Cantil de cristal

Ryan e Haslam, da Universidade de Exeter, realizaron nos primeiros anos 2000 un estudo sobre xénero e liderado en 100 compañías británicas que publicaron en 2005 no BJM, no que investigaron as rutas de ascenso de varóns e mulleres e as motivacións para as empresas escolleren uns ou outras para os cargos directivos. Fano en resposta a numerosos relatos xornalísticos da época que mostraban peores resultados en compañías lideradas por mulleres que por varóns. As autoras definen no seu estudo unha pauta na selección de directivas: atoparon que as mulleres son maioritariamente situadas no liderado baixo circunstancias negativas ou arriscadas para a organización, mentres os varóns noméanse maioritariamente en situacións favorables e de estabilidade.

Seguindo coa nomenclatura metafórica clásica dos estudos de xénero como o coñecido concepto teito de cristal: esa barreira invisible que fai as mulleres ficar masivamente en postos de segundo nivel de liderado independentemente da súa cualificación e idoneidade, ou o menos coñecido termo ascensor de cristal: o elevador invisible que fai a varóns que traballan en sectores moi feminizados ascender na xerarquía por riba da súa cualificación ou idoneidade, Ryan e Haslam acuñan o termo Glass Cliff, que podemos traducir como cantil de cristal, que identifica o nesgo de xénero dese risco engadido que se asume cando se acepta liderar nunhas circunstancias excepcionais, cunha maior exposición a avaliacións negativas do desempeño, e a asunción da responsabilidade por problemas previos ao nomeamento. 

Dicía Margaret Thatcher:  en política, se queres que algo se diga pídello a un home e se queres que algo se faga pídello a unha muller. Unha forma optimista de ver o cantil dende a posición dunha muller que podemos ver como un exemplo desa rota de acceso ao liderado. Dende esta posición poderiamos pensar que as organizacións botan man das mulleres polo convencemento de que teñen máis capacidade, unha forma específica de exercer o liderado adecuada para a resolución de conflitos e superación de problemas. Vemos esa liña discursiva frecuentemente como unha fórmula para defender a promoción das mulleres coa mellor das intencións. Mais, de ser certo, esta especial condición debería ser valorada en toda circunstancia, non explica que se descarten nas situacións non problemáticas. Máis ben, poida que as mulleres acepten esas patacas quentes porque son as oportunidades que hai, porque existe a presión da representatividade paritaria, porque non estamos socializadas en responder NON a unha demanda de axuda... por múltiples motivos alén de sentir calquera forma de superioridade para resolvelas. Elisabeth Badinter alerta das consecuencias deste discurso diferencialista e teoricamente favorable ás mulleres: Quen cre que as mulleres arranxarán o que os homes fixeron mal e criarán unha especie de nirvana feminino equivócase. Esquece que os nosos comportamentos son moi semellantes. Crear unha expectativa baseada nun mito de superioridade non fai favor ningún ás afectadas.

Nos últimos días, na política galega, dúas mulleres rachan un teito de cristal para se enfrontar a un cantil de cristal, chegan ao liderado das súas organizacións baixo circunstancias negativas, arriscadas e precarias. Ana Pontón como portavoz nacional do BNG asume o reto de darlle a volta a un resultado electoral moi malo, a unha expectativa a meses vista que non remonta, ao tempo que aborda un cambio organizativo que free a fuga de militantes e cargos institucionais. Pilar Cancela encabezará a xestora do PSdeG logo dunha dimisión por corrupción, cun partido ameazado co sorpasso electoral de EnMarea , dividido internamente e sen candidatura clara para as autonómicas. Coñézoas ás dúas, máis a Ana que a Pilar. A súa traxectoria, capacidade e valía profesional  e política reflíctense nos seus currícula e fan delas persoas adecuadas á encarga que as súas organizacións lles fan.  O feito de seren mulleres non facilita a encarga nin lle resta mérito ao esforzo que farán e ao resultado que obtiveren.

Como moitas outras voces alégrome de que a política galega teña en primeira liña caras de mulleres, e máis de mulleres feministas, e deséxolle a Pontón e Cancela os maiores éxitos que sentirei  como un éxito colectivo. Deberemos considerar tamén cando avaliemos o seu traballo á fronte das súas organizacións, os seus resultados electorais e organizativos, cales foron as circunstancias en que as súas organizacións as escolleron, cales os retos que asumiron, cales as expectativas que crearon, as condicións de precariedade do seu liderado e o valor engadido de todo isto se desenvolver nun cantil de cristal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.