Reiniciando o BNG: Traballo, ilusión e afouteza

O día de onte, foi un gran día, durante 12 horas centos e centos de militantes participamos na XV Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego na cidade da Coruña, lugar escollido non por casualidade, senón por ser un espazo simbólico para o nacionalismo galego. Esta nobre vila viu nacer as Irmandades da Fala no ano 1916 e viu como en 1982 nacía tamén o BNG.

Quero facer unhas consideracións persoais sobre o traballo que nos agarda a toda a militancia de cara os próximos meses para refundar o Bloque, refundación que no día de onte aprobamos democraticamente entre toda a militancia e que debe continuar agora co traballo e esforzo de todas nós, escoitando e interpretando as mensaxes que recibimos para dar co diagnóstico axeitado que a nosa organización precisa.

As persoas que militamos no BNG queremos que sexa unha forza viva e dinámica, capaz de xerar ilusión coa que atraiamos persoas a un proxecto nacional de país co que mellorarmos as condicións de vida e os dereitos do pobo, mais tamén votos para termos maior incidencia política. Para esta difícil tarefa deberemos aplicar todas as medidas que fixer falla para acadar os obxectivos que nos propuxemos, non fuxir de ningún tema que poida enriquecer os debates e traballar con tino sen tomar decisións precipitadas, facendo que todos aqueles pasos que deamos sexan con firmes e decididos na boa dirección.

Outra das importantes tarefas a desenvolver é a de conxugarmos todas as voces e opinións que permitan conformar un novo proxecto aberto e plural, no que todo o mundo teña cabida, valorando a diversidade como unha das nosas virtudes que permiten achegar puntos de vista diferentes.

Debemos ter estima polo que somos, nacionalistas galegos e polo que desexamos construír, unha nación igualitaria e libre para o que contamos cunha organización cunha grande fortaleza, milleiros de compañeiras e compañeiros dispostos a facer realidade os nosos soños, por tanto alegrémonos!

Creo que tanto a nova Executiva Nacional como Consello Nacional están formados por xente que ten moita valía, unha gran capacidade e vontade de traballo para transformar o proxecto colectivo todo o que sexa preciso. Miremos para atrás só para aprender dos erros cometidos, para coller as ensinanzas e o pouso que outras persoas nos deixan, incidamos naquelas cuestións que facemos ben que son moitas pero sobre todo, ollemos cara diante con ilusión e afouteza.

Estou convencido de que a recente elixida voceira nacional Ana Pontón, muller preparada, positiva e moza, será a cara visíbel dun proxecto colectivo que acredita na nación e traballará por e para o pobo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.