Novas formas de organización para transformar cara un outro mundo

Dicía, hai xa máis de corenta anos, o prolífico sociólogo e teórico político peruano Aníbal Quijano que a organización política parece ser pensada moito máis en termos de modelos que de programas de organización. Entendía por estes últimos aqueles que se elaboran desde o interior das realidades concretas, específicas; aqueles que se pensan desde as loitas que se producen en cada contexto e están enriquecidos pola experiencia e as ensinanzas do resto do mundo. E a meirande parte das organizacións políticas seguen a estar aferradas a estilos e pautas de actuación tradicionais que dificultan enormemente o achegamento e a comprensión por parte da cidadanía.

Os xeitos de organización non deben obedecer a modelos predefinidos e incuestionabeis. Modelos que puideron ser operativos e eficaces noutras circunstancias históricas, mais que hoxe supoñen un lastre para a integración e a participación da cidadanía deixando de ser percibidos coma medios útiles para a actividade política e social. Modelos que reflicten unha visión mitificada das organizacións que, en moitos casos, se converteron en fins en si mesmas e non en medios ou instrumentos ao servizo da mudanza social.

As formas ríxidas de encadramento dos membros, da toma de decisións, así coma organigramas e estruturas burocratizadas tenden a conformar militancias obedientes e direccións autoritarias que acaban afastadas, ambas, da maioría da xente. Estas severidades, disfrazadas de fortalezas, fan que as discrepancias se perciban coma disidencias e estas coma traizóns nunha cadea de exclusións e marxinacións constantes de grupos e individuos.

A inflexibilidade destes modelos xera, tamén, desconfianzas e reticencias con repecto a todo o alleo e estraño provocando a consideración de adversarios, cando non de inimigos, de outros movementos que actúan ao marxe e con outras dinámicas aínda que poidan ter fasquías favorecedoras de lugares de encontro. Consecuencia destas desconfianzas é, ao mesmo tempo, que en vez de facilitar a autonomía e a iniciativa dos movementos sociais se procure a dirección e o control destes, que acaban sendo instrumentalizados e inutilizados, o que ocasiona a desmotivación e o abandono.

Independentemente do anterior non debemos obviar o interese dos medios de dominación e de poder por afastar e desligar á cidadanía da participación política, por desprestixiar esta para facilitar a toma de decisións por "técnicos" ou "expertos" ao servizo dos privilexiados. Porén, isto non ten que impedir a comprensión da desconexión e da falla de atractivo que estes modelos organizativos tradicionais provocan nun número cada vez máis significativo de persoas que non están por seren tuteladas coma menores ou incapaces e aos que se limita nas súas potencialidades e capaciades para adoptar decisións.

Os novos movementos e espazos lograrán incorporar cando sexan horizontais, asemblearios e participativos. Sen personalismos e liderados que suplanten o protagonismo dos seus membros e o diálogo e conexión honestos co resto da sociedade. A súa estrutura e funcionamento deben anunciar e incorporar a sociedade nova que se pretende crear e sen medo a unha revisión permanente. Os modos tradicionais (ou clásicos) de loita e organización están a evidenciar enormes carencias para lograr respostas e resultados na transformación social, na superación do capitalismo e na confianza necesaria da xente para participar. Requerimos estruturas interpretativas, mais tamén organizativas, áxiles e axeitadas aos fluxos que están a modificar constantemente as configuracións ás que estabamos afeitos.

A loita contra as desigualdades, contra a explotación e a miseria, para acadar a pluriversalidade debe forxarse na práctica cotiá. Gostaría lembrar un fragmento do Discurso do Subcomandante Marcos ao pobo de México aquel 26 de febreiro de 1994: "Así naceu nosa forza na montaña, o que manda obedece se é verdadeiro, o que obedece manda polo corazón común dos homes e mulleres verdadeiros. Outra palabra veu de lonxe para que este goberno se nomeara; e esa palabra nomeou `democracia' a este camiño noso que andaba desde antes que camiñaran as palabras." Ou o paradigma do bó vivir, incorporado á lexislación ecuatoriana e boliviana, tomado do Sumak Kawsay indíxena e que se define como "A satisfación das necesidades, a consecución dunha calidade de vida e morte digna, o amar e ser amado, o florecemento saúdabel de todos e todas, en paz e harmonía coa natureza e a prolongación indefinida das culturas humanas. O Bó Vivir supón ter tempo libre para a contemplación e a emancipación, e que as liberdades, oportunidades, capacidades e potencialidades reais dos individuos se amplíen e florezan de xeito que permitan lograr simultáneamente o que a sociedade, os territorios, as diversas identidades colectivas e cada un -visto coma un ser humano universal e particular á vez- valora como obxectivo de vida desexábel, tanto material como subxectivamente e sen producir ningún tipo de dominación a un outro". Novos conceptos, novas categorías, novos tempos, novas realidades para mudar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.