas económicas, como medidas de xestión pesqueira que lles permitan non so sobrevivir un ano máis, senón desenvolverse vigorosa e competitivamente. Comecemos pola súa importancia económica.

A flota do cerco gasta cada ano aproximadamente 60 millóns de euros que se distribúen entre 38 dos 74 sectores fornecedores da pesca galega. Este desembolso, en non poucos casos, se realiza en actividades fortemente dependentes da pesca, como son as gasolineiras portuarias, empresas de cabos e redes, transportes frigoríficos ou en reparacións e mantemento realizado en estaleiros e varadoiros distribuídos por todo o noso litoral. Debemos contar, a maiores, máis de 6 millóns anuais de investimento en novos barcos, instalacións, maquinaria, etc. Contribúe, por outro lado, con 1.300 empregos directos que achegan a economía galega case 40 millóns de euros en salarios, aos que hai que engadir os 7 que ingresan os armadores (cantidade exigua para unha flota de 120 barcos e que reflicte a situación do sector).

A dependencia deste sector non se manifesta so cara atrás, senón que existen tamén actividades transformadoras, sobre todo, aínda que non so, as conserveiras pequenas e medianas, que teñen unha forte dependencia das capturas desta flota, particularmente da xarda e a sardiña. Esta última especie é de particular importancia para aquelas marcas que optaron por estratexias de diferenciación e calidade, xa que esta se apoia entre outros factores, nos atributos que prestan os modos de pesca tradicionais realizados nas rías galegas.

Se desaparecese esta flota e vostede vive en Santiago ou en Madrid é posible que de entrada non o note, a non ser que, como o meu pai, sexa capaz de distinguir o sabor da sardiña atlántica da do mediterráneo. Pero a próxima vez que pase por localidades como Cambados, Camariñas, Portosín, Malpica de Bergantiños ou Marín verá que moitas asesorías, bares ou comercios colgarán o cartel de pechado. Tal vez algún estaleiro local esmoreza agardando por un improbable inversor estranxeiro ou tal vez xa algunha ruta de turismo industrial poda guialo por peiraos, gradas e lonxas, subliñando por igual un futuro incerto e o fin dunha actividade histórica.

É máis, a importancia deste tipo de actividades non deriva so do seu impacto directo na economía ou da demanda sobre outras actividades auxiliares ou relacionadas, senón tamén do seu papel para inducir a innovación neses sectores. A transformación de Galicia nunha economía máis intensiva en coñecemento depende de que sectores como os da pesca exerzan unha demanda de medios de produción e servizos cada vez máis avanzados e especializados aos seus fornecedores locais, é dicir, de abrirlles un primeiro mercado de redes máis eficaces, mellores equipos e maquinaria, novos sistemas de conservación, etc. A modernización de actividades tradicionais xera oportunidades para fortalecer actividades vinculadas de medio-alto ou alto contigo tecnolóxico, abrindo camiño para o desenvolvemento dunha economía baseada na innovación. Neste senso a política pesqueira pode e debe incardinarse nas políticas industriais e de desenvolvemento local.

Por último e, máis aínda que noutras actividades, o método de xestión máis axeitado no ámbito que nos ocupa é a co-xestión. E dicir, débese incorporar non so o mellor coñecemento científico dispoñible, senón tamén a experiencia e coñecemento práctico e contextualizado que acumulan os mariñeiros, así como o seu compromiso cós obxectivos das políticas. O papel da xente do mar é indispensable para unha axeitada gobernanza pesqueira, mesmo porqué o cumprimento das normas depende da súa lexitimidade e aceptación por parte dos involucrados, doutro modo a súa implementación será ineficiente e custosa.

En definitiva, se a pesca do cerco desaparecera perderiamos non só riqueza e emprego, senón unha importante panca para a innovación e o desenvolvemento. Por tanto, compre ampliar o foco, apostar por políticas integrais participadas por mariñeiros e armadores e colectivamente xunto coa administración imaxinar e acordar novas solucións que permitan conciliar a sostibilidade dos stocks, coa sostibilidade de industrias e familias dependentes da pesca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.