Cambiar de sexo para ser alguén

A través da historia, as mulleres, para faceren certas viaxes, entrar en determinados lugares, estudar na universidade ou desempeñar un oficio dos considerados masculinos víanse obrigadas a vestir de home ou adoptar o xénero masculino.

Algunhas son famosas e coñecidas, como a monxa alférez Catalina de Erauso, nacida en Donostia a fins do s. XVI que escribe a súa propia biografía. Foxe do convento aos quince anos e, vestida de home, chega a América, trunfa en lances de guerra e ten honras militares. 

Margaret Ann Bulkley nace no condado de Cork a finais do s.XVIII. Quere ser médica e non pode por ser muller. A nai e un amigo organizan un plan e, vestida de home, pasa a chamarse James Barry e entra na universidade de Edimburgo de onde sae co título,  pertencendo despois ao corpo médico do Imperio británico, onde realizou un traballo de investigación  importante. Foi a muller que enganou e todo un Imperio. Descubriron o sexo ao embalsamala.

Concepción Arenal, no s.XIX, vestiu de home para asistir as clases dun amigo na universidade. Sendo muller non puido obter o título, mesmo se foi unha xurista famosa. Vestía de home para participar nunha tertulia de café, máis para evitar o escándalo que supuña ver unha muller en lugares no adecuados.

Sen vestimenta masculina, moitas escritoras do s.XIX e mesmo XX, adoptaron un nome masculino para publicar a súa obra. En certos casos pola presión familiar ou social, a vergonza ou o descrédito que suporía facer algo inadecuado, impropio dunha muller como é debido. Noutros pola recepción e a propia difusión do libro. Así fixeron escritoras como George Sand, (Aurore, Lucile Dupin), George Eliot ( Mary Anne Evans), Fernán Caballero ( Cecilia Böhl de Faber), Víctor Catalá ( Caterina Albert), Isak Dinesen ( Karen Blixen). 

Que nesa altura, Rosalía de Castro, ou Emilia Pardo Bazán, non se agacharan baixo nome masculino, como debemos interpretalo? Persoalmente concíboo con orgullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.