Agora ou entón cando?

Acolléndome á invitación do BNG da participación foránea nos seus debates actuais sobre o seu futuro, ousarei dar a miña humilde opinión ceñíndome únicamente á cuestión das próximas eleccións autonómicas que penso é o máis importante da política inmediata. Para iso introducirei o meu parecer con un “chiste” que tamén servirá para distendernos un pouco das tan sisudas teorizacións que lemos ás veces. Tratábase de dous vascos que saíron ao campo a coller setas e cando estaban en plena faena un deles díxolle ao amigo, oe Txiki atopei un Rolex!, ao que o compañeiro respondeulle, veña Pachi! estamos a setas ou estamos a Rolex.

Con esta brincadeira retrucarei, veña amigos, estamos a soberanías ou estamos a rematar co PP dunha vez como propietario caseque a perpetuidade do noso país. Un PP xenéticamente procedente do franquismo e polo tanto cun ADN antidemocrático, antipopular, incluso antediluviano. Que amólase porque se retíran os nomes fascistas das rúas, que permite alcaldes que se declaran franquistas, que manifesta a súa condescendencia cara aquel réxime ditatorial e asasino. E aquí témolo, seguindo mandando coma sempre, pero isto que é?

O soberanismo está moi ben pero nin está nin se lle espera, pola contra o PP está e se lle espera se non nos deixamos de lerias e unimos  todas as forzas que podamos nun común denominador baixo obxectivos tan simples, curtos e aceptables por toda persoa de ben como poden ser: a) A revalorización da nosa cultura en toda a súa pluridimensionalidade, b) A xustiza social como fundamento de actuación, c) A dignificación de Galiza como nación equiparable a Catalunye e Euskal Erría considerando ao seu pobo como suxeito político capaz de dirixirse a si mesmo. Algo así, dito como sexa, basta para unirse nacionalistas, galeguistas, esquerdistas, populistas e demais cidadanía transformadora se hai vontade de facelo. Unidos sábese que hai maior posibilidade de incrementar votos que separados, pois unámonos!

Pode que sexa un batiburrillo de complicado axuste pero tamén o é na actualidade En Marea, o mesmo  BNG tamén é un lio, e outras moitas organizacións son multigrupais, pero é o que hai, e con iso débese aprender a convivir fraternal e lealmente na coincidencia dos obxectivos electorais acordados.   

Pero conseguido isto  a cousa non remata aí, logo vén o que parece secundario e acaba sendo o máis difícil: a) O tipo de participación nesa alianza ou unidade; b) A elección de deputados sobre todo os dos postos con posibilidades de obter escano; c) a elección para a presidencia da Xunta.

Pois ben eu  pronúnciome por a)  unha participación igualitaria. Nada de "isto é o que hai e o que queira que se apunte tan humillante como reaccionario”. b) a elección de deputados debe ser por consenso, as primarías teñen sentido nunha organización coherente e polo tanto onde hai unha unica militancia que se coñece, pero resulta absurda cando trátase de grupos diferenciados. c) quen vaia a ocupar a presidencia da Xunta debería ser unha persoa independente que contase coa aceptación de todos e cunhas características mínimas de ser amplamente coñecido e respetado, aberto á alma de Galiza,  defensor dás causas nobres, e por riba coa capacidade intelectual e a humanidade suficiente para ocupar axeitadamente ese cargo. Pero hai esa persoa?, para min habela haina, o caso é que quixese, puidese e se lle convencese.

Concluíndo, a unidade á que nos referimos é un clamor, atrancala tanto pola soberbia de quen se cre máis forte como polo engreimento de quen se considera máis puro daralle razón a Celso Emilio Ferreiro, que estamos no país dos ananos. E o PP coas gaitas a tocar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.