Corte no suministro da auga a máis dun cento de persoas en Ourense

"Sin agua no hay vida, vos no entiendes".
"Este pozo es nuestro. Esta agua es nuestra. Es el agua para nuestros hijos. Venden nuestros pozos y nuestros lagos y se quieren quedar también la lluvia"

O mércores 10 de febreiro publicouse no BOP que 196 persoas e entidades de Ourense, en quince días sufrirán un corte no subministro de auga

Estas son dúas frases pronunciadas polo heroe, Daniel na película de Iciar Bollaín, "También la Lluvia". O mércores 10 de febreiro publicouse no BOP que 196 persoas e entidades de Ourense, en quince días sufrirán un corte no subministro de auga. Ao ler a nova lembrei inmediatamente a película e as revoltas entre 1999 e 2000, na "Guerra da Auga", en Bolivia. A película mostra o resultado das políticas privatizadoras que nese tempo estaba levar o goberno de Bolivia. O Banco Mundial, as transnacionais e as mafias do goberno tentaron quitar a auga ao pobo. Cando se aprobou a lei que regulaba esta situación só tiñan acceso ao sistema central da auga a metade da poboación. A outra metade abastecíase mediante uns pozos cooperativos que eles mesmos construíran para cubrir as súas necesidades básicas. Esa Lei obrigaba a entregar eses pozos á entidade explotadora. Sen compensación algunha polo tempo e o diñeiro investidos. Para moitos habitantes isto provocou unha subida no recibo da auga de ata o 300% nalgúns casos.

A privatización da auga no Estado español, non por ser máis silenciosa foi menos severa.  Se en 1996 o 63% da poboación estaba abastecida por sociedades públicas, hoxe a porcentaxe diminuíu ata o 47%

A privatización da auga no Estado español, non por ser máis silenciosa foi menos severa.  Se en 1996 o 63% da poboación estaba abastecida por sociedades públicas, hoxe a porcentaxe diminuíu ata o 47%. Tradicionalmente as augas subterráneas foron de dominio privado, mentres as augas superficiais foron consideradas de dominio público. De onde parte está idea? Parte dos enormes esforzos económicos que o desenvolvemento da gran obra hidráulica esixe e que soamente poden ser asumidos polo erario público, baixo a consigna ademáis do "interese xeral". Nada de todo isto requiríase para explotar as augas subterráneas, que quedaron por iso ligadas á propiedade privada da terra. Á fin e ao cabo, os investimentos necesarios para alumar un pozo eran e son alcanzables aos axentes privados sen necesidade da intervención do Estado.

A través do Real Decreto 1/2001, na época de José María Aznar, apórtase un novo elemento á lei de Augas: a legalización dos libres mercados de dereitos concesionais das augas públicas (en xeral superficiais). Se combinamos esta reforma coa posterior aprobación do Plan Hidrolóxico Nacional, baseado na política de transvasamentos cara ao eixo mediterráneo, sobre a base dunha masiva subvención pública, e coa paulatina privatización da xestión nas entidades locais, os abastecementos deficientes e a súbida na factura da auga, atopámonos cun marco preocupante de institucionalización da corrupción.

Igual que moitos outros municipios nas últimas décadas, Ourense sumouse á ola privatizadora. Agora mesmo as augas do noso concello están sendo explotadas pola empresa Viaqua. Eu pregúntome, istes cortes no subministro terán algo que ver con ser a cidade galega onde é maior o índice de pobreza e exclusión social, un 23,2%? e con ser a cidade co salario medio máis baixo?

É de vital urxencia que servizos sociais do concello investiguen cada un dos 196 casos e asegurar que a empresa non fará ningún corte ata que se verifique que non se priva de dereitos básicos a ningunha muller, home, neno ou nena do noso concello

A triste realidade é que non se coñecen as particularidades das 196 persoas que aparecen na lista do BOP do mércores, a triste realidade é que podemos ser calquera, a veciña, a panadeira, o teu curmán. Neste momento é de vital urxencia que servizos sociais do concello investiguen cada un dos 196 casos e asegurar que a empresa non fará ningún corte ata que se verifique que non se priva de dereitos básicos a ningunha muller, home, neno ou nena do noso concello.

No político toca sumarnos á tendencia global da remunicipalización da auga, tal e como sinala o informe da Unidade de Investigación de Servizos Públicos, o Instituto Transnacional e o Observatorio das Multinacionais, publicado en xaneiro do ano pasado.  Non se debe esquecer, que o que se ten que pagar pola auga é unha taxa e non unha tarifa, estea ou non externalizado o servizo. Isto evitaría os cortes de auga nos fogares e que se faga negocio do ben común. Ademáis esta afirmación ven recollida nunha sentencia do Tribunal Supremo, do 23 de Novembro de 2015.

Blindar na lexislación cuestións de dereitos fundamentais como os subministros, a vivenda, os prezos da canastra básica e os coidados. Pero tamén dende os municipios recuperar a xestión pública do que é necesario para a vida

Municipalizar o servizo, que o Concello cobre a taxa correspondente e evitar unha situación de indefensión das veciñas e veciños frente a lóxica mercantil, debe ser a punto central das politicas da auga.

Blindar na lexislación cuestións de dereitos fundamentais como os subministros, a vivenda, os prezos da canastra básica e os coidados. Pero tamén dende os municipios recuperar a xestión pública do que é necesario para a vida. Nunca a privatización buscou unha mellora na xestión só extraer o maior beneficio, a costa do que sexa, a costa de quen sexa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.