Fisher e Bernanke: humanas grandezas e miserias

Alá polos felices 20 do século pasado, Irving Fisher era unha figura sobranceira na ciencia económica, e súa era a teoría do diñeiro que explicaba a valoración dos activos financeiros. Tres días antes do xoves negro da Bolsa de Nova Iorque – o 24 de Outubro de 1929- anunciou que os prezos das accións acadaran o que semellaba ser un altiplano infindo, que o mercado só se estaba a desfacer da borralla lunática e que non había de que preocuparse. Porque si, porque así o afirmaba a teoría que el mesmo desenvolvera e o mundo académico aceptara: que os mercados financeiros son racionais e intrinsecamente estables, e xa que logo, resulta imposible de todo que puideran chegar a desencadear depresións longas e profundas na actividade económica.  E non era el persoa suíña nin un falabarato calquera, que tiña toda a súa fortuna (dise que arredor de 80 millóns de euros ao cambio de hoxe) investida en activos bursátiles, e chegou a perdela toda, deixándoo nos arredores da indixencia para o resto dos días.  Sen cartos e sen prestixio. Sen nada. Se che contan que rematou os seus días colgando o pescozo nun farol de Wall Street tampouco nada che estrañaría.

Pero non o fixo. Que a realidade lle baleirara a carteira e esfandangara á súa teoría económica, unha vez desbotado o suicidio, levou a Fisher a reconsiderar as súas conclusións e aceptar que igual estaban trabucadas. Ollo, que non é doado este proceder, que é moito mais común e universal asubiar, botar balóns fóra e porfiar no erro. Pero Fisher era un home de ciencia e pensou (eu non estaba alí, que conste) “se os feitos me quitan a razón, daquela cambio de opinión”. Caeu na conta de que as presuposicións da súa Teoría do Interés  (1: o mercado debe estrar en equilibrio en todo o intervalo de tempo. 2: as débedas son pagadas) eran infrinxidas unha e outra vez, case de xeito sistemático, recoñeceu que o mercado non estaba nunca en equilibrio e que as débedas podían non pagarse, non só individualmente, senón en masa; que no mundo real, incluso nos intres rara avis nos que a economía acadaba o equilibrio, este pouco tempo duraba xa que calquera variable vai estar case sempre por riba ou por debaixo do equilibrio ideal. En resumo, que os dous factores dominantes que causan as depresións son o sobre-endebedamento de entrada e a deflación que lle segue un chisco despois. A que nos soa esta cantiga?

Que fixo o mundo académico oficial? Se o noso mestre recoñece que estaba errado e danos outra explicación, semella lóxico que tomaramos en conta a nova teoría, aínda que non lle devolvéramos o prestixio decontado. Iso sería o lóxico, pero non foi o que ocorreu. A economía oficial retomou a teoría fisheriana pre-crise, a mesma que o seu propio autor deu por incorrecta, e fixo oídos xordos ás súas novas reflexións. Outro moquete nos dentes de Fisher. Por defender ata o último intre a súa teoría, perdeu facenda e prestixio; e co paso do tempo, o mundo académico retoma a súa teoría pero non lle restitúe o prestixio. Agora non só comprendería o seu suicidio, senón que eu mesmo lle subministraría a pistola, ao abeiro dunha noite escura nas rúas de Nova Iorque, para que se pegara un tiro e deixara para sempre este mundo ingrato e ransoño.

80 anos despois daquel xoves negro en Wall Street volviamos estar ás portas doutra desfeita económica a nivel mundial, e con advertencias razoadas de só unha ducia de figuras do mundo académico de que algo grave estaba a piques de acontecer. Entre eles non estaba, por suposto, Ben Bernanke, figura sobranceira da ciencia económica, presidente da Reserva Federal e recoñecido experto sobre a crise dos anos 30. No ano 2004, esta eminencia afirmaba que a economía mundial vivía instalada na Gran Moderación (lembrade o Altiplano Infindo de Fisher, o Mar da Tranquilidade lunar ou o Paraíso Terreal da Biblia), “onde as recesións son menos frecuentes e mais suaves, e a volatilidade trimestral en rendemento e emprego tamén descende de xeito significativo”. Cando tres anos despois estouparon as subprime, Bernanke ficou abraiado e, asustado, púxose a ciscar billetes pola economía adiante. No seu modelo teórico (o mesmo de Fisher, ampliado e actualizado) unha desfeita coma esta era imposible: Pero a diferencia de Fisher, Bernanke seguramente non perdeu nin un peso na Bolsa nin se lle pasou pola cabeza poñer en cuestión os seus coñecementos económicos. Mais ben todo o contrario: No 2015 meteuse nas portas xiratorias, abandonou a Reserva Federal e fichou polo fondo de investimentos Citadel LLC; e no plano teórico segue abrazado á súa fe nunha teoría económica que predica que feitos coma a crise dos 30 do século pasado ou a de comezos do que estamos son imposibles. Só me queda unha dúbida: se Bernanke se arruinara coma Fisher vería as cousas doutro xeito?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.