0 Gardados para despois

Francisco Xavier Redondo Abal

As Voltas de Lapido, Ortoño: lugar de ignominia na memoria

O lugar chamado As Voltas de Lapido, na parroquia amiense de Ortoño, foi o elixido para a ignominia. Naquel doloroso e quente verán de 1936, seis homes inocentes acudiron ao seu destino fatal. Probabelmente, levaban as mans atadas, con seguridade ían rodeados de homes armados e, sen dúbida, o tremor, as bágoas e o pánico afloraron nas súas facianas. Sabían da sorte que lles agardaba naquel lugar que, puidese ser, nin siquera coñecían pois os seis naceran e e residían no concello de Boimorto. Mais, naquel momento –a mediados de agosto de 1936– o sangue vertido con abundancia era síntoma inequívoco do terror implantado en Galiza tan só un mes antes. Os seis mártires das Voltas de Lapido foron trasladados (dende Compostela?, dalgún cuartel da Garda Civil da contorna? dunha escola agora reconvertida en cárcere?...) e camiñaron xuntos cara a morte, sabedores que aqueles que se levantaron en armas contra a legalidade republicana eran agora posuidores das súas vidas e facendas.

Non era algo alleo á poboación inerme e abandonada que, republicana ou non, resultou inimiga para os novos detentadores do poder aínda en loita. Pois, certo é que todos foron considerados culpábeis: os gobernadores civís, os alcaldes, os concelleiros, os mestres, os traballadores... mesmo os indiferentes foron sospeitosos. Así aconteceu en todas e cada unha das parroquias, das vilas e das cidades galegas: a represión –estruturada, metódica, infinita– non se detivo nos consellos de guerra (verdadeiros simulacros, auténticas pantomimas) e a violencia paralegal en forma de “paseos” cabalgou como un animal tolo e desbocado  por toda a xeografía galega. Lapido non representa, nin moito menos, o único lugar de oprobio naquela guerra iniciada contra a República e a liberdade. Velaí, por exemplo, outra Volta, a dos Nove, en Val Miñor. Ou O Portiño, en A Coruña.

Porén, é necesario lembrar, non olvidar. Sabemos os nomes das vítimas mais, despois de tantos anos, faltan os verdugos e descoñecemos quen foron os asasinos.

Foi un historiador rigoroso, Xosé Manuel Suárez Martínez, o primeiro en mencionar os nomes dos inocentes de Lapido. Así, no ano 2005 utilizou para o seu estudo o Libro Rexistro do Cemiterio de Ortoño –onde os seis foron soterrados– en concreto os folios 7 ao 13 do ano 1936. Alí aparecen as crúas e asépticas descricións dos executados, algún sen identificar até moitos anos máis tarde. A información do Libro Rexistro manexado polo investigador de Cedeira xunto coa base de datos Nomes e Voces nos permite, agora, ampliar a información e ofrecer unha sinxela homenaxe de reparación e desagravio.      

O 20 de agosto de 1936, na Curva dos Batáns, en Lapido, os seis veciños de Boimorto acharon unha morte inxusta, escura e, como en todos os casos, nunca aclarada grazas ao pacto de amnesia impulsado pola Transición española. Nun principio, todos foron inscritos como “descoñecidos” e, xunto a unha minuciosa descrición forense, unicamente sinalados como “cadáver nº1”, “cadáver nº2”... O último dos asasinados será identificado en 1946.

Daquela media ducia de condenados sen mediar xuízo, o máis novo chamábase José Barreiro Pérez e no momento da súa execución contaba con 35 anos de idade. Veciño de Toá-Cardeiro, Boimorto, e labrego de profesión, este home de complexión forte que calzaba zocos e vestía camisa branca con chaqueta negra quedou rexistrado como o “cadáver nº6”. Aquel “descoñecido” faleceu, segundo escribiu o forense, por causa dunha “fractura de la caja craneal irradiada en su base”. Foi recoñecido correctamente o 2 de xuño de 1939.

O “cadáver nº2” correspondía a un ferreiro de 39 anos e veciño de Daxandra, tamén en Boimorto. Ramón Enjamio Pombo medía algo máis dun metro e sesenta centímetros, levaba bigote e a descrición do xuíz municipal fala dunha indumentaria consistente en dúas camisas azuis, un chaleco de pana escuro e un pantalón a raias de cor clara. Calzaba zapatóns con piso de goma. Morreu a causa dunha “hemorragia cerebral e interna en el hemitórax derecho”. A súa verdadeira identidade saíu á luz o 21 de maio de 1937.

Manuel Espiñeira López era veciño dos anteriores, en concreto da parroquia de Bertomil-Brates e obtivo a dubidosa honra de ser nomeado “cadáver nº1”. O xuíz municipal descríbeo de seguinte xeito: “aspecto de trabajador del campo, manos callosas, de estatura 1,65 m., pelo y barba castaños...”. En efecto, este labrego de ollos azuis e pel morena que vestía unha chaqueta e un pantalón negros morreu debido á destrución da súa masa cerebral. A finais de xaneiro de 1939 resultou plenamente identificado.

Isidro Filloy López era alcumado Isidro do Canteiro, mais non herdou o traballo do seu pai xa que, en realidade, traballaba como albanel na súa parroquia de Paravico-Andabao. De baixa estatura, calzado con zocos e cunha faixa de la negra ao redor da súa cintura, Isidro foi rexistrado como o “cadáver nº3” e a súa familia tivo que agardar até o 3 de agosto de 1939 para coñecer a súa verdadeira identidade. Fora asasinado cando os seus compañeiros e faleceu por mor dunha hemorraxia interna abdominal. Tiña 47 anos de idade.

Descoñecemos os anos que tiña Juan Martínez Bao, labrego con veciñanza no Boido, cuxa morte foi producida por unha fractura na base do cranio con hemorraxia cerebral, mais si podemos confirmar que o seu corpo foi identificado plenamente pasados dous meses do seu asasinato.

Ao contrario que no caso anterior, os familiares de José Tojo García tiveron que agardar até o último día de xaneiro de 1946 para poder recoñecer o que quedaba do seu corpo con plena seguridade, coa certeza de que aqueles restos pertencían ao seu ser querido. Este labrego de 42 anos e veciño de Arceo faleceu como consecuencia da “desintegración de vísceras torácicas y abdominales de origen traumático”, segundo o ditame do forense.

Até aquí os nomes, mais non rematou o pesadelo: dous días máis tarde da masacre, un novo corpo apareceu cosido a balazos nas Voltas de Lapido. Era o do veciño de Torea, no concello de Muros, Pedro Priegue Priegue, un ancián de 68 anos que traballaba como  labrego. A súa morte foi inscrita no Libro de Defuncións  o día 23 de agosto de 1936. Agora si, a causa da morte produciuse por “desintegración de la masa cerebral por disparo de arma de fuego”. O seu recoñecemento oficial chegará case un ano máis tarde. 

Cando menos, outros corenta veciños de Ames, naturais ou non, sufriron as diferentes tipoloxías da represión dos sublevados de xullo de 1936. Todos, absolutamente todos eran inocentes.

Agora, basta sinalar que nas Voltas de Lapido unha placa recorda os nomes daqueles veciños de Boimorto. A iniciativa, materializada no 2006 coincidindo coa proclamación do Ano da Memoria, foi impulsada polo grupo nacionalista que formaba parte do goberno bipartito de Ames entre os anos 2003 e 2007, en concreto polas concellerías de Cultura e Patrimonio.

Para que os seus nomes non se esquezan. Para poder visualizalos entre a néboa da amnesia colectiva.

Acerca de Francisco Xavier Redondo Abal

Bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela