O club dos raposos calvos

“Estas notícias, falsas ou certas, enchem-me sempre de um desconforto especial, misto de desdém e de náusea física.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

O meu tío bautizou no seu día, co nome de raposos calvos, a esas criaturas que se proclaman os amos do mundo. Seica perderon o pelo de tanto pensar no que lle convén a España, ata tal punto que os dermatólogos do réxime están a piques de volverse tolos porque non comprenden como pode haber tipos pelados que seguen supurando caspa. Ao parecer é un problema encefálico.

Retornaron despois das eleccións do 20-D, para ilustrarnos sobre o concepto de política de Estado, para mostrarnos as súas illargas sebáceas e mesmo excitar aos electos que ocupan escano nas Cortes. Eses novatos da clase pensan que, por ser representantes da cidadanía, xa gozan dunha liña de leasing, sen xuros, que lles permite elixir presidente do goberno a quen lles pete. Esquécense de que para iso están os pais da patria. Para fornecelos de consellos e favores. A non ser que queiran ser acusados de delito de lesa patria –ou de zoofilia patolóxica- tendo que pasar o resto da súa vida aturando un insoportable dor de moas, como penitencia polos pecados cometidos.

Segundo o manual da alta política de Estado –editado polo club dos raposos calvos- un deputado en Cortes non é máis ca unha mona, obrigada a bailar en función da partitura que interpretan os músicos dese selecto club. Tres expresidentes, media ducia de tertulianos, varios medios de comunicación capitalinos, algúns xefes da patronal, conferenciantes episcopais e algúns baróns sen título ou con nome feminino, conforman ese círculo que se reúne ás noitiñas no Retiro madrileño, para entoar, collidos das mans, a vella canción do “pase-misi-pase-misá”, entrando a saco a defender, con capa e espada, por terra, mar e aire, a necesidade do goberno da gran coalición –ou, gran corrupción- coma única fórmula para garantir a unidade de España e o gozo da santísima troica. Para iso gañamos o título de país máis corrupto de Europa.

Ah! O meu tío Lisardo, sorprendido de tanta afinidade ideolóxica nese club, a pesar da discrepancia militante, recoméndalle aos representantes da cidadanía que, antes de vivir na ignominia, coma auténticos bois de palla, lle paren os pés aos que se obstinan en salvarnos, a pesar da nosa maldita ansia por guindarnos no abismo. Hai que goderse con estes corcueras do nabo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.