0 Gardados para despois

Gustavo Peaguda Pérez

Nostalxia de Jaime Gil de Biedma e de Eduardo Blanco Amor

Poucas cousas lembra do seu bacharelato nun colexio de pago na “rive gauche”, que non divina, do río Miño, tan cantado polos poetas e tan amigo fraternal dos suicidas por amor (Aínda os hai?). Non as lembra non por ser de pago o colexio senón pola súa desmemoria. Quen pode lembrar “Ahora que de casi todo hace ya veinte años” da definición exacta de “alienación” de Marx, por exemplo?.

Sen embargo hai dous nomes que escoitou neses anos que nunca abandonaron o seu lugar na súa cabeza a pesares de introducir nela as servidumes de paso ou as causas de despido improcedente nos anos da universidade e que tamén sufriron os efectos do río Leteo. Tempus fugit!.

Ese esquecemento non lle preocupa porque ninguén ten nos beizos no ultimo suspiro a palabra “Servidume de paso” ou “enfiteusis” “pero si a palabra “luz”.(Alguén se imaxina a Johann Wolfgang Von Goethe morrendo dicindo “Servidume de paso, máis servidume de paso!” ou “enfiteusis, mais enfiteusis!” no canto de “Luz, máis Luz!” ).

Jaime Gil de Biedma e Eduardo Blanco Amor eran eses dous nomes que nunca se borraron da súa memoria a pesares de todo.

Durante anos pensou que eran dúas vías paralelas que conducían a mesma estación. A LITERATURA, pero ignorando que ambas vías nalgún momento cruzaranse.

Sabia que o poeta de “ Moralidades” vivira en Ourense e bicarase nas prazas co seu amante no ano mil novecentos cincuenta e dous, cumprindo o que dicía Andres Trapiello nun artigo de El Pais no ano 1984 “ Orense es una ciudad de paso. Quien va a ella es por algún asunto concreto”. O poeta foi cumprir o servizo militar e atopou o amor. Que dúas cousas máis concretas para un mozo de vinte e tres anos.

Os dous amantes vestidos co traxe de militar do glorioso exercito español dos tempos de “Donde un español no llega con la mano, llega con la punta de su espada" bicándose inocentemente nunha praza dunha cidade na que ”Se vivía, se leía, se paseaba uno en sus largos otoños y es posible que los seres melancólicos se asomaran, sin creer que ello fuese cosa extraordinaria, a las amenas riberas de su río?.

De ser certo que imaxe mais cinematográfica e a que só lle faltaría ou ben a luz de Néstor Almendros ou a arte de Paolo Sorrentino ( Podería ser o seu ultimo traballo antes de que cumpra co consello que lle da Jose Luis Losa de ingresar nun hospital para cineastas que sufran crises autoral). Beleza en estado puro!.

Que pensarían o comandante e a súa muller, o alcalde e a súa muller, o bispo, os grandes apelidos da burguesía ourensá, o gobernador civil e a súa muller, o delegado provincial do movemento e a súa muller, o delegado provincial do Frente de Juventudes ou da Sección Feminina, as profesoras da súa nai nas Josefinas, Vicente Risco- Incluiría esa historia de amor entre dous soldados no seu libro de las horas?-, os alfereces provisionales, o presidente da audiencia ou do colexio de avogados , Eugenio Montes- escribiría algo parecido o que escribiu cando morreu Pier Paolo Pasolini? “yo por contraste, recuerdo que en esa misma playa de Ostia (praza de Ourense), hoy lugar de esa escena impura”, o seu avó, o seu pai se os cacharan bicándose aos dous soldados?

Non tiña resposta segura pero podía imaxinarse por onde iría a resposta. ( Agora que están tan de moda os roteiros literarios os técnicos de turismo do concello deberían buscar en que praza se bicou o poeta có seu amante para colocar unha placa e que a podan inaugurar o alcalde, o presidente da deputación, o presidente da Real Academia acompañados pola Real banda de gaitas da Deputación e os membros do Pen Club que acudan a Ourense ala polo mes de setembro. Ao igual que se honra o creador dunha empresa de camións porque non se vai honrar a un bico. Viva o amor!.)

Sabía que o poeta de “Pandemica e Celeste” utilizara a imprenta da Región para publicar os seus “Versos a Carlos Barral por su poema “las aguas reiteradas” no ano mil novecentos cincuenta e dous.

Quen sería o privilexiado primeiro lector dos versos do poeta autor de Compañeros de Viaje e soldado do Regimiento de Zamora nº 8?. Hoxe veu un mozo que dí que é poeta pedindo se lle podemos imprimir unhas poemas. Rímonos por debaixo, ata que puxo os cartos por diante- sería este o relato que contaría na casa o primeiro lector dos poemas?. Non se sabe si isto foi así pero tampouco importa que fora . Os poemas existen..

Sabía que o fillo da florista e ese ex neno “enfermizo, ojiabierto” estivera en Barcelona, me imaxino que para que lle publicaran Xente ao lonxe na editorial Seix Barral, cun titulo que non lle fai moito aquel a novela. “Aquella Gente.” ( Por que razón traduciu Blanco Amor o titulo da novela ou foi unha decisión da editorial que lle obligaou a traducilo, deixando perder a música das palabras galegas?.).

Cando unha noite, “con esta luna, parece/que hasta la sombra envejece”, leu no diario do poeta barcelonés correspondente o ano mi novecentos setenta e oito “Fin de semana con Josep e Eduardo Amor, un personaje de una vitalidad y un atractivo que no son frecuentes a sus años”, levou unha grata sorpresa. As vías do seu camiño a Literatura cruzáronse no ano en que Camilo Sesto cantaba iso de “Vivir asi es morir de amor”, Bee Gees cantaban “Staying Alive” ou Rod Stewart iso de Da ya Think I Sexy? e publicouse Alcohólicos anónimos de Joseph Kessel e Andadura de Pepe Domingo Castaño.

“Milagres dos libros, que fan confluír dúas vías paralelas!, nunha noite de xaneiro na que dormen na praza de Obradoiro as estatúas de Henry Moore esperando que alguén as abrace ou diga menudas pedras puxo na praza o alcalde. ” apuntou no seu diario do ano dous mil dezaseis.

All the rest is silence.!

Acerca de Gustavo Peaguda Pérez