A #NovaCulturaDoConsumo: do antimadridismo á Nova Política

O Concello da Coruña promoverá neste mes de marzo, a través dun mercado de consumo responsábel e varias actividades divulgativas, a reflexión sobre o modelo de consumo actual e as alternativas existentes. O autor, coruñés de orixe e catalán de adopción narra, a través dun relato en clave persoal, a súa relación vital  e profesional co “Consumo Responsábel”. A narración serve de escusa para achegarnos unha mirada a esta proposta social e ás oportunidades que lle brinda o cambio político en marcha.

Fendas nos vidros da “Cidade de Cristal”

Nacín e medrei na Coruña, á que un trobador local, Miguelón Ladrón de Guevara, canta que “o cine o cenar, aquí lo que importa es aparentar”. Hai frases curtas que din máis que mil palabras.

Diría que o antimadridismo que compartiamos bastantes amigos do barrio desdes nenos era un xeito de canalizar certa rebeldía ante o clasismo -que daquela chamabamos “pijerío”- que representaban “os brancos”. Xa na adolescencia o rock axudounos a politizar aquela “pulsión” espontánea: a falta doutros referentes, as letras e a actitude de grupos como Barricada ou os Diplomáticos (“ti tes unha finca, eu teño unha leira...”) permitíronnos entender mellor algunhas das cousas que nos pasaban e sentiamos, e falábannos e representaban estilos de vida e modelos de éxito persoal diferentes aos que podiamos ver na televisión.  

Xa con 20 anos, no 99, deixoume de interesar o Dépor e deume por falar galego e participar en proxectos sociais, malia ás fortes presións de familia e amizades, preocupadas por se, literalmente, “me metera nunha secta”. Naqueles tempos, entre moitos atrevementos, “okupamos” a rúa Real cun exitoso “día Anti McDonalds” e abrimos un ambicioso centro social (Mil Lúas, que, entre outros proxectos, albergou un grupo de consumo de alimentos ecolóxicos pioneiro na cidade e volvmos sair cun teatro de rúa cun teatro de rúa “contra o consumismo do nadal” ás portas do Pull & Bear1. Con moita ilusión e folletos fotocopiados pagados do noso peto, contabamos aos centos de persoas que pasaban máis ou menos as mesmas cousas que o imprescindíbel Jordi Évole está a facer vox populi co seu Salvados.

O “Consumo Consciente” e as “Economías Transformadoras” coma alternativas

Con 25 anos botei uns anos entre Bilbao e Navarra empapándome da promiscuidade daquelas terras en iniciativas sociais, cooperativas, de Economía Solidaria... E pechei a miña etapa vasco-navarra no 2008 pasando da fase da protesta á da proposta ao publicar Consumir menos, vivir mejor: un manual de boas prácticas (persoais, empresariais, comunitarias e políticas) cheo de ideas para camiñar cara a un “Bon Vivir” que combine saúde e pracer con coidado do entorno e xustiza social.

Con 30 continuei o periplo cara a Cataluña onde, ademais de ser pai, consolidei a miña colaboración con Opcions, a publicación referente na creación do relato do “Consumo e estilos de vida transformadores”.

E, na distancia, desfrutei da creación na miña cidade de diversas iniciativas -entre as que destaca a Cooperativa de Consumo Responsábel Zocamiñoca-  ou da apertura dunha oficina dun banco ético2 nunha rúa ben céntrica. A consolidación de algunhas alternativas de consumo está a chegar uns anos máis tarde que ao País Vasco e Cataluña, mais está a chegar.

A “Nova Política” coma oportunidade

Desde Opcions levabamos  uns anos insistindo en que a suma de cambios persoais e iniciativas transformadoras era condición, aínda que positiva e moi necesaria, insuficiente por si mesma para promover mudanzas de amplo alcance. Que así como era un erro importante infravalorar o potencial transformador das alternativas, era unha asunción inxenua do discurso neoliberal sobrevaloralo. E que precisabamos políticas públicas que favorecesen a extensión de estilos de vida saudábeis e sustentábeis, e que estas, para ter éxito, deberan estar asociadas a políticas redistributivas e de xustiza social.

E aos meus 35, no 2014... chegou o paso adiante de Pablo Iglesias e Ada Colau (coma caras máis visíbeis dunha aposta colectiva e diversa) para “converter a indignación en cambio político”. Da protesta á proposta e desta á responsabilidade de xestionar o poder político. Porque as candidaturas alternativas gañaron nada menos que concellos da importancia e tamaño de Barcelona, Madrid, Valencia, Zaragoza, Badalona, A Coruña... Con persoas sensíbeis á aposta por unha “Nova Cultura do Consumo” en postos de responsabilidade, con concellarías de Economía Solidaria... Toda unha oportunidade!

Persoalmente, o meu pequenísimo grao de area no proceso consiste en colaborar co Concello de Barcelona, a través de Opcions, na elaboración dun “Plan de Impulso do Consumo Responsábel”. O Concello de Barcelona quere converter o Consumo Responsábel e a Economía Solidaria en elementos importantes na súa política pública, e está a dar algún paso positivo nese camiño. En Madrid e en máis concellos do Estado tamén se están a cocer propostas na materia, A Coruña celebra estes días unhas xornadas nas que a “Nova Cultura do Consumo” é protagonista.

É cedo para grandes valoracións e os pasos son aínda ben pequenos, o camiño por recorrer moi longo, e enormes as inercias e dificultades a superar. Mais está máis entreaberta que nunca a “ventá de oportunidade”, o que non é pouco... De nós dependerá en boa medida que aconteza...

Persoalmente faime unha ilusión moi especial ser convidado pola Concellaría de Consumo da miña cidade de orixe a aportar a miña experiencia. Vívoo coma unha porta aberta a comezar a pechar un círculo que comezou moi atrás. E confío en que sexa só un pasiño máis nun camiño que nos leve a retos maiores... Boa viaxe!

 

Notas

1- No edificio da multinacional antes había o emblemático Cine París, cando na Coruña aínda había cinemas fora dos centros comerciais. E por certo, no teatriño aquel actuaban, entre outras “tenras promesas”, Claudia Delso (hoxe Concelleira de Participación da Coruña), Pedro Brandariz (hoxe flamante estrela do Luar) e Marcial Blanco (promotor da Cooperativa de Consumo Responsábel Zocamiñoca)

2- Triodos Bank, que ten xa preto de 200 mil clientes no Estado español. Outra alternativa de banca ética no noso país é Fiare

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.