Gabriel Tizón: biografía non autorizada dun refuxiado

Debe dar tristeza y frío
ser un hombre artificial,
cabeza sin albedrío,
corazón condicional.
Mínimamente soy mío,
ay, pedacito mortal.
Silvio Rodríguez

Gabriel Tizón é un fotógrafo, un fotodocumentalista da estirpe do Robert Capa, a Gerda Taro ou o Sebastião Salgado, das que se comprometen coa realidade que observan e nos mostran e co oficio da fotografía. A calidade da súa obra é incontrovertida, aí está para visitala e para soster un curriculum que só a discreción do protagonista mantén nun plano secundario. E até aquí cheguei porque xa me está soando na cabeza a súa voz a dicirme que por que falo del, que non desaproveite este espazo para falar do que importa: a xente, as persoas que teñen que fuxir das súas casas polos intereses espurios que moven o mundo. El, así o fai, sempre que ten ocasión, como nesta magnífica peza de Marcos Pérez Pena neste mesmo xornal.

O pasado mes de xaneiro a “Asociación cívica e cultural Vía Vella de Ponte Canedo” organizou en Ourense un encontro-coloquio co Gabriel Tizón, titulado “Refuxiadas sen refuxio”. Unha magnífica ocasión para, por un lado, presentar o libro “Muros”, escrito por persoas que damos en chamar “refuxiadas” e, por outro, visibilizar a realidade de moitas persoas que, escapando da guerra, se estrelan contra o muro que impoñen os apoloxistas da “globalización por parroquias” que nos gobernan.

A globalización por parroquias é ese placebo para as persoas que practican o cosmopaletismo e que tan eficaz resulta, porque xera un espellismo; en termos económicos, de partillarmos a economía mundial cos asistentes ao foro de Davos: corre o capital, podemos explotar a unha persoa que está no outro extremo do mundo con só un clic de e-commerce, en aras da maximización da eficiencia no gasto doméstico, como farían a Nike ou a Apple. En termos non estritamente económicos, permítenos movernos por calquera lugar do mundo, con facilidade, como Antonio Canales indo aos EEUU. Mais, en realidade, esa globalización é só por parroquias (“rexións” lle chaman eles) da aldea global: parroquia do Acordo Comercial Asia-Pacífico, parroquia da Asociación Europea de Libre Comercio, parroquia da Unión Europea, parroquia do MERCOSUR, etc. E, como non, a parroquia de todas as parroquias, o TTPI. Mais nestas parroquias quen realmente goza da globalización son os pastores; as freguesas a xuntar para o décimo ao banquete parroquial, as freguesas non estamos convidadas. E, en concreto, ás persoas desprazadas de Siria nin sequera lles está permitido vir á cerimonia de lavado de pés dos pastores da parroquia que nós habitamos.

Conmovidas pola visión das fotografías produciuse un interesante diálogo co artesán fotógrafo a propósito de diversas cuestións, humanas e políticas. Tanto no tocante ás causas que orixinan esta inxustificábel situación e tras a cal está o diñeiro, como a aspectos ético-profesionais e das posíbeis solucións a esta ignominia, da que todas facemos parte, por acción ou por omisión.

Foi un acto moi frutífero, enriquecedor e pedagóxico, que lle agradezo ao Fonso, que me conduciu a el, e á inmensa xenerosidade do Gabriel Tizón, coa causa que retrata e con nós, as persoas que asistimos ao acto. Tanta xenerosidade merece, cando menos, un pouco de reciprocidade, e por iso me sinto na obriga moral de facer de apóstolo de tan comprometido cos Dereitos Humanos e talentoso traballo. Apóstolo, si, mais non eséxeta, nin doutor, por iso non vos vou interpretar o que vós mesmas podedes coñecer de primeira man. E por iso vos requiro á súa obra, que podedes coñecer no sitio web http://proyectomuros.org/. Convídovos a colaborar coa asociación “Causas Comúns”, recoméndovos que compredes o libro “Muros”, do que xa vos falei; pídovos que programedes –aquelas que teñades posibilidade- as exposicións que agora mesmo ten en circulación; agradézovos que fagades unha achega económica para manter vivo este proxecto, ou, tan só, que divulguedes a obra e causa que retrata. É xusto. É preciso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.