A final da Copa

Primeiro, convénnos comprender que non falamos de nada importante, de nada que transforme as nosas vidas, aínda que condicione algúns estados de ánimo e certas reaccións instintivas. Despois, paga a pena comprender que nese espectáculo as cargas identitarias son poderosas. O fútbol apela ao primario, por iso quizais resulta tan tribal. A paixón polas cores non se pode explicar desde a razón. No fondo, e permítaseme a herexía, é como o amor á Patria.

Poida que cunha boa inxección de adrenalina, pero isto do fútbol sempre atopa válvulas de escape para desviar os focos de presión

A final da Copa do Rei é soamente un partido de fútbol no que se xoga un trofeo secundario e xa está. Mais cando se xuntan vascos e cataláns, xa se sabe que pode mesmo arder Troia. Entón, o nacionalismo español, que nunca se recoñece como o que é, recacha o dente. Que seguidores do F. C. Barcelona e do Athlétic Club de Bilbao asubíen o himno e a bandeira e a familia real española e o que faga falla abrouxar altera de golpe coma un trebón tóxico a regularidade existencial dos súbditos do Reino. Poida que cunha boa inxección de adrenalina, pero isto do fútbol sempre atopa válvulas de escape para desviar os focos de presión.

A España nacional lidera a resposta á afronta, como ocorre sempre. Desde unha patriótica manifestación ultra que orará altiva e gallarda contra a inminente creba da unidade sagrada de España ata Esperanza Aguirre, que volve gozar no onanismo patriótico-totalitario. En España, un par de pelotas sempre tivo máis valor ca un par de neuronas. Por certo, para que os fascistas se manifesten, algunha autoridade ten que dar permiso.

O F.C. Barcelona e o Athlétic Club de Bilbao son dous equipos incómodos para o nacionalmadridismo, esa expresión futbolística e xornalística do nacionalcatolicismo, cuxa voz de orde nestes casos é non mesturar fútbol con política

O F.C. Barcelona e o Athlétic Club de Bilbao son dous equipos incómodos para o nacionalmadridismo, esa expresión futbolística e xornalística do nacionalcatolicismo, cuxa voz de orde nestes casos é non mesturar fútbol con política. Imposible. Fútbol e política comparten espazos desde sempre. A existencia dunhas seleccións nacionais —e a prohibición doutras, por certo— é, por exemplo, unha expresión netamente política. E non a única. Pero isto da política é coma o gato de Schrödinger: é e non é ao mesmo tempo.

Ou sexa, é política que se mestura co deporte facer visibles certas opcións inconvenientes. Non é política, porén, o que expresa os consensos. Por exemplo, cando no Estadio Santiago Bernabeu, que leva o nome dun importante personaxe do franquismo, senta Aznar no palco ou se canta Puta Catalunya ou se exhibe impudicamente bandeiras e símbolos fascistas e nazis ou se lles chama terroristas aos vascos ou se fai apoloxía do mal gusto cantando “Y viva España” contra galegos e cousas así, non se fai política. Son lerias de afeccións afervoadas. Algunhas, consideradas modélicas mesmo que se mofen do asasinato de Aitor Zabaleta a mans de grupos fascistas seguidores do Atlético de Madrid. O nacionalismo español sempre se sentiu cómodo en certas condicións ambientais.

Non é política, porén, o que expresa os consensos. Por exemplo, cando no Estadio Santiago Bernabeu, que leva o nome dun importante personaxe do franquismo, senta Aznar no palco ou se canta Puta Catalunya

Sería unha hipérbole dicir que o réxime español é fascista. O fascismo é algo moito máis serio ca un simple termo despectivo. Pero si que hai discursos de matriz fascista próximos ao Estado e tamén en amplas zonas periodísticas e futbolísticas, discursos que evitan todo contacto coa razón, emitidos directamente para as vísceras co obxectivo de excitar os instintos tribais máis primarios. Non convén esquecermos que o réxime é constitutivamente franquista e nacionalcatólico. Tamén nos seus símbolos: desde un himno e unha bandeira restaurados por Franco ata unha monarquía lexitimada nunha decisión do ditador. Quen sabe se ese franquismo constitutivo ten algo que ver co rexeitamento que pode expresarse tamén nun campo de fútbol. Eu teño a sensación de que moi poucos asubiarían o Himno de Riego, o Presidente da República ou unha bandeira tricolor. Apenas, talvez, aqueles que vestidos coa camiseta de España asubiaban A Marsellesa nos campos de fútbol.

No fútbol hai identidade. Hai bandeiras, símbolos, nacións e patrias das linguas e das culturas. Negalas non as fai desaparecer. O Athlétic Club de Bilbao e o F.C. Barcelona son tamén sinais de identidade en por si

No fútbol hai identidade. Hai bandeiras, símbolos, nacións e patrias das linguas e das culturas. Negalas non as fai desaparecer. O Athlétic Club de Bilbao e o F.C. Barcelona son tamén sinais de identidade en por si. E esa condición histórica de ambos os clubs ocasiónalles unha repugnancia repetitiva a moitos xornalistas, medios de comunicación e afeccionados. Ao nacionalmadridismo en xeral, por entendernos. Esperanza Aguirre fai parte do negocio. Nada novo, nada estraño. En realidade, é doado advertir un noxo non disimulado ao diferente, unha concepción totalitaria da vida pública que cristaliza no eterno recurso á represión, á prohibición, á castración, a negación cultural, nacional, lingüística.

O escándalo público cando un futbolista, adestrador ou presidente catalán emprega a súa lingua nos seus discursos públicos

O escándalo público cando un futbolista, adestrador ou presidente catalán emprega a súa lingua nos seus discursos públicos. E todo iso é así porque o totalitarismo de constitución franquista e nacionalcatólica non sabe practicar o exercicio da dúbida e da pregunta. Por que as afeccións de dous equipos se manifestan pacificamente contra símbolos que non consideran propios? Esa pregunta sería suficiente para empezaren a comprender. Pero non a fan. Non a farán nunca. Non teñen dúbidas. Son constitutivamente franquistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.