Colapso natural, colapso rural. Do PDR a Ence

O plan execútase meticulosamente pero ninguén nos explicou que ese plan existía. Porén cada vez que un levanta a vista dun entorno urbano o plan faise perfectamente nítido porque está á vista de quen queira mirar. En realidade o único que coñecemos son pequenas realidades fragmentarias ao servizo dun fin superior. Así un día fálase de Ence, outro día do plano forestal, outro día da loita contra os incendios, do despoboamento rural, da perda de biodiversidade ou do deterioro da paisaxe e, incluso, fálase tímidamente do PDR, o Plano de Desenvolvemento Rural.

Os PDR son documentos mestres que indican como se van gastar os cartos públicos no medio rural nos próximos anos de acordo, suponse, cunha lóxica que beneficie á poboación rural e ao conxunto da sociedade. Apróbanse sen que ninguén, na práctica, teña opción de dicir gran cousa.  Son millóns de euros, concretamente  o último PDR para Galicia (2014-2020) son case 1.200. Non está mal. Se nos molestamos en botarlle un ollo rápidamente, poderemos comprobar a importancia que a forestación e “reforestación” ten no Plan e ambigüidade en canto a súa execución, é dicir, trátase dun cabalo de troia da mafia do piñeiro e eucalipto. O plano leva unha suposta avaliación ambiental dos seus efectos. Agora ben, é de tan pésima calidade técnica que non serve para nada; nin incorpora de xeito real a lexislación vixente nin os coñecementos científicos básicos en ecoloxía ou en bioloxía da conservación. Cabe preguntarse  quen redactou estes PDR? con quen se contou? que criterios houbo? Non son cuestións menores porque é algo que vai determinar o medio natural/rural do futuro. 

Cos anteriores PDR, milleiros de hectáreas de monte en bo estado de conservación e áreas de cultivo foron sepultadas baixo a febre do piñeiro + eucalipto. De xeito imperceptible, lenta pero inexorablemente, as consecuencias de optar (por que é unha opción) por tal política son o despoboamento do rural, a perda de soberanía alimentar, a perda fulminante de biodiversidade, a destrución da paisaxe e de paso a perda da cultura asociada a xeitos máis ou menos tradicionais da vida no rural. Pero iso non é todo, ignorantes dos riscos bioclimáticos e socioeconómicos o prezo que se paga por tal opción son os incendios masivos que cada vez serán peores, por dúas razóns, unha maior extensión continua de especies pirófitas, polo tanto máis inapagables, e o cambio climático. A continuación virá a perda de chan fértil, iso que chaman erosión, que acaba depositado, xunto coas cinzas nos ríos, rías e litoral, mesmo producindo severa contaminación por hidrocarburos. 

Si, é un desastre. Un desastre executado ante as nosas caras, moi ocupadas en pequenos recortes de realidade no canto da imaxe completa. Obviamente todos os cartos que costa isto bombéanse, con toda a legalidade do mundo, ou non que tanto ten, das arcas públicas aos petos privados. 

Logo temos outro plano, o forestal, que é a execución directa en realidade do mencionado PDR.  E por último, temos a Ence na ría de Pontevedra (e a factoría de Navia, xa en Asturias pero ben próxima) sobre a que folga facer ningún comentario a maiores. 

As consecuencias destas políticas, mantidas practicamente invariables dende o franquismo xa as coñecemos. A perda de biodiversidade está a ser brutal. Por exemplo, estímase que caída da poboación de tartaraña cincenta (especie catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas) en Galicia nos últimos 8 anos foi do 60%; podemos considerala como unha especie indicadora de paisaxes agrícolas e de monte baixo de calidade. Xustamente paisaxes comúns en décadas anteriores onde xeracións de labregos extraían alimentos para eles e boa parte da poboación.

Agora eses labregos, metidos nunha roda viciosa dun modelo inviable, téñeno moi difícil. A hiperespecialización, chámese leite ou carne, a separación insólita entre agricultura e gandería fan, simplemente, as súas actividades inviables. Son simples peóns da banca para financiarse, caídos dentro dunha espiral da que non poderán saír sen axuda. Da banca, dos lobbies das farmacéuticas veterinarias, da maquinaria, dos transxénicos…  A xente estorba, estorbamos: é moito mellor ter todo baleiro para dar paso á marcha triunfal da desfeita. Neste senso, encher todo de árbores de crecemento rápido non é unha consecuencia do abandono senón causa. 

Quen son os responsables? En realidade todos os axentes sociais teñen un pouco de culpa, para comezar os sindicatos agrarios por non saber a que xogan ou xogar a ser axentes das transnacionais e das bancas. É culpable a administración que non sabe dar alternativas, culpable por non querer dalas ao permitir que “no monte” manden só determinados titulados que en réxime de monopolio fan e desfán. É famosa “mafia forestal” da que xa moitos teñen falado: a conivencia entre as empresas do sector forestal, papeleiro, escolas universitarias (Campus de Pontevedra e Lugo) e a administración. Se “mafia” nos parece duro podemos optar por “círculo virtuoso de interese extractivo”.

Seguindo coas responsabilidades, incluso diría que o corpo de economistas non se preocupou de explicar o que pasa debidamente, con honrosas e moi destacadas excepcións silenciadas polo pensamento único. Nin o corpo de xornalistas de informarse e informar: é imposible unha boa xestión sen información rigurosa e de calidade. Nas facultades deberan ensinar algo máis que a replicar tópicos.

Mentres, a ficción de que como a paisaxe é verde é bonita. A clorofila como criterio. Pero sabemos incluso que a plantación masiva de coníferas e eucaliptos, contribúe ao quecemento global do planeta, no canto de contribuír  a ser sumidoiros de carbono. Se miramos o que o PDR di ao respecto veremos que nin respectan nin, probablemente, coñecen feitos científicos básicos. 

Que podemos facer? a única resposta sostible social, económica e ambientalmente é mudalo absolutamente todo, romper cunha liña de pensamento único inoculada dende hai case 70 anos. Para comezar, derogar o PDR e o plano forestal, cambiar a política agrícola e gandeira, promover a reconversión de empresas e traballadores do “sector forestal” e, mesmo, comezar a cambiar a nosa linguaxe: o monte non está sucio, o monte non está “improductivo”, o minifundio é sostible e o único futuro posible nun contexto agrario onde non haberá unha gran dispoñibilidade de combustibles fósiles nin, polo tanto, fertilizantes químicos.  Seremos capaces do reto? poderanos o medo e a inercia? perderán as persoas do común fronte a quen manda desde hai case un século?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.