A crise de refuxiados non é o problema

LIBERDADES CIVÍS. Restos de barbárie espallan por Europa en forma de deportacións e  control de fronteiras. É este un problema de refuxiados ou mais ben un problema democrático, de devalo e emagrecimento das liberdades civís? De confirmarse, abdicando de protexer poboacións inteiras que fuxen da guerra e da fame -ficando  reféns das partes en conflito- Europa aceptaría o relato xenófobo e racista do choque de civilizacións. Un desafío que pode determinar o futuro sociopolítico global e o xeito como os territorios, estados e etnias se relacionan.

De acordo coa Organización das Nacións Unidas (ONU) e o Alto Comisariado para os Refuxiados, mais de catro millóns de refuxiados fuxiran de Siria  desde que o conflito comezou en 2011. En canto categoría política, a poboación siriana vén de ser inserida na orde da economía, que é un dispositivo de desaparición menos táctil, unha vez foi forzada a espallarse en amplas zonas de excepción. Poboación que é diversificada sob unha escala de xerarquización de dereitos entre víctimas, refuxiados, desaparecidos, civís discapacitados polas feridas de guerra, emigrantes ilegais, orfos “sobrevivintes”, crianzas e mulleres. A Comisión Europa procura agora en Turquía o guardián que vixile a costa e acepte a volta dos que non teñen dereito de asilo (un dereito abenzoado nas declaracións e lexislacións internacionais). Ankara esixe trocar 3.000 millóns máis, liberalizar os visados e acelerar a desión á UE. A coerción (adesión) como produto de mercado. Alén diso, tamén deberiamos fitar para aqueles estados que teñen amosado unha actitude racista e anti-inmigrante, entre outros, Polonia, Hungria e a dereita populista alemá. Porque o drama do éxodo de quen fuxe da guerra e da miseria non se reflicte só nos que morren mas na determinación e urxencia dos vivos para chegaren a destino ou morrer no intento e de quen olla para outro lado. O que nos lembra que sempre estamos dentro da historia e non por riba dela, como desde o topo Donald Tusk suxire, espetándolle aos refuxiados que abandonen toda esperanza de entrar en Europa. Non debería sorprendernos, portanto, que esa mensaxe sexa tamén a confesión dun fracaso que leva como destinataria a cidadanía europea da que seica non se espera mais ca insolidariedade e islamofobia. Abonar as teses xenófobas é tan grave como negar o relativizar a realidade dos factores culturais e relixiosos que tanto na cultura musulmana como na occidental teñen relegado, estigmatizado e violentado o "outro", o corpo, o desexo e a muller.

Primeiro, porque as democracias europeas emprazadas atendendo a criterios estrictamente económicos na conservación das imposicións liberais e do sistema financieiro a expensas das contribucións fiscais dos febles, revelaran unha inmoral falta de urxencia ao prescindir da maioría da poboación. Segundo, porque entanto aceptamos o relato do medo, estamos todos a errar coletivamente sen recoñecer os grillóns que están a ser pasados en torno os nosos nocellos.

Portanto, entre pór fin ao que Finkielkraut chama “etnocentrismo conciencia culpabel” e relativizar os factores culturais e relixiosos realmente influintes, cómpre tamen destacar que encanto o Ocidente ten a responsabilidade nas dificuldades que se abateran sobre a MENA, Líbia, Síria, Iraque, Iemen, os países árabes deven compartillar as consecuencias da guerra, abrindo suas fronteiras aos refuxiados. Do contrario, uns e outros ficarian cos  atributos do que Achille Mbembe denomina “necropolítica” para debullar unha concepción da soberanía dos actores internacionais que deciden quen debe vivir e quen deber morrer atendendo a criterios economicistas co albo de afortalar recursos estratéxicos ou tirar gaños inmediatos.

Alárganse a "linhas abissais" que Boaventura de Sousa Santos emprega para distinguir entre o "nós" e o os "outros". Unha liña que no momento presente coincide no mapa co trazo azul do  Mediterráneo, mas un trazo abisal presente tamén na maior das cercanías. Quer dicer, unha liña que cada vez se achega máis a un dos motores ou focos conceptuais da modernidade occidental e que poderiamos chamar expansión colonial e, ainda, colonialismo interno (estado español, Armenia, Francia, Irlanda, Ruanda, etc.). Un retorno que foi primeiro en forma de inmigración e agora regresa en forma de "perigos". Agás os mariñeiros, poboacións ribeiriñas e activistas que amosaron o vieiro, os únicos estados que teñen amosado relativa decencia son Alemania e Grecia, malia a súa situación crítica. Se ben a UE xa vén de anunciar que quere devolver a Turquía a poboación siria que chegue a Grecia. Seica non é unha das numerosas consecuencias do empobrecemento internacional, nacional e rexional a reubicación das poboacións nas marxes das democracias emprazadas?

Os movimentos de poboación que acompañan a guerra ou a fame semellan derivados da pugna entre predadores. Dimensionar en termos históricos o que está a acontecer coa crise dos refuxiados non é máis do que constatarmos a falta dun nós, dunha comunidade europea de cuidado disposta a preparar as condicións da súa propria mudanza esencial, que reflicta algo máis ca narcista preocupación do indignado.  De aí que nos coste tanto entendermos como pode ser posibel que na Europa Central, que padeceu un maior desprazamento forzado de persoas durante a Segunda Guerra Mundial, agora amose unha frustración e desasosego que atinxe xa ao resto de europeos.  Acho que o rexeitamento expresado en Macedonia e nos Balcáns impondo unha política de fronteiras dura non reflicte o que Tusk semellaba suxerir. Á cidadanía galega a crise de refuxiados semella ficarlle ben lonxe mas non lle sería dificil identificase coas ringleiras de refuxiados sirios que vemos dia após día, quer dicer, cos emigrantes de noso saindo dos portos galegos e entrando na Europa ou nas Américas. Porque talvez teñamos que lembrar que non hai moito os europeos solidarizaran mais cos musulmáns de Bosnia do que cos cristiáns de Serbia. O que cómpre perspectivar é que maiormente non hai unha actitude islamófoba e racista e que o medo aos grandes fluxos migratorios non se explican con chaves simplistas. Porén, algo foi mudando desde hai duas décadas en que foi callando  pasesiño unha percepción instrumental da migración. En tempos de fartura percebidos como mán de obra barata e hoxe vistos como cobizosos receptores de axudas sociais. As familias sirianas que fuxen das bombas non son o problema para alén das lerias do políticamente correcto.

E no medio de todo, a exclusión e marxinalización que as mulleres defrontan decote malia o recoñecemento da súa importancia pola ONU, nas tabelas de paz debido aos diferentes papeis sociais  que desempeñan na sociedade. Poderiamos debullar unha historia simplificada de como chegamos a isto mas hai tempo que Adorno alertou que a verdade non está na segura equidistancia e os poderes económicos e militares deixaron de agochar a semente de terror que acubilla sob os principios de autoridade e de identidade (nomeadamente entre gobernante e gobernados). Porque talvez o que  provoque medo e incerteza non sexan os fluxos migratorios mas o que a Comisión Europa e os paises receptores non fan por reduciren as inevitables dificultades asociadas sen vulneraren dereitos. Ao cabo, se teiman en alianzas ad hoc  a costa  das liberdades cívis  nada permite afirmar que "prosperidade" e democracia liberal non podan nacer do crime e das diversas formas de privatización da soberanía.

MULLERES E REFUXIADAS. Mais de cincoenta por cento dos refuxiados son mulleres, moitas delas grávidas, e case setenta e cinco por cento son crianzas. Porén, poucas son as que aparecen nas imaxes. Se o poder depende do control sobre os corpos, a lóxica establecida en Europa coa crise dos refuxiados ten os atributos dunha lóxica postcolonial que cousifica e explora as formas a través das que se mercantiliza e reifica o corpo. Porque para que a política ter lugar, o corpo debe aparecer e aparecer para os outros e a miña voz rexistrada “entre” as outras voces.

Durante a Primavera árabe na Siria e no mundo árabe poidemos ver como o espazo público existente foi apreendido por aquelas que non teñen o dereito existente de facelo, expondose en contexto hostil á violencia e a morte. As mulleres foran participantes activas da revolta siria sendo excluidas e marxinalizadas durante o conflito e durante as primeiras negociacións de paz en Xenebra. O paradoxo é a hipocresía de Europa, tendo o papel da muller aumentado coa Primavera árabe,  mas restrito cando se tratou de participar activamente nos procesos chave de tomada de decisións que determinaran o futuro do seu país, ainda que o comunicado de Xenebra II sobre Siria teña en conta a perspectiva feminina, ningunha muller estaba presente durante a conferencia en nengunha das partes. Entanto occidente ficaba marabillado que durante a Primavera Árabe, as mulleres en todo o Médio Oriente, incluindo a Síria, gañaran voz e un papel predominante. Mais non é esta a mesma xerarquización que padece a muller occidental? Vermos isto precisa integrarmos máis a familia no campo conceptual da ciencia política , porque cómpre non esquecer que o autor de exclusión - malia as leis de paridade- é ainda o grupo social dos homes que quer conservar o poder. Como pensar a utopia de superar a dominación de xénero?

Non sorprenderá portanto  afirmarmos que a idea de humanidade en curso legal alicerza nunha escolla selectiva do que é humano e do que non o é. Un concepto xerarquizador que padecen as mulleres, nenas e minorias sexuais, os operarios, os emigrantes, os escravos. Todo eles suxeitos dun mesmo atributo: teren máis deberes do que dereitos. Graus de cidadanía nuns casos e, noutros, radical diferenciación entre cidadanía e non-cidadanía. Sub-humanidade que a psicanalista Marie-Hèlène Brousse testemuña como "vergoñosa xerarquía de dereitos" onde se expón con máis laceración o caracter autoreferencial do sistema económico-politico que segundo Byun-Chul Han tornou aos peons do "pobo" (os representantes políticos) en "peóns do sistema". A imaxe mental denominada "humanismo" resulta satisfactoria mentras o ilegal e o refuxiado non ruban o seu valado:  sistema global de espazos valados libres de contaminantes. Porque o que amosa a ética do ben común non é a "verdade" mas a acción social. O que comeza coa pregunta, a práctica do común derivase do que un é ou mais ben do que un fai?

Porén, como acoplar a política realmente existente aos referentes reais, ás masas de refuxiadas? Quen as representa cando Europa só se representa a si mesma sob a lóxica das leis de extranxería e asilo  que en cada estado regulan as necesidades de mán de obra dos capitalistas, cando a desigualdade é xa unha violencia naturalizada que mina a humanidade do "outro"? Quen ocupa a escala máis baixa dunha xerarquía racista após os dereitos das minorías, os relixiosos e os culturais? A actual política europea non resiste a ollada feminista postcolonial. As refuxiadas, as mulleres refuxiadas e as crianzas. Eis a evidencia de que hai diferencias que importan menos que outras.

 

Publicado na revista Ollaparo o 8 de marzal de 2016

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.