Alfonso Castro Beiras, algo máis que un médico

A primeira vez que llo escoitei sorprendeume que unha persoa como el, cun percorrido profesional inzado de grandes éxitos, salientara de xeito especial o feito de ter acadado o premio extraordinario da Licenciatura na Facultade de Medicina  da Universidade de Santiago (1969). En posteriores ocasións reparei  na énfase con que o lembraba,  a emoción con que narraba como o tribunal encargado de valorar os méritos elixiuno a el por riba do outro candidato, o fillo do Reitor daquel tempo, Ángel Jorge Echeverri. Era romper unha tradición nunha contorna ben endogámica, porén coido que para Alfonso foi algo máis, demostrar que a quen chamaban “o fillo da vendedora da praza” (orfo de pai) era alguén co que se tería que contar  para formar parte das futuras elites.

No terreo profesional foi un espírito inquedo e innovador. Ao remate dos seus estudos universitarios puido permanecer na Facultade compostelán, cun futuro asegurado nunha cátedra  e  unha rendible consulta, pero preferiu mellorar a súa formación e marchou cara Madrid. Asumiu ese reto, como había décadas fixera, noutro contexto e circunstancias, unha persoa dun perfil ben diferente  como Roberto Nóvoa Santos, un médico ao que admiraba e co que, coido, se identificaba por tres elementos coincidentes nas súas biografías: orixe humilde, capacidade profesional e  difícil relación con certos sectores sociais de Santiago de Compostela.

O seu labor e relacións chegaron a convertelo nunha figura de discreta pero enorme influencia no ámbito da Sanidade galega

Ben instalado en Madrid foi Tuco Cerviño (como fixo con outros valiosos profesionais) quen o animou a vir para o Hospital da Coruña (daquela o Juan Canalejo, hoxe o CHUAC) a fins dos anos setenta, no que  desenvolveu un innovador e eficaz servizo de Cardioloxía e permaneceu o resto da súa vida profesional.

Persoa pragmática e intelixente,  un estreito colaborador seu díxome un día: “Alfonso é listo para todo”. Foi hábil na identificación de persoas con valía profesional e  de individuos e institucións con poder efectivo na cidade. Con eles tratou, dentro e fóra do ámbito sanitario, para avanzar nos proxectos hospitalarios, educativos e empresariais que lle pareceron interesantes; así, por exemplo, xogou un papel relevante na incorporación da docencia da Medicina na Universidade da Coruña. O seu labor e relacións chegaron a convertelo nunha figura de discreta pero enorme influencia no ámbito da Sanidade galega, con posicións liberais que tiveron unha recepción desigual entre os seus colegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.