Besteiro

“Eu deille moito a este partido, pero este partido e a xente da rúa deume infinitamente máis a min”. Así zanxaba sempre José Ramón Gómez Besteiro calquera intento do seu entorno cercano para convencelo de que mirase máis por el mesmo. Esta frase, sempre seguida dunha broma ou dunha das súas logradas imitacións, desmontaba cada argumento. Nuns cantos anos ao seu carón nunca unha bronca, nunca unha mala palabra, nunca un reproche.

El tirou sempre por nós, por min, nos momentos máis complicados. O mundo ao revés. Por iso era, é, e sempre será un líder. Gústame explicar que cando os demáis vemos claro o pase perfecto, o balón ao pé fácil, el xa ten en mente a xogada de gol. Por iso ao principio desespera, ou pode que as súas decisións ou os seus silencios non se entendan, pero ao final todo ten sentido sempre. Xa hai anos que deixei de contar os pases de Valerón en Riazor, pero pode que algo diso vise para dicir si ao seu proxecto. É obvio que outros tamén o viron, e por iso gañaron a primeira batalla.

É moi doado traballar ao seu carón. Sempre escoita, sempre acepta unha crítica ou un consello. E cando menos o esperas, esa frase que lle dixeches hai unha semana cando parecía estar distraído aparece nunha entrevista. Nunca agobiado co titular do día seguinte. “Un bo titular hoxe pode ser a túa condena mañá”, di. A prudencia, a coherencia e a responsabilidade tatuados a lume como base da credibilidade.

Alguén debería pararse e reflexionar en que se están a converter a política, a xustiza, o espectáculo mediático. Porque cando o pase fácil se convirta en norma e o noso día a día se constrúa a base de titulares, lamentaremos que non quede ninguén capaz de tecer un proxecto a longo prazo

Hoxe os que tanto tempo levaban esperando pola súa renuncia están de noraboa. Pensan no pase fácil. Mentres, os que o coñecemos sabemos que nin a inxustiza, nin as difamacións, nin as estratexias nin o odio son suficientes para derrubalo. Alguén debería pararse e reflexionar en que se están a converter a política, a xustiza, o espectáculo mediático. Porque cando o pase fácil se convirta en norma e o noso día a día se constrúa a base de titulares, lamentaremos que non quede ninguén capaz de tecer un proxecto a longo prazo.

José Ramón Gómez Besteiro puido dicir onte na súa despedida moitas cousas, pero preferiu dar unha nova lección de elegancia, de altura persoal e política. Así será sempre. Por iso permíteme, José Ramón, que lle dea a volta á túa frase: O partido e a xente deuche moito, pero ti déchesnos infinitamente máis a nós e a este partido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.