Vostede faga coma min e non se meta en política

O 8 de Novembro de 2007 escribía eu a miña primeira prédica no mítico xornal Vieiros da santiaguesa rúa do Pombal e reclamaba nel un respecto para a política. “...Porque a política converteuse nunha profesión máis, á que xa só lle falta o epígrafe correspondente no censo nacional de actividades económicas. E xa é hora de concederllo, para que cando a un político lle preguntan pola súa profesión, el poida contestar sen rubor: político. Coma se fose carpinteiro, barbeiro ou cantante de ópera...”, razoaba eu. Xa non lembro as motivacións que me levaron daquela a facer tal petición, pero supoño sería a constatación da falta de prestixio da actividade política e dos políticos. Pero foi a partires dese ano, e coincidindo coa chegada da Gran Recesión, cando estouparon os grandes escándalos de corrupción e comezaron os políticos a desfilar en recua cara as portas dos xulgados de toda España, Galiza incluída. Ata algún dos nosos bloqueiros pasou tamén pola vigairía, quedando así demostrado dunha vez e para sempre a nosa condición humana, que non toda a xente o tiña alá moi claro. Pois ben, se no 2007 pedir respecto para a política era mexar un chisco por fóra, pedilo hoxe é case un aldraxe e unha provocación.

“Vostede faga coma min e non se meta en política”, contan que lle dixo Franco a un xornalista. Coa chegada da democracia houbo que meterse en política, con grande desgusto dos nosos pais e avisos de que nada bo iamos apañar nela. A política tiña mala soa, certo, pero había moitos postos que cubrir e se non os cubrías ti, facíao o veciño pasmón. Pero nunca chegamos a considerar a política unha profesión seria, senón unha especie de voluntariado social que, con carácter temporal, prestabamos á sociedade. Iso si, os que entraban nela rara vez querían saír e o carácter temporal ía estarricándose ad infinitum, que non por vicio propio senón “porque o pobo así llelo pedía”. Unha destas tardes molladas repasei o elenco elixido polos galegos nas pasadas xerais de Decembro. Os dez deputados populares sumaban unha media de antigüidade na política remunerada de 12 anos; os seis socialistas, unha media de 4; os seis mareados, unha media de 2; e o único ciutadan, que se estreaba na representación política. Nun primeiro intre pensei:  a esquerda apostou pola renovación, os emerxentes emerxen e os conservadores, xa a palabra o di, conservan. En resumo: Nada novo baixo o sol. Pero de alí a un anaco, pregunteime: e por que dou por sentado que a renovación é boa? Ideoloxías fóra, por que vai ser mellor parlamentaria unha Alexandra Fernández do trinque ca unha veterana Pilar Rojo?

Pilar Milagros Rojo Noguera estudou arquitectura, Joaquín Garcia Diez fixo bioloxía e Ana Pastor licenciouse en Medicina e Cirurxía. É de supor que os tres tiñan vocación e gastaron cóbados durante 5 ou 6 anos para sacar adiante as súas carreiras. Pero cando chegaron á meta, ámbolos tres foron aducidos polo meigallo da política e xa nunca exerceron como arquitectos, médicos ou biólogos. Que lles puido pasar pola cabeza? Que nunca darían trunfado na súa profesión? No seu descargo sempre me poderán alegar que nos seus anos mozos non había estudos diferenciados de ciencias políticas (a facultade de Santiago data do 1991) en tódalas universidades; alegación esta que xa non lles valerá aos deputados de En Marea David Bruzos, que se licenciou en Química no 2002, e Alexandra Fernández, que está a rematar os estudos de arquitectura. Por suposto que cadaquén pode mudar de opinión co paso do tempo e renunciar a vocacións que semellaban firmes e duradeiras, pero tampouco debemos esquecer que cada unha destas trasfegas mingua a eficiencia do investimento social realizado; non digo que se perdan tódolos cartos investidos, que estudar nunca ocupa lugar, pero moi eficiente non semella investir na formación dun médico para despois non sacarlle proveito.

Ana Pastor e Pilar Rojo levan as dúas 19 anos desempeñando cargos de representación ou de designación política. Calquera de nós, se alguén nos pregunta, diriamos convencidos que a profesión de ámbalas dúas é a política. Pois non, seica non, porque se entras nese pozo de sabedoría que é a wikipedia e miras o currículo de Ana Pastor ou Pilar Rojo, vas ver que a ocupación da primeira é a medicina e da segunda a arquitectura.  Róncalle o nabo! Se eu fixen un módulo de mecánica en FP, pero a vida chegou a levarme ao cumio executivo da General Motors, polo carallo vou poñer no currículo  a miña formación académica. Pola contra, se me licenciei en Dereito pero levo anos de técnico de recollida de varreduras urbanas, no meu currículo aparecerá con letras grandes que son home de leis. Cuestión de prestixio.  Tan pouco prestixio ten a política que na mesma wikipedia aparece como ocupación de José Blanco a de funcionario, cando leva toda a súa vida consciente adicado á política. Antes unha mentira (el non é funcionario, que eu saiba) que recoñecer a política como profesión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.