A continuidade do relato republicano

Din moito os zapatistas que a súa intención é camiñar preguntando. Só así é posible o coñecemento. Esa parece a mellor maneira de avanzar máis alá do imaxinable, moitísimo máis alá. Ir comprendendo en común que desexamos resolver, como podemos mellorar e ir intervindo na cousa común. Que é vivirmos mellor. Conquistar dignidade. Sen mapas unidireccionais nin certezas preexistentes e alleas á vontade e á intelixencia colectiva. Construír proxectos de longo alento e ao mesmo tempo de resposta ás necesidades inmediatas. Porque só se vive o presente, e non queremos deixalo todo para un futuro incerto.

No electoral, o relato arrinca en outubro de 2012 coa irrupción de AGE e a creba creo que definitiva do vello mapa político galego e da súa estabilidade, continúa nas europeas e dá un estourido cualitativo nas municipais. Os resultados das pasadas xerais só viñeron a confirmar o acerto de En Marea como espazo de continuidade, o seguinte capítulo dese relato que sabemos por onde vai pero non onde conclúe. Aquela noite do 20 de decembro confirmou as mellores expectativas e certificou a necesidade de seguir confiando nas propias forzas para non deter a construción dun suxeito que o revire todo, que acanee a eterna estabilidade dun réxime con chan de palla e teito de pedra, que siga apuntando a ese non lugar desde o que os non elixidos nos condenan a sermos actores pasivos dunha traxedia terrorífica cuxo escenario cómpre desmontar se queremos aspirar a todo aquilo que a intelixencia e a imaxinación colectiva dean concibido. Non nos enganamos moito quen defendemos, e non sempre nun calmo mar de comprensión, non crebar a continuidade do relato entre as candidaturas de ruptura que se armasen para as xerais e o anterior capítulo, que foran as mareas municipais. No imaxinario popular iluminárase a idea: Marea. Marea como representación de unidade, democracia e ruptura. Marea foi a palabra de orde das multitudes, e precisamente por iso mesmo tamén foi a palabra prohibida, condenada, nos casais máis circunspectos e vedraños. E mais houbo Marea. Hai Marea!, berrou a xente, e ese grito segue a o expresar todo.

Todo está empezando. Segue comezando. Todo se move, todo é dinámico, nada está escrito, todo está por construír e por gañar. Os acontecementos, cada acontecemento, son intensos saltos cualitativos capaces de mudar as vidas das persoas, pero nunca son feitos illados nin carentes de causa. E, sobre todo, son o resultado da acción colectiva, que preme no lugar xusto e no tempo adecuado para que todo o que parecía sólido se esvaeza no aire. Se algo debemos de aprender de todo este proceso é que nada está prefigurado, que todo se somete ao noso actuar colectivo. De aí a inutilidade daquelas proxeccións políticas que cren ler o futuro coa certeza sólida dunha sabedoría exclusiva ou que o interpretan coma se fose responder exactamente aos mesmos estímulos do pasado. Non son máis ca unha inútil necesidade de reconducir o fluír aparentemente anárquico e incontrolable das cousas á quenlla de mármore, recta, lisa, exacta e previsible pola que debera circular a política, sempre a salvo de contaminarse coa impureza das necesidades materiais. E non. Estes tempos demostran que a inestabilidade é condición inescusable para as emancipacións e que política e pureza son termos que se repelen. Porque o político non é unha realidade autónoma. E que hai que seguir camiñando e preguntando.

A estabilidade é o Estado; a inestabilidade, a Multitude. A estabilidade non garante o benestar das clases subalternas. Son os mercados e a oligarquía quen esixe estabilidade inmediata, e non para favorecer a aqueles grupos sociais que con máis sufrimento viven esta crise orgánica. A estabilización posible tras a crise só parece ter dúas portas de acceso: un repregamento das forzas conservadoras que fortaleza os esteos do réxime, ora con reformas máis ou menos cosméticas, ora mediante unha reacción de trazos totalitarios, ou ben unha ruptura democrática que dea lugar a un novo proceso constituínte. Ou un peche conservador con engurras totalitarias, ou unha apertura democrática e republicana. Mentres, a inestabilidade seguirá a ser a única garantía de que a saída reaccionaria non se instala.

As eleccións galegas están a un paso de nós. Volveremos vivir outro episodio de acumulación de forzas, de conciencia colectiva e de radicalización de discursos, propostas e proxectos. Mais xa non cumprirá debater a fórmula electoral, nin creo que se vaia opoñer á continuidade do proceso de unidade popular unha presunta necesidade de reagrupamento nacionalista. Seguirá habendo esforzos por desviar a ese plano discursivo e case metafísico un debate que no corpo social non se produce máis aló de pequenos grupos desconectados das consecuencias ruíns desta agresión terminal do capital contra o traballo, pero serán anecdóticos. En realidade, a encrucillada é a forma que o suxeito político de ruptura vai tomando nesta nova fase. Neste sentido, a única pregunta xa posible é se daremos construído de verdade ese novo suxeito mestizo, un suxeito autónomo que non sexa só, nin principalmente, unha coalición conxuntural nin tampouco unha simple suma de siglas, sexan políticas, sexan sociais ou sectoriais.

A fasquía do suxeito parece ser a pedra que arrastramos montaña arriba en cada proceso electoral e que volve a rolos para o val. Talvez haxa en nós certo, e comprensible, complexo de Sísifo. Pero este proceso tamén servirá para liberarnos do penedo. Non parece haber outra necesidade que non sexa a de construír un instrumento de intervención para que as clases subalternas tomen a acción política nas propias mans. Un instrumento que sirva para os procesos electorais, sen partir sempre dun nada desértico, tan plural e diverso como a propia multitude, mais en absoluto fragmentario. Constrúese, así vén ocorrendo neste relato que está transformando o rostro político desta vella nación chamada estupidamente conservadora, poñendo en común identidades e tradicións políticas e culturais diversas e xerando unha nova e común identidade que as inclúa todas sen ser ningunha delas en exclusiva. Empezamos falando da esquerda política coa que conflúe boa parte da esquerda social, e cómpre agora tamén que esa converxencia sexa desbordada. Para iso son imprescindibles espazos de encontro, participación e decisión asemblearia. En Marea ten esa responsabilidade inmediata.

A organización que se constrúe neste proceso non pode ter identidade exclusiva de parte. Non vai ser estritamente nacionalista, pero asume a súa condición de suxeito autónomo e non só incorpora as máis importantes demandas do galeguismo político senón que abre opcións que van máis alá delas: todo o que as multitudes en pleno exercicio da súa capacidade política democrática decidan. Ou sexa, dereito a decidir, democracia, autodeterminación. República. Non se trata de reconfigurar nin de refundar un suxeito político nacionalista senón de construímos un suxeito republicano, o suxeito político que ve na República Galega a única alternativa ao réxime moribundo –pero non morto- en que seguimos vivindo. Como temos dito noutras ocasións, mesmo unha saída confederal esixe unha República Galega. Toda saída non totalitaria a esta crise orgánica será republicana. Non é a quimera proxectada a un futuro que non nos compromete porque nunca chega; é a realidade material que se constrúe no presente. Construír este suxeito republicano é facer República Galega, un proxecto que non corresponde só ao nacionalismo.

Continuar co proceso significa, na miña opinión, que En Marea se fortaleza e se abra de maneira dinámica en dous niveis. Un primeiro, nesa construción do espazo social republicano: democracia, autodeterminación e República. O outro, no seu desenvolvemento como ferramenta electoral alternativa a todo o que existe. Unha ferramenta matrioska, construída en niveis de militancia, activismo e participación que se engaden e se superpoñen e combinan procedencias diversas. No electoral, En Marea está obrigada a asumir a responsabilidade dos resultados do pasado 20 de decembro, que expresan unha confianza masiva traducida en máis de 400.000 votos e, sobre todo, impoñen o encargo de liderar o desaloxo da dereita do goberno galego. Non hai opción a renunciar a esa esixencia popular. Tampouco hai lugar, e polas mesmas razóns, a ningunha clase de competencia interna entre espazos e organizacións. Sería enormemente irresponsable facer contabilidade de parte ou imaxinar (e excitalos) intereses autónomos de Anova, de EU, de Podemos, das diferentes mareas ou doutras iniciativas non estritamente partidarias. Non os hai.

En Marea é un espazo en construción. Necesita dotarse antes de nada dos organismos asemblearios de participación e decisión, tecer unha rede de asembleas que lle dea ao novo suxeito corpo multitudinario. E tamén precisa articular un ámbito de elaboración programática para as próximas eleccións galegas. Como espazo aberto, nese proceso En Marea terá que abrirse á incorporación de moitos máis individuos e agrupamentos sociais e políticos que compartan a necesidade deste suxeito en progresión. As eleccións galegas son un obxectivo importante para o que En Marea ten o encargo explícito de liderar un proceso de cambio e transformación. Pero non o único. O suxeito político que se está construíndo debe necesariamente debruzarse, con todo o peso do seu corpo multitudinario, na articulación dun grande movemento de base democrático, republicano, que vaia creando o seu propio marco institucional alternativo.

É a República, en serio, a da Multitude. Non é broma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.