Nas derregas do individualismo metodolóxico

Aló nos arredores do 1780, o filósofo utilitarista inglés Jeremy Bentham chegou á conclusión de que a “comunidade” era un corpo ficticio, composto polas persoas individuais que se consideraban tan constitutivas da mesma coma se fosen os seus membros. Daquela, preguntábase cales podían ser os intereses da comunidade, e respondía que nin mais nin menos ca suma dos intereses dos distintos membros que a compoñían; e xa que logo,  era escusado falar dos intereses da comunidade sen entender ou ter en conta o que son os intereses para cada un dos individuos.

Douscentos anos despois, a mediados dos 80, coas tropas neoliberais avanzando inexorables, a comandante Margaret Thatcher predicaba que a tal “sociedade” era algo que non existía, que realmente só había homes e mulleres, e tamén familias; que ningún goberno podía facer nada a non ser a través de cada persoa, e que as persoas precisaban mirar primeiro por si e logo, se lles restaban ansias e folgos, xa mirarían polos demais.

No ano 2008, en pleno apoxeo do individualismo metodolóxico, a presidenta de Galicia Bilingüe (movemento da resistencia galega no trienio negro da ditadura de Touriño e Quintana) dona Gloria Lago declaraba nunha entrevista no Faro “...Un idioma non ten dereitos e tampouco debe situarse por riba dos cidadáns, que si os temos.” E polas mesmas datas, un tal Sucasas, rozador de matogueira, contaba en Vieiros que na estrada entre Antas de Ulla e Monterroso, un home vestido de verde saíra de entre unhas silveiras e déralle o alto no nome da Garda Civil, por ir guiando o coche sen mans; e cando chegou á casa, foi a muller quen lle volveu dar o alto: “Quieto parado aí! A Garda Civil non ten vida propia, non existe de seu. A ti paroute e receitoute un home, un tal Henrique Pastor Pastor, de trinta e dous anos e veciño de Carballedo, disfrazado cun traxe verde, gafas de sol e un casco branco na cabeza”

Pouco ou nada que obxectar ás conviccións de Bentham, Thatcher, Lago e a muller de Sucasas. Existir, o que se di existir, só existen tres cousas neste mundo: persoas, animais e cousas. E nin a “sociedade”, nin o “idioma” nin a “garda civil” son ningunha delas. Que cousas logo son? Eu que sei! Entelequias do carallo! Contan os documentais da II Guerra mundial que Alemaña lle declarou a guerra a Francia, a Inglaterra, a Estados Unidos e a quen se puxo por diante ... Falso. Un alemán chamado Hitler convenceu e mandou a outros paisanos que pelexaran co resto do mundo.

Así xa me cadra, iso é falar con rigor e propiedade, que é o ser humano moi dado a caer no feitizo das entelequias e demais enredos da alma. Por que eu ben sei que hai moitas persoas que cren en Deus, e coñezo moitas delas, pero non por iso deduzo que Deus existe. Tamén hai xente que pensa que Galiza é unha nación, e coñezo moitas delas e non me teñen pintas de tolas ou desnortadas, pero non por iso me deixo levar e afirmo a existencia de Galiza.

O que si non acabo de entender do individualismo (e do neoliberalismo económico) é a súa xenreira ao Estado. Por que tanta zuna contra algo que non existe? España non existe mais aló da existencia verdadeira de 46 millóns de persoas que, á forza ou querendo (ou porque tanto lles ten), dálles por vivir ao sur dos Pirineos e levar na carteira un carné de español. Claro que sempre poderiamos pensar nos Estados coma grandes compañías mercantís, con “x“milleiros de accionistas (os nacionais), con Xunta Xeral de accionistas (Cámaras representativas), con Consello de Administración (Goberno), traballadores (funcionarios), Balances e Contas de Explotación (Contas Públicas), .... Por que o neoliberalismo aplaude coas orellas o éxito e tamaño de Apple, General Electric ou Roche, e pola contra, pide que o Sector Público estatal se reduza cada vez mais? U-la diferencia entre Apple e o Estado español, por poñer un exemplo? Se o único que existe de seu son as persoas físicas, por que esa distinción entre unha asociación (de persoas) chamada Apple e outra chamada Estado español (ou “España coño!”, que tamén se di), ou o portugués (o valor capitalizado de Apple case triplica o PIB portugués) ou o botsuano (de tan gratas lembranzas para os que somos monárquicos)?

Sei que os Estados teñen andares coercitivos (necesarios moitos) e ansias monopolizadoras (inevitables moitas), pero acaso alguén aínda cre que calquera das grandes multinacionais vai pedindo permiso polo mundo adiante? E cantos aínda dubidan se detrás do acoso internacional á República Bolivariana hai unha loita pola democracia e liberdade, ou  espurias comenencias de multinacionais con ansia de cota de mercado? Ben, seguramente as dúas cousas, que tampouco os traxes bolivarianos semellan de primeira comuñón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.