A dupla faciana de Europa

Bruxelas reconsidera o acordo con Turquía e descarta as expulsións colectivas. Alén diso, as imaxes que nos chegan dos campos de refuxiados de Idomenei semellan a crónica da desmemoria. Médicos sen Fronteiras alerta da aparición de doenzas que semellan da Primeira Guerra Mundial, como o ”pé das trincheiras”. Centos de milleiros de persoas no medio da lama, 4000 crianzas que dormen e comen cando poden.  A crónica da desmemoria ten a fasquía da Europa realmente existente. Marcada pola historia real de Occidente, a própria dinámica que elimina as barreiras entre as economías locais e rexionais é a dunha economía cada vez máis “despreocupada” do social na que  a mercantilización penetrou todos os eidos da vida. Con este pano de fondo, a dupla faciana de Europa emerxe como problema. Sendo parte del e talvez, faisca de solución.

Porque a indentificación e a  confiscación dos bens dos refuxiados por parte dos gobernos inglés  e dinamarqués respectivamente e o acordo de transacción de UE-Turquia infórmanos da outra faciana de Europa, a da segregación e o da expulsión.

Europa saiu do seu parapeto da inacción institucional para transaccionar refuxiados con Turquía. O proxecto dun espazo común en defensa dos dereitos e liberdades civís e da democracia liberal emprazada, alén da unión monetaria, esvaeceu a eito diante o discurso oficial da Comisión Europea perante a chamada crise de refuxiados. Unha denominación que problematizou o éxodo de refuxiados procurando alicerzarse como discurso hexemónico cando é ese mesmo discurso quen agudiza o “problema” xa que a desaparición da política (o que Latouche denomina desterritorialización da economía e dominación real e imaxinaria de mercado) leva a non asumir o drama humano que as imaxes nos traen de Idomenei.  Un discurso que elide responsabilidades e afonda na desintegración do tecido social destruindo a solidariedade internacional malia as mostras de activismo cidad, alén das boas intencións e sentimentos,  do que Marcel Mauss chamaba o “don”.

Porén, ese sentido de devolución dunha débeda presente no cidadanismo, na militancia política, humanitaria e social contrasta con aqueloutra falta de asunción de responsabilidade política que corroe insidiosamente  o elemento político asumindo as formas complementarias  das imposicións da tecno-economía , quer dicer, fai dela unha condición de ideolóxica que procura invisibilizala, negándoa. Seica non é esa apoteose ideolóxica a mesma que ecoou baixo a cuberta do cránio cando implosionou a economía das finanzas? Eís a hexemonía cultural, o mesmo recurso discursivo que elide as causas para centrarse apenas en basoirar os seus efectos.

O determinismo económico non fai máis do que a a reemprazar o político cun tráxico vacío que preenche a retórica da austeridade cos seus atributos de reducción do gasto público para evitar o colapso. Porén, esa xeira bastarda e nihilista direcciónase apenas a restaurar a suposta normalidade anterior á crise dos mercados financieiros. O retorno ao estado natural das cousas – a racionalidade calculadora do “sempre máis”- e   o grau cero que o  discurso hexemónico data adánicamente en 2007 como o retorno ao mesmo. Así, fronte a disidencia contra a economización do mundo, o recurso á vella idea de “crise”, esa cesura no curso da normalidade. Acontece que a normalidade non é neutra mas un derivado de dominación de quen  conseguiu impor o seu imaxinario  segundo os seus valores políticos e culturais. O circuloso vicioso de retorno á situación anterior atinxe por igual á crise de refuxiados e á crise económica xa que ambas e dúas pertencen  ao mesmo escenario: o da negación de un outro escenario do posibel. O circuloso vicioso de retorno á situación anterior atinxe por igual á crise de refuxiados e á crise económica como pertencentes  ao mesmo escenario: o da negación de outro escenario alternativo.  Porque, ao cabo, ambas e dúas fan parte dunha única “insuficiencia” ou “crise” do político:  a  desterritorialización da economía das finanzas e unha Europa sen fronteiras.

Portanto, repitámolo, tras a”crise” do político transparecen duas facianas: submisión ao ditado da economía dos mercados financieiros e despolitización da cidadanía.  Eís o custo do desleixo presentado acima-abaixo polo discurso hexemónico na Europa, ao intensificar a sensación de descontrol da situación e o seu derivado baixo a forma de sensación de inseguridade cidadá. A fin da economía integrada e autocentrada leva asín aparellada o da desintegración do tecido social e a  solidariedade. A desregularización dos mercados e o trunfo da sociedade aberta popperiana, o recalcamento das ideas de control e de culpabilización do outro, albiscándose escenarios onde o convivio deixa paso á competencia e o desemprego á exclusión e criminalización do refuxiado. Violencias miméticas sobre un fondo de victimización, chivos expiatorios e falsas mestizaxes derivadas dun equívoco ecumenismo multiculturalista, plano e sen matices e alicerzado en occidente e no eurocentrismo. Unha lóxica do control que asume duas facianas complementares: vista dende acima, submisión da política aos mercados e o curtopracismo electoral; vista desde abaixo, desmobilización e despolitización dos cidadáns.

O paradoxo é que a occidentalización económica do mundo ten o correlato dunha Europa isolada do mundo. Porque a crise de refuxiados non é o problema. A problemática derívase de non asumir responsabilidades, porque resulta de má fe contribuir á occidentalización económica do mundo e laiarse sen asumilos os seus aspectos perversos. Comezando por recoñecer a situación dos refuxiados como un conflicto de dereitos humanos e non com un problema de xestión de fluxos migratorios e taxas de migración legal. Ao cabo, se a inacción europea pretendía preservar a súa pretendida integridade, o que está a ficar á vista é a súa liquidación na lameira de Idomenei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.