'Rodin' do Eiffman Ballet

Ir a Asturies sempre me merece a pena. Téñolle especial querencia a esa terra e as súa xente. Nesta viaxe, o principal motivo era contemplar, no teatro Campoamor de Ovieu, un famoso Ballet de San Petersburgo, creado en 1977, co nome de Novo Ballet, concibido como un laboratorio experimental polo novo coreógrafo Boris Eiffman, o máis representativoda música rusa moderna, que busca combinar a música coa literatura e o teatro. Afástase do repertorio clásico, e crea o seu repertorio inédito.

Famoso, non so en Rusia, senón en todo o mundo, Europa, América, Asia, Australia, tanto polo elevado valor artístico, como porque consegue seducir o público con fortes paixóns humanas, a través de magníficas interpretacións, e intelixentes coreografías. Neste caso, centradas nas figuras do escultor francés Rodin, interpretado por Sergey Volobuev, e a súa amante, musa, inspiradora, Camille Claudel (irmá do famoso escritor, Paul Claudel), interpretada por María Abashova, danzando coa música de Ravel, Saint Saëns e Massenet.

En excelentes movementos e figuracións circenses converten as obras talladas en pedra ou mármore, en corpos expresivos, en vivas creacións. Non só iso, a obra soborda a plasticidade para contar a tráxica historia dos personaxes, o amor dramático e o odio, a complicidade e a envidia, unha paixón que conseguirá destruílos, como Camille destroza co martelo as propias figuras escultóricas.

Rodín, figura do xenio dominante, que precisa a súa musa, a Camille, non só como  amante. Necesita tamén a súa obra como modelo, como inspiración. Ela, que sacrifica todo por el, ao verse abandonada cae nunha fonda depresión. Internada nun manicomio é arrastrada pola loucura colectiva, nunhas das escenas máis memorables do conxunto, na que mulleres infantilizadas, vestidas co branco da nada, enterradas en vida, seducen a Camille, que acaba ofuscada na inconsciencia durante os 30 anos que estivo recluída. Morre alí, soa, esquecida por todos.

Chamoume a atención como presenta o prestixio profesional  e o poder sexual de Rodin, que aproveita a seguridade que lle ofrece a súa esposa, sempre atenta e acolledora, coma se fose máis ben un fillo ca un marido, e a combina coa paixón e a sedución de Camille.

Boris Eiffman é un auténtico innovador da linguaxe da danza. Sen perder a perfección do ballet clásico, aprendido na escola académica rusa, introduce unha nova linguaxe, unha danza libre, uns movementos que reflicten as emocións e impulsos temáticos. Atopou unha nova sintaxe das variacións, facilitada polo coñecemento do teatro. Non se conforma cos movementos, por harmoniosos que fosen, senón na transmisión da acción que reflicte as ideas dominantes.

Está o autor afastado do postmodernismo que tanto desquiciou a arte nos últimos tempos, non se ve afectado polo postdrama teatral, nin se limita a plasmar os xiros da danza en si. Pola contra, o seu ballet ten trama e normalmente unha base literararia. A busca das ideas é fundamental en Boris Eiffman, xustamente o contrario das imaxes vacías do ballet contemporáneo. El expón unha historia, neste caso a de Rodin e Camille Claudel, a través de belísimas metáforas, de movementos que conseguen configurar as esculturas, pero tamén o drama, o amor, os celos, a creatividade, a loucura e o poder sexual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.