Desde Galiza

Para Galiza sería importantísimo o pacto de goberno ao que se chegase en Madrid tivera a centralidade nas propostas da esquerda, non só porque axudaría a crear as condicións para o cambio de goberna na Galiza, tamén para que os municipios gobernados polas Mareas e polas forzas nacionalistas puideran executar os seus programas de goberno. Que importante sería que se abandonara o infantilismo político e se entendera a urxencia. A urxencia de desenvolver economicamente o país potenciando os sectores produtivos propios; a urxencia  de salvar o territorio a lingua e a cultura, pois a dramática situación na que está requiren un plan de salvamento, imposible desde posicións maximalistas; o pacto debe incluír, ademais das políticas sociais, a loita decidida pola defensa das liberdades, a liberación dos presos independentistas galegos e a normalización das liberdades políticas derrogando a lexislación antiterrorista e lei mordaza. Tamén a liberdade das nacións para decidir o seu futuro. Ninguén ten por que renunciar aos seus principios pero a realidade esixe unha gran alianza para concretar nunha candidatura de unidade que aspire sen ambigüidades a gobernar Galiza. Non vale ir por separado para aliarse despois porqué iso non garante a vitoria electoral imprescindible. A cidadanía ten que visualizar a irmandade entre as forzas que poden formar parte desa alianza e, desde logo non poderá facelo se contribúen a confusión de agredirse mutuamente aproveitando as facilidades que ofrece a mediática do poder.

Cando digo que é moi importante o que pase no goberno do estado, non estou mirando desde Madrid como fan os medios de comunicación audiovisuais e prensa escrita en xeral. Miro a Madrid, pero desde aquí, e no medio das estratexias de confusión, vexo:

O PP, unha organización corrupta que, demostrado o seu financiamento ilegal que  xa sabiamos e os miles de millóns roubados ás arcas públicas, directa ou indirectamente, exerce un goberno ilexítimo. Aínda así, reclama todos os días a presidencia do goberno para Rajoi. Como é Rajoi quen a reclama, pois reclámaa para si mesmo, "por el interés de España y de los españolesss". Unha retórica que en ningunha boca é máis falsa ca no PP. Mantense asombrosamente pola adesión devota desa cidadanía que sabe e acepta que a corrupción é consubstancial ao sistema que defenden, eses que, cando os representantes institucionais que "non nos representan" os deixan sen argumento de defensa posible, din: Hai que votalos porqué polo menos estes xa están cheos! Como se chegado un punto xa non roubarán máis, como se fosen saciables e non formaran parte dunha rede mafiosa e dando por sentado que os demais son iguais.

O PSOE, fiel a súa estratexia, non sabe se meterse a puta ou a monxa. Realmente, cando escoito as declaracións de todos eses oligarcas, asústome moito porqué comprobo que a dereita cavernícola soborda ao PP; tanto no social como na cerrazón territorial. Con ese mantra tan falso como antidemocrático: "La unidad de España y la igualdad de los españolessss! PP e PSOE, preocupados pola igualdade! Unha peza mestra da estratexia da confusión! Fala Pedro Sánchez dun goberno "Progresista e Reformista" Unha especie de liberalismo anglosaxón de terceira vía que podería aceptar Ciudadanos, a opción B do gran poder económico, pero que une dous termos  contraditorios e resulta inaceptable para a esquerda ou, dito en linguaxe Podemos, resulta incompatible cos intereses dos de abaixo. Iso si, pídelle a Podemos que cambie para escenificar diante das súas bases progresistas, máis proclives a entenderse coa esquerda, que o intenta. Un xogo hipócrita de moi mala calidade. Eu non descarto un pacto de goberno PSOE-Ciudadanos, permitido polo PP a cambio de salvarse da riada corrupta e aliviar o rigor das penas. A isto si que deberíamos estar atentos, pois un PP amordazado ofreceríalle gran tranquilidade a un goberno do PSOE. Podería ser moi beneficioso para os dous.

A esquerda, Podemos e todos os seus grupos aliados con nacionalistas en xeral, pois todos son imprescindibles. Conforman unha expresión moi plural pero obrigada a entenderse entre si. Podemos terá que xestionar as tensións territoriais internas e construír a alianza cos nacionalismos de esquerdas, fronte a uns partidos que seguen axitando o nacionalismo español uniformizador dunha maneira absolutamente irresponsable, inmersos na espiral perversa de buscar os votos do nacionalismo español axitando a bandeira contra as nacións periféricas. A construción da alternativa gañaría moito complementando o discurso social cunha pedagoxía sobre o estado plurinacional, combatendo o discurso falso de que os nacionalismos periféricos pensan insolidariamente en si mesmos e afondando no discurso da diversidade e na construción do estado desde o pacto libre entre iguais. Deberían evitar no posible entrar a xogar nos campos embarrados que tan ben sabe preparar a dereita e manter un discurso valente e coherente. A min seguir propoñendo a reforma constitucional para esta lexislatura sabendo que, coa composición do parlamento actual, a reforma da constitución só podería ser regresiva, non me parece coherente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.