A banda dos 'Call Boys'

Non tiña a certeza absoluta pero pensaba que na maioría das casas que van dende A Lonia ata Seixalbo, incluída a avenida da Habana cos seus profesionais liberais, o Xose Manuel Pacho- compañeiro seu nos Salesianos e non cánticos a Don Bosco (Que viva!)- co seu premio Torrente Ballester de novela, e membros da clase media hoxe envellecida mesturados cos visitantes a ese novo inferno de Dante, dende a Santa Cruz de Arrabaldo ata Barrocas era máis fácil atopar un exemplar e lector dunha obra de André Devos que un exemplar e un lector dunha obra de Hermann Broch*.

A razón que explicaba este feito segundo el era que é máis divertido ler unha frase como “ Paréceme completamente innecesario dicir que esa parella vaise a divertir” que ler un parrafo de trinta e cinco lineas seguidas co que empeza o ensaio “Joyce e o presente” do autor austríaco.

Na súa casa así ocorría. Había un exemplar de “ Le gang de Call-girls”e un lector.

Pero quen?.

El.

Pero quen era el?.

Un afeccionado a ser detective e a ser escritor, que lendo estes días os xornais as peripecias dun home que abriu en Valencia unha perruquería co nome “Que hay de lo mio” e os seus amigos, de súpeto levantouse da mesa e díxolle seriamente a súa muller:

-Teño unha idea formidable podería titularse “ A banda dos Call-boys”. Un titulo que enchería librarías, teatros e cines!.

A súa muller sorriu sen máis e foi secar o pelo que o tiña mollado.

 

Coda:

*Este pensamento pode aplicarse tamén para Santiago de Compostela. Dende Vista Alegre ata O Castiñeiriño, dende As Cancelas a Conxo, seguro que se encontrarían máis exemplares das obras de André Devos que de Hermann Broch.

A pesares dos profesores universitarios, dos médicos, dos que teñen unha botella escondida detrás das obras completas de Lenin e dos poemarios de Luís González Tosar, dos lectores dos poemas de Daniel Salgado, dos que ven todas as películas programadas na sala Numax e que non ven a John Waters en “Alvin e os esquios”, de Xosé Luís Barreiro Rivas, dos que entren en Couceiro e en Follas Novas, a ler as lapelas dos libros, dos clientes da cafetería Alaska, de Ramón Area, do arzebispo, dos que busquen o encadre perfecto para saír na foto diante das esculturas de Henry Moore, dos xornalistas, dos que lle gustaría dicir a Whitney Houston o mesmo que lle dixo o Serge Gainsbourg, dos empregados fantasmais das asesorias, dos que toman o polbo na praza de Abastos, dos que compran a roupa na Reixa, dos desorientados espirituais, dos que compran a música en Miranda, dos que agardan o artigo de Bieito Iglesias para aprender, dos que soñan cunha invitación a festa dos Galegos do Ano do Correo Gallego, dos parlamentarios e dos que nos asomamos a venta e vemos caer a tarde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.