A falsa nave Borg e o BNG

O nacionalismo galego do século XX habituouse a vogar en solitario e contra corrente. Favorecida a ruta por algún vento da historia en momento puntual, a súa propia razón de ser supón construír discurso, espazo, ámbitos de poder propios nun marco estatal e mental que contradí integralmente. Trala breve experiencia pública do inicial PG -cinco anos de República-, o patriotismo principalmente progresista desde os anos cincuenta botou alicerce na soberanía estética da Xeración Nós e unha actitude irredutible fronte á estandarización política española. Aquel brillante Paco Rodríguez -dialecticamente, sempre foi brillante- que nos setenta rebatía españolismos en debate compostelán é substancialmente o mesmo que arestora renega integrarse ou colaborar en marea ningunha. Ese hábito de vogar en solitario, a noción de que unha visibilidade permanente do barco propio é imprescindible para que derrota1 non sexa derrota2. Un ben o comprende, porque tal risco é inequívoco.

Ora ben, a circunstancia histórica resulta incomparable. Non volverán os 30, 50 ou 70 onde a grande maioría descoñecía o nacionalismo político, porque no século XXI este e a súa sigla eximia -por máis que moi deficientemente comprendidos e inxustamente trivializados- xa cogobernaron o país, van para vinte anos con alcaldías urbanas e non supoñen para os galegos novidade partidaria que chame a interese. Presumiblemente, nin unha mudanza total de nome e estratexia sería capaz de suscitar ou devolver tal atención. Se o mariñeiro ha de seguir no mar, probablemente debería buscar rol en tempo de minguada. Aínda sabendo que o seu sempre será unha frota propia.

Na segunda metade do ano pasado dediquei bastante tempo meu a animar unha confluencia para as eleccións xerais. Tiña sensación de que maioría da base a quería, tanto no ámbito Marea coma no do BNG con outros nacionalistas, e coido que non andaba errado. Víase tamén que sectores orgánicos ben relevantes abominaban de tal empresa, pasou o que pasou e houbo un desenlace no escrutinio. Arestora, co nacionalismo militante maioritario moi fóra de xogo, estou convencido de que a base xeral aínda gustaría maioritariamente dunha candidatura única para as eleccións galegas, sustentada -para darse- nalgún tipo de confluencia. Pero tamén de que en alturas dirixentes do ámbito mareístico -non moi sobrado de militancia, deficiente en cadros preparados se toca gobernar o país, necesitado de sumar máis base para tentar a sorte da Colau- unicamente interesa seleccionar e escoller por cooptación dentro da casa que considera derrubada, asimilar os efectivos prescindindo da estrutura; mostra notoria, a deputada Alexandra Fernández distinguindo no interior do BNG como hai varios anos facía o Martiño Noriega con respecto a CxG: os militantes son benvidos, os dirixentes culpables.

Contrariamente ao que esperaba hai medio ano, contrariamente ao que de boca para fóra mesmo poidan dicir, penso agora que os partidos dominantes de En Marea non van permitir unha incorporación como tal do nacionalismo organicamente maioritario, e que seguramente xa estimaron o alcance do transvase inmediato. Con todo, opino que o BNG debe facer o exercicio de ofrecer integrarse nunha lista única, e argumentalo é o motivo básico do presente artigo. En síntese, primeiro argumento: efectivamente, o país require moito un cambio de goberno, e en tal contexto calquera interesado ben coñece o conveniente que resulta unha aglutinación de forza. Segundo, o corpo maior do nacionalismo debe ser visibilizado ante a sociedade participando na iniciativa que arestora os cidadáns e cidadás receptivos máis valoran. Terceiro, non hai razón para temores de perder identidade ou desnaturalizar o carácter que parecen mostrar dirixentes beneguistas: seguramente os partidos de En Marea e en particular Anova desexarían establecer que a resistencia é fútil, incorporar as características biolóxicas e tecnolóxicas, humanas e políticas do Bloque acabando co Bloque. Pero a entidade e consistencia da casa parecen abondar para soportar a experiencia conxunta e mesmo na empresa marcar algún selo; cando menos, de momento. Nin a alianza de tres partidos, nin sequera Podemos e a súa aparente e moi mediática autoestima constitúen unha maquinaria asimilativa irresistible.

Substanciando, eu propóñolle ao BNG que declare intención de participar no proceso unitario; que os seus militantes, cadros, dirixentes e cargos públicos se presenten en canta iniciativa de base haxa; integrarse nos procesos de elaboración programática e establecemento de redes locais; que promovan a realización de primarias abertas para constituír candidaturas. No caso de que se lles queiran impor condicións referidas á actuación no ámbito municipal, comprometerse a estudalo; xa que a Marea de Pontevedra manifesta de palabra e obra que Lores é máis rival deles có PP, a cousa pode parecer pura retranca. Sería digno de ver, en tal tesitura, como reaccionaría a parte concorrente, arestora man nesa partida que non hai: aínda reverbera determinada intervención de hai sete meses, mesturada no eco do que pasou ao final co presunto protagonismo de 'actores sociais'.

Naturalmente, non descoñezo que todo isto parece improbable: seica o relatorio oficial da Asemblea Nacional, simbolizado noutra marca reutilizada do galeguismo histórico -ai, este núcleo partidario rector: sempre buscando que o país recoñeza o pasado, mesmo cando a sociedade procura e esixe formas de presente-, desbota explicitamente a estratexia de conxunción. Ora ben, malia sabermos do éxito que adoitan ter aí os relatorios oficiais, hai voces que emendan dalgún modo e a ocasión requiriría o seu éxito. Cando menos, iso é o que opina un distanciado que non é indiferente.

Naturalmente tamén, será notorio, o fenómeno Marea provócame pouco entusiasmo. Ata o de agora non confirmaron o que din de si -'protagonismo cidadán'-, practican formulismo indebido -'unidade popular'-, hai máis ca dúbidas sobre o alcance da súa vixencia e percorrido. Pero aínda mantén certa virtualidade do novo; e, sobre todo, concita apoio ou expectativa de moitos: resultaría conveniente humildade para recoñecer tal veredito, quizá tamén percorrer algún camiño experimentando a súa potencialidade. Se algo disto que digo é adecuado, posiblemente non dará -así e todo- para un gran cantar. Pero que facer, se outro mellor non hai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.