0 Gardados para despois

Xosé Rodríguez Díaz

La asamblea de majaras ha decidido

Volveuse reunir a asamblea de majaras, aquela da que falaba Kortatu. Se daquela decidira mañá sol e bo tempo, agora decidiu mañá LEXNET.

É probábel que vostede ignore o que é o LEXNET, sorte que ten. Pois ben, LEXNET é un sistema de comunicación telemático entre a administración de xustiza e as profesionais do Dereito que, desde o 1 de xaneiro de 2016, se converteu nunha obriga: hai que remitir todos os escritos e documentación a través de internet e non en papel, como se viña facendo até a actualidade.

O obxectivo desta mudanza, segundo a propaganda do ministerio, é acabar co papel na administración de xustiza. Até o slogan de acordo. O problema é que é só iso: propaganda.

Esta decisión constitúe, de feito, unha dramática metáfora do goberno do PP nestes catro últimos anos: medidas impostas cuxa prioridade é allea ás necesidades da xente, xestionadas de forma chapuceira #marcaEspaña e que ocasionan máis danos que beneficios, polo menos, sobre os colectivos en que recaen as decisións do goberno.

Dicía que agora a asamblea de majaras do Ministerio de Xustiza, despois do atentando que supuxo a implantación semifallida das taxas xudiciais, acordou impoñer, como dixen, o LEXNET de forma obrigatoria.

A cuestión é que a tecnoloxía que empregan non é o suficientemente estábel, nin se formou ao persoal de forma axeitada e, nomeadamente, non se lle deron nin medios, nin formación suficiente, nin facilidade ningunha ao persoal funcionario para que isto sexa viábel, tal como pretende o ministerio, a pesar de que nas eficaces e comprometidas persoas que traballan nos xulgados recae o maior peso desta mudanza.

Non se preocupe vostede, a realidade non vai ser quen de parar o desexo compulsivo do ministerio de quen era o secretario xeral de infraestruturas e transporte cando sucedeu o accidente do Alvia e a súa triste e lamentábel xestión.

Unha decisión arbitraria e mal executada como esta tería unha forte contestación, estarase preguntando vostede. Pois non. A xente quéixase, mais non protesta e iso que, neste caso, está implicado, nada menos, que o colectivo profesional cuxa actividade principal consiste na reclamación dos dereitos da xente e a súa reparación fronte aos abusos e vulneracións. 

A cuestión é que con este sistema a forma de presentar as cousas se volve máis importante que o que se reclama; e como se, cando nos levan ao hospital, importase máis a marca da ambulancia que chegar a tempo para salvar a vida.

Vou evitar empregar tecnicismos sobre o dereito á tutela xudicial efectiva; as circulares que prevalecen sobre as leis; o sistema operativo e o navegador esixidos; ou os parches no sistema, que emulan as mudanzas no coche do Fernando Alonso a tempada pasada: poñan o que poñan non anda nin para atrás. Só direi que este é un sinsentido máis, unha imposición dos de venceredes mais non convenceredes, dos que non lles cumpría a razón porque tiñan a maioría, deses que, en definitiva, non están para mellorar a vida da xente, senón para ternos embobadas elixindo na lista interminábel de nomes da aplicación informática, mentres destrúen os discos duros na sede central do partido, cheos de números de contas suízas ante a nosa indolente pasividade. Así nos vai.

O dito: “mañana sol y buen tiempo”.

Acerca de Xosé Rodríguez Díaz