Partidos e grupos parlamentarios

No regulamento do Congreso, no Título II (Dos grupos parlamentarios), artigo 23, apartado 2 di: “En ningún caso poderán constituír Grupo Parlamentar separado deputados que pertenzan a un mesmo partido. Tampouco poderán formar grupo parlamentar separado os Deputados que, ao tempo das eleccións, pertenceran a formacións políticas que non se enfrontaran diante do electorado”. E isto é o que algúns aducen para xustificar a negativa a que En Marea poida constituír grupo parlamentar independente. Pero é que isto non se acaba de entender; ou dito doutra maneira: non ten sentido.

Vexamos agora o artigo 99 da Constitución española; no seu apartado 1. Di: “... o Rei, previa consulta cos representantes designados polos Grupos políticos con representación parlamentar ....”. No artigo 99 fala de Grupos políticos ; pero no 23 a referencia explícita é a partidos, primeiro e logo a formacións políticas.

É o mesmo grupo político que partido, ou que formación política?  Podemos, sen moita dificultade, imaxinar que unha coalición electoral ou unha candidatura de unidade popular obteña un número de deputados (mesmo significativo para ser determinante). E podemos imaxinar, coa mesma ausencia de dificultade, que formen parte desa coalición persoas pertencentes a uns partidos e persoas independentes. Quen sería neste caso o grupo político? Está ben claro: a candidatura electoral; e esa candidatura será quen propoña (polos mecanismos que dispuxera para esa clase de decisións) quen manda a falar co Rei. Porque se é o grupo político quen o designa non vai ser o Rei quen decida con quen de que partido desa coalición quere falar.  Ningún partido designa ao representante, porque o representante o é da candidatura non de ningún partido.

Tamén podemos imaxinar, coa mesma ausencia de dificultade que, mesmo, haxa unha candidatura sen xente pertencente a partido algún (pensemos naquela candidatura que houbo polo voto en branco); e pensemos que obtivesen representación parlamentar. O rei non ía falar con ninguén, pois non pertencen a ningún partido político?

Pero é que hai máis: no Congreso non hai partidos políticos. Hai deputadxs, elixidxs, xa o sabemos, en candidaturas (que poden ser “de” partidos, de coalicións, de unidade popular, ou do que sexa). Pero unha vez elixidxs, desaparece todo vínculo con partido algún; mesmo se a candidatura a promoveu un partido; pero non digamos se  non a promoveu un partido, senón que foi unha coalición, unidade popular, ou etc.. E non só porque non haxa (está “prohibido” constitucionalmente) mandato imperativo.

É máis, é que non se agrupan por partidos xs parlamentarixs (nin sequera se as listas remitían exclusivamente a un partido). O que hai son grupos parlamentarios. E os grupos parlamentarios non se denominan, por exemplo: “partido popular”, ou “partido nacionalista vasco”, ou “PSOE”; senón que se denominan “grupo parlamentar popular” (porque os deputados que o forman decidiron chamarlle así), ou “grupo parlamentar vasco” (de ser esa a decisión), ou “grupo parlamentar canario” (de ser o caso). Ou sexa, está claro: non hai partidos políticos no Parlamento. Os deputados non se agrupan en partidos políticos, senón en grupos parlamentarios. Logo, carece de sentido que, se no Parlamento desaparecen os partidos políticos (non existen como tales -outra cousa é que na realidade os deputados si “teñan iso en conta”, pero carece de virtualidade xurídica-), haxa unha esixencia asentada na figura (inexistente parlamentariamente), do partido político.

Ás eleccións preséntanse candidaturas; e os deputados electos o son por pertencer a unha lista dunha candidatura; non por pertencer a un partido político. Mesmo, tampouco esta vez é difícil imaxinar isto: podería pasar que estivese nunha lista, e saíse elixido, alguén que non pertence a ningún partido político senón que é o que se soe chamar un independente. Neste caso, como se lle aplicaría o regulamento? Pois o regulamento  di “pertenza a un partido político” ( e non di o que debería dicer -e  vai ti a saber por que-: “pertenza a unha candidatura electoral”). Se dixese isto, que é o que debería dicer, e que é o que ten algún sentido, entón podería aplicárselle a ese independente (ou aos independentes que houbese) ese artigo do regulamento; de non ser así (ou sexa, de tomar “ao pé da letra” o absurdo que di literalmente e non o que debería dicer de ter algún sentido non inconfesábel), de haber un número suficiente de independente elixidos nas listas da candidatura dun partido (ou o que sexa) poderían formar grupo parlamentar, separado, por esa circunscrición? E xa temos a solución para futuras eleccións: todo o mundo a presentarse como independente e problema resolto. Ou acaso neste caso se pasaría do literal para ir ao sentido (ao “espírito” do artigo).

En efecto, é que o apartado ten un sentido, que un PP ou un PSOE, por exemplo, nos constitúan grupo parlamentar “popular andaluz”, “popular madrileño”, “popular murciano”, etc; e o mesmo o socialista (“socialistas extremeños”, “socialistas asturianos”, etc.). Pero isto é, xustamente, algo ben distinto, do caso do grupo parlamentar galego: non se trata de “podemos Galicia”, “podemos Madrid”, ou podemos o que sexa. En Marea é unha candidatura soberana, unha coalición formadas por varios partidos e apoiada por candidaturas de unidade popular municipal e por unha plataforma popular. Ou sexa, non é “o mesmo” partido (por moito que a sofistería mediática se empeñase e se siga a empeñar en falsear a realidade).

En conclusión: os deputados elíxense en listas que presentan candidaturas e o sentido dese apartado é que se unha candidatura se presenta en moitas provincias non poida dar lugar a varios grupos parlamentarios,  que a mesma proposta electoral dea lugar a unha pluralidade de grupos parlamentarios. En Marea só se presentaba na Galiza. Pola tanto, unha redacción confusa, errónea e claramente contraria á realidade do parlamento (no que non hai partidos: hai que insistir niso), non pode contradicir o espírito, ou sexa, o verdadeiro sentido dese apartado. Repito: falar de partidos, cando estamos a referirnos a representantes no Congreso está totalmente fóra de lugar. E esa redacción debería modificarse para que diga literalmente o que quere dicir, o único sentido que ten; ou sexa, que diga partidos, grupos políticos, ou formación política o que quere dicer é candidatura electoral. A lectura literal leva a paradoxos e sensentidos.

Para rematar, e tomándonos como hai que tomar esa redacción, ou sexa, de broma, ao mellor tamén estamos a tempo de acollernos á solución dos independentes. Como se pode demostrar que os deputados electos non son independentes? (digan o que digan os medios).

O regulamento do senado, por outra banda, presenta, na súa literalidade, a posibilidade clara dunha lectura con máis sentidiño. Di no Capítulo II, artigo 27, apartado 3. “Os senadores que concorresen ás elección formando parte dun mesmo partido, federación, coalición ou agrupación non poderán formar máis dun grupo parlamentar.” Pode, claro, facerse a mesma lectura literal restritiva; pero tamén pode facerse unha lectura máis aberta e máis próxima ao verdadeiro sentido da representación, establecendo equivalencias entre as catro opcións e, polo tanto, dotándose de sentido mutuamente (ou sexa, para o caso, partido “no sentido” de agrupación electoral).

Finalmente; contamos, ademais, con casos históricos en que candidaturas electorais (promovidas por un mesmo partido) “cederon” representantes electos por esa candidatura (partido) a outra candidatura (partido) para chegar aos “números” que permitisen formar grupo parlamentar.
E non se trata do famoso dito “quen fai a lei fai a trampa”; do que se trata é de que a única lectura con sentido do que din os regulamentos das cámaras é “entendendo” agrupación (ou candidatura) electoral; pero, ademais, o que sería inadmisíbel e anticonstitucional (violaría o principio de igualdade ante a lei) sería a arbitrariedade de que “nuns casos si e noutros non”, segundo por onde sopre o vento da mesa do parlamento. Estariamos, claramente, ante un fraude de lei (digan o que digan os presuntos tribunais, no seu caso).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.