Responsables pola esquerda

Hai unha máxima democrática, un principio irrenunciable: os resultados electorais poden gustar ou non pero son as "táboas da lei" da democracia, o mandato do que non cabe fuxir. A decisión que xurde do conxunto das e dos votantes nunca é un erro. A partir de ahí o sistema de representación parlamentaria ten que exercer como tal. Ata o de agora os representantes políticos tiñan prácticamente todo feito, agora todos e todas teñen que exercer do que se presupón que son, políticos e políticas de altura.

Nun sistema non presidencialista as eleccións gañaas qune acada unha maioría para investir Presidente e gobernar. Polo tanto, hai un perdedor claro a dia de hoxe. O PP e o seu lider "Don Tancredo" Rajoy decláranse incapaces e incompetentes para aglutinar dita maioría. Unha vez máis Rajoy xoga a ser Rajoy: non mover un dedo, xogar a forzar un desgaste do adversario sen importarlle nin  o que dixera dúas horas antes, nin que o propoña o Rei nin o desgaste do País.

Fronte aos sete millóns de votantes que elixiron o continuismo e a reincidencia na desigualdade, no empobrecemento das clases medias, na lei mordaza, na indiferencia ante o terrorismo machista, na corrupción rampante etc...hai máis de once millóns que apostaron por partidos da esquerda con amplas coincidencias programáticas de cambio na política económica e de rexenaración democrática. E elixiron unha vez máis ao PSOE como piloto desas forzas de cambio. Con menos votos e deputados que en anteriores convocatorias, pero cunha dereita en absoluta soedade e cunha diferencia notable sobre o segundo partido da esquerda con representación.

Neste taboleiro de xadrez no que asemella terse convertido o escenario político post-20D hai un partido, o PSOE, e un liderado político representado por Pedro Sánchez que teñen amosado duas cualidades pouco discutibles: transparencia no debate político, ás veces levada a extremos pouco desexables para un debate sosegado, e templanza na xestión dos tempos e na toma de decisións. Ninguén ten escoitado a Sánchez falar máis que de propostas baseadas nun programa electoral osado, de esquerdas, reformista e sensible ás necesidades do País. Diso falamos na campaña electoral e diso seguimos a falar. Primeiro as persoas que nos votaron para un cambio real, non as persoas que vaian ocupar os cargos.

Nalgúns casos, cando o PSOE non é a forza da esquerda máis votada, como nos auto denominados "gobernos rebeldes" dalgunhas cidades, facilitamos sen esixir moito ou case nada a cambio que a primeira forza da esquerda liderara os gobernos, ainda que as relacións do dia a dia non sexan sempre un bálsamo. Pero cando non o son é principalmente por dous motivos:  o primeiro que na maioría deses casos as coalicións quen gobernan en minoría non tiveron ata o de agora interese algún en dialogar ou formar gobernos estables e o segundo que en políticas troncais como a tributaria ou a política social plantexáronse medidas que non figuraban nos seus programas electorais e que son de todo menos progresivas ou renovadoras. Polo tanto, procurando estabilidade a través do diálogo e executando programas de progreso as ansias de cambio da maioría son máis que posibles. Pero hai que sosegar a linguaxe, baixar á realidade, respectar os resultados das eleccións e dialogar.

Primeiro o social, a política exemplar, os dereitos civís, o emprego de calidade, a igualdade entre homes e mulleres. Por Alan, por todas e todos os mozos que sofren acoso escolar que demasiadas veces remata en suicidios, por quen son vítimas das agresións e as vexacións por odio a quen é diferente. E por todas e cada unha das mulleres asasinadas a mans dos verdugos que as someten ata quitarlles a vida.

Antes de que a estafa á que chamamos crise nos botara en mans da dereita antisocial, corrupta e incompetente, neste País houbo Gobernos que retiraron tropas de guerras ilegais e inxustas, que ampliaron dereitos sociais, que nos situaron como referente dos países máis avanzados. Foron avances sempre pilotados polo PSOE, que cometeu erros porque gobernou, que os recoñeceu todos, que os pagou nas urnas e que hoxe é novamente o garante do cambio. Un cambio ambicioso, responsable, sensato, que une ao País pola esquerda. Podemos lideralo de novo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.