O Reino de España é un campo de minas!

Non está ben citarse a un mesmo, mais gustaríame seguir un fío condutor. Comentaba no último artigo publicado aquí que unha multiplicidade de factores endóxenos e esóxenos ameazan a estabilidade política do sistema monárquico-parlamentar e consociativo saído do 78. É unha diagnose compartida desde fai tempo nas marxes esquerdas do espectro político (antes “periféricas” ou reducidas no representativo) que souberon entrar con forza no escenario aberto polo movemento 15-M e as súas réplicas. Primeiro na Galiza no 2012 a través de Alternativa Galega de Esquerda, logo nas eleccións ao Parlamento Europeo a cabalo (tamén) do Podemos 1.0, posteriormente nas municipais de Maio de 2015 coas candidaturas de unidade popular como experiencias colectivas e ariete institucional diseminado ao longo do territorio estatal e, finalmente, nas Eleccións Xerais de decembro cunha composición de escanos e de voto popular reflectido nas cámaras completamente inédita pola súa alta fragmentación. Diagnose que comeza a formar xa parte do sentido común e poucos se atreverían a cuestionar; tampouco desde as filas conservadoras.

Como resultado: empate catastrófico e un bloqueo institucional que encerra tal cantidade de lóxicas contraditorias, intereses contrapostos, intrigas e posibles resolucións que farían tremer ao máis audaz e intrépido dos conspiradores renacentistas. E tan só, salvo xiro inesperado, saídas de gobernabilidade que pasan a día de hoxe, inevitablemente, por algún tipo de entendemento entre o “Gran Centro” (Enric Juliana dixit) configurado polo matrimonio de conveniencia Sánchez&Rivera e o Partido Popular para evitar a repetición de comicios e tentar así apuntalar unha sorte de restauración de Réxime tutelada, incluíndo mínimas reformas cosméticas, por medio dun goberno excepcional de curta duración. A imaxe e semellanza do proceso que desembocou na elección e constitución da Mesa do Congreso, coas súas posibles variacións. Do contrario, a consigna é aburrir ao persoal e insistir en responsabilizar da situación de ingobernabilidade ao espazo democratizador e plurinacional “de cambio” representado arestora por Podemos, En Comú, En Marea, Compromís e IU-UP, levándonos a unha repetición electoral que ben podería evitarse e que por riba podería non alterar o escenario substancialmente. Sen perder de vista en ningún momento o grave reto político que supón para o estado español o goberno independentista da Generalitat de Catalunya ou un hipotético na Lehendakaritza, o cal explica boa parte das motivacións que empurran a estas alianzas contra-natura en chave de fronte nacional. Xunto á obediencia cega ás directrices de Bruxelas. Neste escenario, a estratexia máis acertada e con posibilidade de suceso electoral sería forxar unha Gran Confluencia das esquerdas a imaxe e semellanza das triunfantes candidaturas de unidade popular.

O status quo, mailos seus altofalantes en permanente estado de alarma, souberon identificar moi ben en Maio de 2011 que aquilo supuña unha sacudida que axitaría os cimentos de todo o edificio político, electoral e cultural sustentado en determinada orde consensual e contrato social, rachado pola base: nun bloque oligárquico e partitocrático que se proxecta(ba) cara abaixo a través dos principais elos da cadea de poder (xustiza, administracións, etc…) cun aparato propagandístico cada vez máis estreito e controlado, só contrapesado pola explosión da web dixital e o uso das redes sociais como fonte de contraste informativo, pois tamén a credibilidade de certos medios de comunicación tradicionais comezaba a facer augas por aquel entón. Orde e metodoloxía corrupta que afonda a súa raizame no tempo pero que andaba completamente espido ao bater coas condicións materiais de amplas capas de poboación traballadora cando chegaron os efectos da cronificada situación de “crise” capitalista aos fogares, como son: precariedade laboral e altísimo desemprego, desafiuzamentos , desigualdade de xénero ou pobreza. Fenda social.

Aquel momento fundacional repartiu roles novos e redefiniu un campo de acción no xogo político que foi debuxando a xa famosa e resucitada guerra de posicións, encontrándose agora nun punto álxido de decantación. Explícome: o 15-M, xunto ao rexurdimento da protesta social logo de demasiados anos de atonía e individualismo inducido, foron recibidos como unha gran ameaza que ao adoptar formulacións minimamente organizativas e político-electorais (e producindo novos liderados no traxecto) non recibiron máis que fortes ataques;  calumnias e intentos de desprestixio que polo civil ou polo criminal tiñan por obxecto minorizalos e obrigalos a presentarse ante a opinión pública non como síntoma dunha sociedade civil activa, re-politizada e madura (republicana), e como oportunidade democratizadora, se non como o retorno dos vellos fantasmas guerracivilistas. Por todos os medios posibles ao seu alcance, en especial a través da maquinaria propagandística (pero tamén con episodios de entendemento e proximidade entre esta e a xudicatura: caso titiriteiros como exemplo máis recente) propuxéronse destruír a un adversario que, visto coma inimigo, debíase disciplinar por insubordinación ao saírse do rego: suposta proximidade coa ETA, suposta defensa mimética do modelo venezolano para unha realidade allea por completo, supostos vínculos económicos e políticos coa teocracia iraniana, axitación da pantasma do comunismo soviético… e todo o manual goebbeliano para repartir etiquetas e identidades que fixasen en parte do imaxinario popular aquilo que máis conviña ás elites. Contrariamente, fíxoo máis forte, aínda constatándose un refluxo da loita popular nas rúas que parece abocado a rexurdir algún día. O nivel de ilexitimidade na outra parte foi tan alto polo seu pasado mediato e inmediato, e polas súas actuacións e movementos actuais, que a moitos lles costa entender cómo é posible que ese espazo tan plural pero articulado non só resista se non que, elección tras elección, avance e consolide apoios. Mais non está exento de sufrir serios contratempos. E ese momento de risco é agora.

A virulencia dos ataques, os precarios equilibrios e ameazas que planean para o mellor ensamblado e funcionamento das “confluencias” no proceso de construción da unidade popular (explotadas polos rivais baixo todo tipo de argucias) poderían decantar finalmente a balanza cara un bloque restaurador que alenta e aproveita calquera tipo de polémica, menor despiste ou erro de comunicación para conseguir o obxectivo de desactivar a ameaza ás súas posicións de privilexio, impunidade e de poder. Porque isto, e non outra cousa, é o que está en xogo: a continuación no poder dos mesmos de sempre facendo o mesmo, ou que novos actores rexeneren e enriquezan a vida pública ao tempo que adoptan políticas alternativas no social, no económico, no institucional ou no plano territorial respecto ao encaixe das nacións sen estado. Está en xogo a posibilidade de estirar aínda máis un modelo fracasado, baixo a atenta mirada dunhas institucións europeas dispostas a violentar a vontade popular se é preciso (ver Grecia). Capítulo á marxe merecería a valoración dunha UE náufraga e desnortada en múltiples frontes. Tantas que semella implosionar á vista do mundo e da Historia.

Esa decantación pode ser fulminante se cristaliza finalmente a Gran Coalición restauradora xa que é previsible que terá efectos inmediatos na estabilidade daqueles gobernos municipais e autónomos nos que PSOE e Podemos (e confluencias), dunha ou doutra forma, colaboran: o primeiro vive instalado no pánico a perder a súa condición de “primeiro partido da esquerda”, sometido a altísimas presións externas e internas, e botado ás costas da dereita a nivel discursivo e de praxe política. Algo común á socialdemocracia nominal europea. Ao segundo pódeselle botar en cara impaciencia e movementos erráticos, pero non falla de valentía ao ofrecerse como garante dun goberno de coalición aínda existindo a posibilidade certa dunha nova recesión económica. O acordo neoliberal entre PSOE y Cs é inasumible pola esquerda, e todos os actores o saben. Podemos, En Marea, En Comú, Compromís e IU-UP non poden, de ningún xeito, converterse en forzas subalternas que apoien por acción ou omisión un pacto con ese contido, nesta conxuntura. Sería (iso si que o sería) traizoar aos seus votantes e perder toda esperanza de mudar as cousas no estado e en Europa.

E ese posible acordo a tres bandas entre os restauradores suporía, de feito, unha fraude democrática de enorme magnitude. A dirección oficial e na sombra do PSOE, sen embargo, non axexa problema nisto. Ten experiencia e unha longa historia de traizóns. Para eles é máis prioritaria a estabilidade do Réxime monárquico e neoliberal, á ideoloxía. Presentouse ás eleccións cun programa minimamente socialdemócrata que saltou polo aire aos dous meses no acordo con Albert Rivera, vencedor neto deste proceso post-electoral: propostas programáticas de 40 escanos, que son agora 130. E opcións de ser proposto polo xefe do estado a unha nova investidura. Iso é atopar a centralidade do taboleiro!

O tempo que resta ata que saibamos a resolución do enigma será un campo de minas e unha batalla sen cuartel para desprestixiar e responsabilizar á esquerda realmente existente, que representa a última esperanza para democratizar o estado e reverter o austeritarismo dominante que está destruíndo as economías do Sur ao tempo que estende e aboa o terreo e as condicións para o auxe de movementos xenófobos e neonazis no conxunto do continente. E a socialdemocracia, unha vez máis, vese arrastrada ao caos por desprezar o antagonismo e, en definitiva, a Política.

Votaríamos por riba das nosas posibilidades? Todo indica que o golpe de man do extremocentrismo augura tempos máis que interesantes.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.