0 Gardados para despois

Francisco Xavier Redondo Abal

Leccións e memoria de Auschwitz

O soldado ucraíno Yakov Vincenko tiña 19 anos cando chegou ao campo de concentración de Auschwitz-Birkenau. Abriu as súas portas e sobre elas puido ler algo que lle resultou incomprensíbel: Arbeit macht frei. Incomprensíbel foi tamén o que alí atopou pois, aquel sábado 27 de xaneiro de 1945, acababa de penetrar nun inferno instalado na terra. Yakov pertencía á 322 División de Infantería do Exército Roxo e o panorama que contemplou resultaba aterrador. Un horror inclasificábel. Os soldados soviéticos comentarían que durante o seu avance cara o campo era penetrante o cheiro a carne humana queimada varios quilómetros antes de visualizar a contorna do lugar. Descoñecían a magnitude do xenocidio.

No interior, mortos viventes, coa mirada perdida en ollos desorbitados, camiñaban entre excrementos, a carón de moreas de cinzas e osos. Aquel día, Yakov e os seus compañeiros foron testemuñas dunha infamia maiúscula, nunca alcanzada ata entón. Desolación e morte reinaban naquel lugar de oprobio. Nin rastro dos perpetradores. Si quedaba, segundo narrou tempo despois o novo soldado, “un grupiño de anciáns diminutos, que eran nenos, rían cara nós”. Yakov Vincenko pretendeu esquecer todo aquilo que contemplou: a deshumanización, o medo, a fame, o frío, a morte gratuíta e absurda. Porque, “nin sequera nós, que víramos, queríamos crelo”. Mais esquecer convertíao en cómplice e Yakov, cumpridos os 80 anos, regresou a Auschwitz e camiñou entre os barracóns, xunto as pantasmas, conxurando a amnesia e fuxindo dunha idea que o perseguiu durante moitos anos: “Cando estaba alí, liberando o campo, trataba de convencerme de que aquilo non era verdade”... Memoria de Auschwitz.

Idéntica idade, 19 anos, tiña Reinhold Hanning cando decidiu alistarse voluntariamente nas SS. O rapaz permaneceu dous anos, 1943 e 1944, como garda en Auschwitz e alcanzou o grao de sarxento. Hoxe, este indefenso ancián de 94 anos séntase no banco da xustiza acusado de colaborar na morte de 170.000 persoas inocentes naquel campo polaco. Corenta acusacións particulares proveñen de Hungría, Israel, Estados Unidos, Gran Bretaña, Alemaña e Canadá. O fiscal asegura que o sarxento das SS tivo coñecemento de todo o que alí pasaba, que colaborou na captura de fuxitivos do campo e que seleccionou aos que non estaban en condicións de traballar para conducilos ás cámaras de gas. Hanning nega a súa participación no asasinato de prisioneiros, mais o feito de recoñecer a súa presenza en Auschwitz convérteo en cómplice. Algo máis de 6.500 integrantes das SS estiveron destacados naquel campo nalgún momento do tempo en que estivo funcionando. Menos de 50 foron xulgados e condenados a penas de cárcere. Un dos últimos nazis condenados pola súa presenza nun centro de exterminio foi John Demjanjuk, responsábel da morte de 29.000 xudeus no campo de Sobibor. Tiña 91 anos cando foi alcanzado pola xustiza e a súa sentenza sentou xurisprudencia. Agora, Hanning enfróntase ás vítimas superviventes nun proceso xudicial iniciado na cidade de Detmold. Lección de Auschwitz.

A xustiza sentou tamén no banco a Oskar Gröning, de 93 anos, alcumado “o contable de Auschwitz”. Foi condenado a catro anos de cárcere acusado de cooperar na eliminación de 300.000 seres humanos. Pronto serán xulgados un integrante do servizo sanitario do campo e unha muller de 92 anos que traballou como radiotelegrafista  no mesmo lugar. Mentres, continúa a busca do paradoiro de Alois Brunner, convertido no criminal de guerra número un na listaxe dos máis buscados. Austríaco de 97 anos, Brunner está considerado o “enxeñeiro da Solución Final”. Foi visto por última vez no ano 2001.

Pode semellar incríbel nesta Europa que criamos libre do fascismo e a intolerancia. Mais, a persecución que está a padecer o historiador polaco Jan Tomasz Gross evidencia que aínda quedan moitos Guantánamos, non só en Latinoamérica. Gross, nacido en Varsovia en 1947 e profesor na Princenton University dende 1968, é un historiador rigoroso e honesto. No ano 2000 publicou en Sejny, Polonia, un libro que abriu feridas no seu país por desvelar unha verdade oculta e incómoda. O traballo, titulado Sasiedzi, foi traducido un ano máis tarde ao inglés como Neighbors e apareceu en español baixo o título Vecinos: el exterminio de la comunidad judía de Jedwabne, Polonia (Crítica, 2002).

Gross investigou a matanza ocorrida o 10 de xuño de 1941 na localidade polaca de Jedwabne –ocupada polo exército alemán– e o asasinato en masa de toda a súa poboación xudía nun pogromo que se levou por diante as vidas de entre 300 e 1.600 persoas. Ao final, chegou á conclusión de que foron os propios “veciños”, antisemitas convencidos, os protagonistas e executores do crime. As forzas ocupantes unicamente asistiron inmóbeis ao espectáculo entre compracidas e satisfeitas. As SS contemplaron, deste xeito, as execucións de xudeus sen mover un so músculo. Os polacos adiantáranse ao traballo dos alemáns.

O libro provocou un terremoto na civilizada e católica sociedade polaca. Agora, co goberno ultraconservador de Andrzej Duda e o seu partido Lei e Xustiza, o Estado polaco busca facer pagar a Gross a súa ousadía. Para iso, pretende denunciar ao historiador por un artigo publicado en setembro de 2015 no xornal alemán Die Welt, onde Gross afirma que, en Polonia, os seus compatriotas mataron máis xudeus que os propios nazis.

A Fiscalía, a instancias do goberno conservador, acusa a Gross de “insulto público á nación”. Todo un despropósito, especialmente se afirmamos que, unha vez finalizada a II Guerra Mundial, 21 polacos foron xulgados por aqueles feitos e 11 deles condenados a diversas penas. Pero a matanza pasou no imaxinario colectivo a ser considerada responsabilidade das forzas ocupantes nazis. Podemos engadir, ademais, que na espiral da estupidez o Goberno polaco vén de prohibir a expresión “campos de exterminio polacos”, pois, segundo argumentan, Polonia nada tivo que ver coa organización e funcionamento daqueles lugares de morte: Chelmno, Belzec, Treblinka, Sobibor, Majdanek e Auschwitz-Birkenau. En setembro de 2011, o memorial dedicado ás vítimas xudías de Jedwabne amañeceu con cruces gamadas e unha frase: “Eran altamente inflamábeis”. Lección e memoria de Jedwabne... e de Auschwitz.

Acerca de Francisco Xavier Redondo Abal

Bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela