Pensar a identidade, pensar o mundo

O pasado 18 de febreiro publicouse unha novela miña baixo o pseudónimo que decidín empregar para separar a miña actividade creativa da laboral. É unha opción persoal. Nese día un administrador de Galipedia que editou a páxina, segundo figura no historial, inseriu o meu pseudónimo xunto co meu nome real, co que asino este artigo, e mesturou e interpretou unha serie de datos dun currículum para outros fins para formar unha miña identidade. Eliminei esa información persoal explicando as razóns, mais esta persoa volveu introducila e ampliouna. Claro está que o que unha autora publica é de carácter público, mais hai unha diferenza entre xuntar información e construir algo novo co que a persoa referenciada non se sente identificada. Se se me identificase como autora, actividade pública, entendo que debería referirse ao meu traballo como tal. Non consta que Galipedia incorpore entradas de toda a cidadanía, nin sequera de todo o profesorado das universidades. Dirixinme ao autor da páxina para lle pedir que a reeditase, manifestando a miña vontade contraria co que fixo, e obtiven silencio.

Como o tema convida á reflexión, do que somos, do que queremos ser, de como nos marcan, emprego esta oportunidade para apropiarme da miña voz, o que me queda. Resulta interesante ler ao mesmo tempo o artigo en Praza sobre Anna Gabriel, no que sinala o carácter non identitario do independentismo da CUP, entendendo por iso a construción dun marco político e social novo e feminista. Gabriel refírese indirectamente á comunidade, esa que sinala Zygmunt Bauman na que hai posibilidade de entrada e de saída e que se fai pola participación e negociación entre individuos que se recoñecen mutuamente nunha serie de valores, e non por onde nace unha e que apelidos leva.

Quen escribe a miña entrada de Galipedia constrúe unha identidade en posición de superioridade, xa que esta persoa que describe libremente a súa propia entrada decide sobre a miña, impón o que non desexo baixo criterios de estandarización e publicidade. Mais no proceso non fai só iso, non dá información, senón que elabora e marca. Non ten nada que ver con coñecemento enciclopédico, senón con algo ben distinto e que paso a debullar.

Acabo de coñecer por Galipedia que son “orientalista”, non sei que tipo de profesión é esa, mais desde logo denota o doado que é escribir en lingua galega. O primeiro que me veu á cabeza foi coller a miña alfombra voadora e marchar polo ar a tocar a frauta para encantar as cobras. O termo “orientalista” quedou claramente descualificado polo traballo de Edward Said (1978) e esconde connotacións espaciais e teóricas cuestionadas, cando non abertamente ofensivas no coñecemento doutras sociedades alén de, alén de que?, de Europa Occidental e EEUU? Quen se ocupa de estudar as sociedades galegas, é entón unha “occidentalista”? Unha cousa son os nomes das institucións e outra o que fan as persoas. Unha persoa da outra beira do Mediterráneo, forma parte xa de Oriente?

Pregúntome iso porque os pobos árabes (incluindo os non-árabes deses pobos) que organizaron as revoltas en 2011 logo exportadas a Europa, hai que seguir véndoos como “orientais”? Era un “orientalista” Giulio Regeni, un estudante italiano de doutoramento que traballaba cos sindicatos exipcios sobre temas laborais, asasinado o pasado mes de xaneiro, logo de ser torturado, presuntamente pola policía exipcia? Ou o orientalismo se reserva para a India e China e outros lugares relativamente distantes e “exóticos”?

É doado escribir sobre outras persoas desde unha cadeira cun teclado e pantalla diante, mais o que se escribe non inclúe ás persoas mencionadas só, senón que afecta a outras persoas e institucións. Na miña entrada de Galipedia sinálase que “analiza factores de identidade nacional na área xeográfica de Caxemira” e “como parte dun equipo de traballo”, é dicir, que no meu lugar de traballo hai persoas facendo cousas similares. Non sei da existencia de tal equipo, é simplemente falso. En canto ás identidades colectivas, un tema que en Galicia imaxino está moi tratado, non son só nacionais, senón que se poden formar como resposta en base a condicións de opresión e “imaxinación” varias.

De novo, o autor da entrada me sitúa, me coloca nun tema de especial sensibilidade, moito máis tendo en conta as persoas coas que falo, por exemplo de Baltistán, as cales introducindo as frases no tradutor poden ter unha apreciación errónea da miña actividade. Poden escachar coa risa, poden preocuparse. Desde logo, o meu traballo é sobre persoas, non identidades, e cuestiona precisamente os procesos de identificación que non teñen en cuestión o xeito de sentir desas persoas. Estas persoas son identificadas na información que abonda na Internet, en casos nas xxx-pedias, como terroristas, musulmáns fundamentalistas, como caxemires (cando non queren selo), como indias (cando non queren selo, ou polo menos non nunha India cada vez máis sectaria), etc. É un xeito de desposuílas, de negarlle a voz, dun xeito similar a como esta persoa fai coa miña identidade.

Dado que quen edita a miña entrada como novelista me marca, xunta o que pretendín manter público mais separado, acaba por crear unha identidade que non me representa. Pensar na identidade significa pensar no mundo e por iso vénme a mente aquel fermoso lema da Mesa “en galego estamos no mundo” para me preguntar xustamente por “ese estar no mundo”. Pensar no mundo implica pensar a diferenza, desde unha posición de respeto e igualdade cara á outra, e ter en conta a comunidade. O expoñer a quen non quere ser exposto, constitúe un xeito de disciplinamento igual a aqueles que erguen muros, ou valados. Priva a unha da espontaneidade de atopar estraños. E tal actividade faise sobre a base da liberdade e da publicidade, sen meditalo e, todo hai que dicilo, segundo a racionalidade neoliberal. Shukriya!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.