0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

Os sementadores de odio

Á Galicia por-nacer.

Se camiñásemos pouco a pouco e fixésemos máis pedagoxía co discurso lingüístico, o interesado labirinto, ruido e confusión mediática encol desa perigosa lingua chamada galego e dos perigosos suxeitos que teiman en garantirlle máis visibilidade, pasaría do estado paranoico ao estado metafísico, do estado metafísico ao estado ético-normativo, e do estado ético-normativo ao estado positivo. Dito en rigor : faríamos máis sociolingüística intercultural e comparada, máis investigación, e deixaríamos de tratar á lingua galega coma se fose un balón de futebol ao cal se lle poden dar patadas a capricho a golpe de marketing político-identitario. Non doutro xeito, con investigación e cun discurso público ben fundamentado, cunha comunicación social valente, pódese contrarrestar ao racismo, mesmo na súa dimensión lingüística.

No ano 2001, baixo a presidencia de Xosé María Aznar, ratificouse o contido da Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias – en rigor, conviría denominalas minorizadas; voluntaria e políticamente minorizadas -. Este documento, impulsado no ano 1992 polo congreso de Europa, con rango de tratado internacional, foi aprobado polas cortes xerais. Entre os compromisos que adquiriu entón o estado encóntranse a garantía dunha educación nas linguas rexionais ou minoritarias (..) correspondentes en tódolos niveis do sistema público de ensinanza.

O 22 de febreiro do 2010, en Santiago de Compostela, Simone Klinge, membro do secretariado da Carta Europea das linguas, afirmou, con rotunda serenidade :

-          “España non cumpre cos compromisos que firmou”. 

Simone, experta en sociolingüística, lembrou que os preceptos ratificados por España implican, entre outras obrigas, as dunha“existencia dunha educación integralmente en galego”. Ademais, afirmou que “impartir en galego un 50% das clases non encaixa cos niveis do tratado asumidos por España en 2001, polo menos no referente á educación e ás institucions educativas”:

Lendo as bases da carta, chámame a atención o seguinte punto :

-          “Promocionar os idiomas minoritarios (..) na vida pública e privada”.

Digo que me chama a atención polo seguinte : porque o feito de considerar tamén o espazo privado e doméstico coma un espazo a ter en conta na promoción e visibilidade das linguas minorizadas é moi perigoso e debería motivar a etnógrafos, antropólogos, documentalistas e fotógrafos para traballar conxuntamente na creación dunha perspectiva que visibilice as tensísimas relacions de poder que se manifestan nunha convivencia social, lingüística e cultural que, na historia contemporánea de Galicia, tivo e ten moi pouco de armónica ou pacífica. 

Non chega só coa retórica xurídica. Non chega coa análise socio-lingüística. Non chega, tampouco, coa linguaxe verbal. A mirada etnográfica do antropólogo, o documental e a fotografía poden axudar a desvelar, con máis precisión e menos maniqueísmo, o eterno retorno do odio recíproco entre os bos indíxenas defensores da lingua feble, que consideran ao castelán coma un elemento alleo - sic - ao seu ser ou mesmo un elemento colonizador, fronte aos malos indíxenascolonizados polo estado español – así, en abstracto - que consideran ao castelán coma un elemento complementario ou propio ao seu ser. É urxente e necesario acabar, neste eido, co que Olga Rodríguez chama a asfixiante tiranía do pensamento binario.

Qué dúbida cabe que baixo os termos bilinguísmo, trilinguístmo ou polilinguísmo hai moito de propaganda política. A meirande parte dos políticos que mencionan estes termos non os practican. Quero dicir, con isto, que hai moito bilingüe no Reino de Galicia, en concreto en San Caetano, que máis que falar en dous idiomas semella falar nun estrano idioma ao que conviría denominar castelego : un estraño ser que foi desenvolvéndose co devalar do tempo e do que non sabemos aínda se é galego ou castelán, pois resulta prácticamente imposible sabelo. Nos meus tempos, en rigor, chamábaselle castrapo, a secas. Agora, para fuxir do problema, invéntase a categoría de híbrido e santas pascuas. As confluencias líquidas e sen contido están de moda, tanto no ámbito político como no ámbito lingüístico : do que se trata non é de mesturar aos seres conservando a súa singularidade, senon de mesturalos por mesturalos e á deformidade recíproca resultante chamarlle hibridaxe ou mestizaxe. Vai ser que non concordo do método, non. Concretamente, sinto preferencia por facer as cousas totalmente ao revés. 

Sigo convencido de que unha política do recoñecimento recíproco da diversidade intrínseca no mapa lingüístico-cultural da península non ten sentido se non existe o desexo e a predisposición recíproca de coñecerse. Un pode recoñecer ao outro sen desexar coñecelo, e viceversa, e nese recoñecimento existir simplemente o medo e a negativa silenciosa a abrir canles recíprocas de diálogo e comunicación inter-cultural. Ao fin e ao cabo, non é outra cousa que unha estratexia de poder máis. A península ibérica, como xeografía, Galicia, como nación, e España, como estado, seguirán columpiándose durante décadas neste absurdo clash of cultures interno. É moi posible que algún día nos custe caro se non poñemos freo a posibles emerxencias de odio inter-étnico. E aquí, precisamente aquí, neste contexto, nesta situación, é onde o movemento pacifista pode e debe facer pedagoxía intercultural en tódolos ámbitos. Na rúa. Nas escolas. Na universidade. Nos medios. Calqueira lugar é válido para contrarrestar posibles re-emerxencias de odio inter-étnico.

Non corresponde, de ningún modo, a ninguna administración política – en rigor, ao poder institucionalizado -, responder ás delicadas, complexas e atávicas preguntas do ser humano. Nin a identidade, persoal e colectiva, nin o futuro, nin o presentenin o pasado son monopolio interpretativo dunha administración ou dun partido político. O humanismo coma crítica democrática, non coma adorno retórico ou erudición libresca, ten que dirixirse aos suxeitos, ás persoas con vontade e predisposición de examinar e analizar os fundamentos da súa práctica cotiá e profesional. Xa somos maiores abondo para caer na conta de que baixo todos testimonio de inhumanidade existe sempre o colaboracionista rol dos intelectuais na xustificación verbal da mesma :

- Mais dende o momento en que, falto de carácter, corre o criminal a procurar unha doutrina, dende o instante mesmo en que se razona o crime, prolifera coma a sinrazón mesma, toma tódalas figuras do siloxismo. De solitario que era, como o grito, fíxose agora universal como a ciencia. Xulgado onte, hoxe dicta a lei.

Así comezaba Albert Camus O home Rebelde, e dende aquí poderiamos - se quixésemos - comezar nós, a Galicia partisana, a construir o fundamento - nin absolutamente racional, nin absolutamente afectivo, nin absolutamente estético - dun universalismo cultural, político e moral válido para tódolos tempos.

Esta é a miña escolla, e dende ela, sí, vivo, penso, creo, escribo e camiño.

Acerca de Diogo Tabuada