Ao “refuxio” da Semana Santa

Os grandes poderes internacionais, apropiáronse historicamente das ideas do cristianismo debido a que a(s) Igrexa(s) está(n) subordinada(s) aos poderes políticos, fusionados estes á súa vez cos poderes económicos, como ocorre nesta época de políticas neoliberais.

Na miña opinión, a Igrexa adheriuse a este sistema porque lle concede grandes beneficios, ben sexan económicos (fiscais, presupostarios...), de publicidade, de protección, etc. o cal fai que se a Igrexa se posicionase en contra perdería grandes privilexios que agora mesmo “ostenta” debido ao apoio que lles profesan, e por tanto, mantense a favor non só por comodidade, senón para enriquecerse, e quen manexan o sistema tamén o fan de dita institución, se cadra, debido a que foron conscientes de que no mundo occidental, moitos dos países son de maioría cristiá (non só católica) e por tanto captan así un gran número de seguidores, que non só votantes, senón máis ben formando unha sociedade individualista e consumista.

E isto, ¿por que?

Porque teoricamente os principios que profesou Xesús, debíanse ao próximo e ao amor por este, á atención e axuda do necesitado, á igualdade das persoas, e a vivir ao servizo dos demais en tanto en canto isto fose posible. Atendendo a ditas causas, é evidente que a ideoloxía de esquerdas,  solaparíase en gran parte con estes pensamentos ou valores que deron lugar á relixión cristiá e da que máis pronto que tarde xurdiría a Igrexa como institución, por tanto, se esta relixión e en consecuencia os seus seguidores, fosen da man das políticas de esquerdas (que non dos partidos que din ser de esquerdas), é evidente que esta sería moi difícil que non gobernase.

Así pois a Igrexa non está “aliñada” per se con este tipo de políticas salvaxes, senón que quedou “alienada” por estes intereses.

En cambio, unha parte, máis ou menos pequena que conforma a Igrexa, pero que se mantén afastada pola súa desconformidade, rebélase ante tal situación de desprezo que a súa propia institución acepta sen ningún tipo de mala conciencia nin arrepentimento, pero esta, en vez de cambiar a súa posición acerca da situación mundial actual (e tamén anteriormente, sobre todo nos países máis desfavorecidos ou mellor dito, empobrecidos) o que fai é censurar ditas opinións para que non se estendan e creen un conflito maior que o de chegar a uns poucos seguidores e evitar así unha revolución en toda regra dentro da Igrexa, a cal ou podería acabar dividida ou talvez ata chamar a un Concilio Vaticano III ou algo semellante que desembocaría nun cambio radical para adaptarse aos novos tempos, como o que foi o Concilio Vaticano II ou ben de concluír este cuns dogmas similares aos que agora divulgan, acabaría por separarse a parte verdadeiramente seguidora dos principios de Xesús e a outra parte seguidora dos principios do “poderoso caballero es Don Dinero”, que diría Quevedo, para continuar a empresa privada máis grande do mundo e da historia.

Ao fin e ao cabo, nesta Semana Santa, venéranse santos, virxes e cristos porque fixeron milagres e deron a vida por outras persoas, en cambio agora deixamos a vida por admirar, perdendo así o sentido de ser santo, e o mellor camiño de admiración e respecto, sería seguir o seu exemplo, tombando as fronteiras e acollendo a eses “xesuses e xesusas” que escapan do “Sanedrín” e da guerra que se executa desde un Occidente que se proclama cristián e contrario a todo que teña que ver co Islam.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.