Filosofía e progreso

O IV Foro Galego de Filosofía, sobre “Filosofía e progreso” (Lugo, 17-19 de febreiro), indagou na vixencia do progreso como idea central no debate filosófico de finais do século XX e asunto de fondo de todo o século pasado, agromando sobre todo despois dos desastres das guerras mundiais, ca crítica da “relixión do progreso” (W. Pareto) e da deriva totalitaria da razón occidental (na Dialéctica da Ilustración). Pouco despois a escea filosófica foi ocupada polo debate da posmodernidade e do que se chamou “post-ilustración”.

Tratábase entonces de ver en que medida estaban vixentes os ideais da Ilustración, as ideas de liberdade, igualdade e fraternidade, que adquiren sentido sobre a base da idea dun perfeccionamento gradual da humanidade, desde un pasado a superar cara un futuro a conquistar, idea cuestionada desde múltiples frentes, pero que é realmente a que da a medida dos tempos, o criterio básico para valorar o presente; e agora sigue a ser a cuestión decisiva, despois duns anos de século XXI nos que a producción intelectual parece vivir aturdida, paralizada pola guerra contra o terrorismo global e a posterior crise económica, da que non parecen terse sacado leccións de proveito.

O tema sigue por tanto vixente, tamén porque se constata a persistencia de tendencias preocupantes nestes tempos: a idea de liberdade confróntase decote con violencias de todo tipo e a acción permanente de dispositivos de control e vixilancia; a igualdade vese confrontada con dinámicas económicas de crecemento, obrigado polo imperativo de aceleración continua, o que produce unha crecente polarización social entre clases e entre culturas; e a solidariedade, que vemos como é sustraída das políticas públicas, cada vez máis indolentes ante a realpolitik global, e revertida a redes privadas e formas diversas de voluntariado.

Por tanto a crise da idea de progreso pode entenderse como a  crise dos ideais da Ilustración, a constatación dun fracaso. O progreso é un ideal cuestionado porque atopou límites e mostrou debilidades, e finalmente é un ideal ambivalente, fendido por antinomias de fondo: a disparidade entre progreso científico-técnico e progreso ético-político, as condicións incomposibles de ambos, os efectos destrutivos do progreso, a súa deriva imperial e o seu carácter “altericida”.

A idea de progreso foi unha idea eurocéntrica que non resolve a oposición entre a singularidade das culturas e a idea xeral de civilización; o progreso foi de costas á natureza e ás culturas minorizadas, considerando ambas como un obxecto de apropiación e expolio, dun xeito que non pode ser universalizable, baixo a ameaza segura de destrucción. Tamén fracasaron os programas de reforma social que levaban implícitos programas de reforma da natureza humana, obviando o máis básico realismo, e moitas veces o progreso colectivo foi unha excusa para someter aos individuos e limitar as súas posibilidades vitais.

Hai que admitir que a reivindicación do progreso é moi efectiva como criterio político, o “progresismo” ten boa prensa e parece unha etiqueta disputada por todos, ten unha base histórica solvente nos logros da ciencia, a técnica e os avances no benestar material, sobre todo no século XIX e principios do XX, neses 200 anos entre a Ilustración e as guerras mundiais. Pero o seu éxito político procede máis da forza emocional e valorativa do progreso que dos datos obxectivos. Walter Benjamin dicía que o ascenso da razón era inseparable dunha acumulación de ruinas, chamouno “o anxo da historia” (referíndose ao Angelus Novus de Paul Klee, nas Tesis de filosofía da historia), que contempla as ruinas pero é empuxado cara atrás por un furacán irrefrenable que lle abre as ás e o arrastra a cegas ao futuro; ese furacán, escribe Benjamin, é o que chamamos progreso.

Por tanto a crise do progreso tamén pode entenderse como un proceso non acotado históricamente nas postrimerías da modernidade, senón como algo máis xeral, como unha crise que afecta a todo un modelo civilizador que procede da mesma raíz que a filosofía, un modelo de razón que herdamos do pensamento grego e se forxou despois no universalismo cristiano medieval, aínda que solo acada o seu perfil propio na modernidade, cos avances tecno-científicos, as revolucións socio-políticas e o proceso xeral do capitalismo. Pero non esquezamos que xa está en Homero esa apelación á deusa Themis que fai concebir aos homes un ideal que nos separa do salvaxismo dos cíclopes, e de aí esa ansia interminable por non permanecer, por deixar atrás o pasado coma se dun pesado fardo se tratara. Deixar atrás o pasado ou acercarse ao futuro, dúas consecuencias dispares (a dicir de Borges) do interminable río de Heráclito.

Despois deste panorama pouco alentador debe dicirse aínda unha cousa, que pode parecer favorable a unha certa idea de progreso, porque motivos para mantela hainos. Porque igual que houbo un tempo no que a humanidade abandonou a horda primitiva e deu forma a civilizacións e Estados, o que está agora por ver é outra liña de fractura, que opón ás formas variadas de despotismo e descarnada explotación, algo que aínda poida chamarse democracia; a diferencia entre recoñecer e ampliar dereitos, ou recortalos e pisotealos, como podemos ver cada día. É unha liña porosa, pero non é inexistente.

(texto adaptado da presentación do IV Foro Galego de Filosofía, Lugo, 17/02/2016)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.