A marea de mareas

Fun mui crítico con EnMarea (e sigo a selo).  E fúno e sóno en base aos seus propios criterios e proclamas.  Creo que as actuacións partidarias da coalición, a sua concepción supostamente rupturista e a pretensión estratéxica en base a alianzas (as principais na Hespaña) que deben demostrar aínda a sua validez, fixeron ao fin que fracasara unha oportunidade de sentar as bases dun novo proxecto político para Galiza.  Mais sí recoñezo que a apelación a unha nova formulación de organización das bases activistas e da participación cidadán foi acertada, teóricamente indiscutibel e mui ben aceitada pola poboación, o electorado,  que ven sendo quen decide.

Lonxe están as alternativas ao sistema capitalista, a organización da esquerda europea, abrir un proceso constituínte ou arramplar coa segunda restauración borbónica.  Mesmo está difícil a alternativa de cambio no Estado e a consecución do goberno da Xunta, arredando a Feijoo, o PP e as súas políticas. 

Por min, que non sexa.  Permítome suxerir obxectivos e método para axudar a logralo.

Toda revolución debe basearse en cambios reais, que soen ir por diante da obtención do poder.  Didáctica e exemplaridade, muito esforzo e convencemento, máis aló do combate electoral. Aí, as organizacións políticas e os seus entornos de actuación poden aportar muito: comportamentos para os coidados democráticos, a igualdade, o consumo responsabel, a soberanía alimentaria, o decrecemento, a defensa do medio, a conquista de pequenos espazos de competencia popular, o control das grandes corporacións, a determinación e protección dos servizos públicos, os métodos de participación e decisión, a exixencia á representación etc., son pasos que conducen ao cambio e poden ser abordalos.  Son o cambio. 

O instrumento básico debe estar constituído pola institución máis cercana, máis controlabel, con maior posibilidade de participación e seguemento: os concellos.  Para máis, a grande parte dos servizos cidadáns, nos seus chanzos iniciais e extensos, a sanidade e a educación primarias, a atención á emerxencia social, a disposición de vivenda e enerxía en medida mínima, a mobilidade, as instancias primeiras do coidado ambiental e, sobre todo, as fórmulas de participación e convivencia residen ou deben residir na institución municipal. 

Non debemos aceitar a formulación restrictiva e regulamentista da Lei de Administración Local, debemos construir os verdadeiros concellos, a reunión das xentes nas cousas do común e facelos bases dun mundo mellor.  Unha proposta estratéxica que ten aplicacións continuadas na acción municipal se o temos claro, e que debe ser acompañada, lóxicamente, da lexislación xeral que resulte da obtención do poder no Estado e nas institucións da nosa nación.

Con este marco, achégome, asumo e tomo como meu o concepto das chamadas mareas, organización popular, plataformas plurais e unitarias, que a xente –é a miña opinión—entendeu mellor ca os seus propios protagonistas.

Agás algúns exemplos que tamén son francamente mellorabeis (entre eles a que ocupa a miña actividade, Lugonovo) as mareas locais non o son en estrutura, en orixe, en comportamento práctico.  Mais ese non é o caso a tratar, se como penso estarán obrigadas a selo, sen dúbida.  Por iso, son o capital máis concreto e valioso con que se conta para calquera alternativa de transformación e para calquera combate electoral.

A coalición EnMarea está aínda tentando unha organización, unha estrutura, que atenda á súa responsabilidade parlamentaria e que ofreza campo para a participación, sequera dos actores que a promoveron. Anova, EU e Podemos, ademáis de Compostela Aberta e Ferrol en Común, xunto cos restos do Encontro, teñen que resolver se se prolonga, dá en reconfigurarse ou aborda unha nova fórmula para as eleccións galegas, que amañe as carencias e contradiccións que supuxo se atendemos aos seus propios principios e procedementos.

Mentras, o BNG xa desbotou unha participación neste magma, e anuncia que defenderá o seu proxecto e así o presentará, non sei se con algunha alianza.

Compromiso por Galicia apreséntase dividido, senon na concepción sí no traballo da súa militancia entre a acción nas plataformas (Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e outras) e a visibilidade do partido na política diaria.

Cerna, inspiradora dalgunhas iniciativas municipalistas, traballou pola unidade nos efímeros tempos de Iniciativa pola Unión e o Encontro pola Marea, e non apoiou EnMarea.

Compromiso e Cerna non son chamados mais poden selo, á colaboración con EnMarea ou ao difícil entendemento co BNG, nun retorno que sería agora menos explicabel ca na convocatoria electoral das xeráis.

Marea Atlántica impulsa un encontro de mareas locais, que ate agora non tomou definición.  Se vai ser unha réplica do Encontro, unha plataforma de ámbito galego e adscripción individual para abranguer a marea galega cos partidos dentro ou atrás, o núcleo cidadán que signifique unha pata adicional da coalición EnMarea, ou un simple grupo de presión para forzar mellores procedementos e colocar de paso candidaturas propias na ocasión electoral galega. Así, as chamadas Mareas do Común deben aclarar dúas cousas, o papel das propias plataformas e o método para o achegamento das persoas que na súa localidade non tivo candidatura veciñal ou marea.

Aquí é onde me permito defender unha proposta, baseada en premisas que considero indiscutibeis.

As chamadas plataformas cidadáns apenas chegan ao número de 70 en todo o país.  En medida da poboación que recibiu a oferta, un 40%. En número de concellos, a cuarta parte.  Os partidos da coalición foron 3 e resulta obvio que cualitativamente cando menos a proposta está incompleta.  Quedan fora organizacións políticas e muitísimos cadros políticos e profesionais que houberan dado unha boa parte do seu esforzo por unha demostrada candidatura unitaria.   Non falo de capacidade electoral, falo de futuro, de construir unha alternativa máis aló.  Para máis, en Mareas do Común, ou como agora se quer chamar ao proceso Marea Viva, non existe unanimidade, nen sequers un mínimo convencemento entre os propios socios da coalición sobre o seu papel.

Como se ten demostrado, as posibilidades de expansión dunha plataforma galega, ademáis, resulta mui escasa fronte ao grande esforzo de botar do poder a Feijoo e abordalo con visos de cambio.  Nas plataformas locais, en cambio se sobordan con muito os índices de participación e os números dos censos de persoas adscriptas e seguidoras.

Así pois, na miña opiniòn, son as plataformas locais existentes, que partillan principios, código ético e programas mui similares, que non tardarían nada en fundir estes documentos e convertilos na oferta básica, as que deben constituirse no instrumento que os partidos da exitosa coalición EnMarea han de recoñecer para a conformación da verdadeira marea galega.

As plataformas locais, cos seus defectos, xa teñen experimentado formas e procesos de participación, xa unificaron vontades e daprenderon a convivencia entre persoas de distinta procedencia e actitudes, xa avanzaron programas e os contrastaron nas corporacións municipais.  Son unha mui lóxica casa común onde recibir outras persoas que estean interesadas por levar á Xunta os novos aires de cambio. Son o máis cercano e solvente para chamar persoas dos concellos veciños que non tiveron candidatura similar. Levan, mellor ca os partidos, a solvencia da unidade, independencia e pluralidade. Son a representación coñecida e doada de cuantificar ou ponderar.   Censos de persoas adscriptas ou votacións obtidas.  Teñen xa asuntos e necesidades comúns, relacións que superan a conmilitancia partidaria e perspectiva pragmática e máis eficaz aplicación da ideoloxía.

Teñen, por outra banda, xa o coñecemento e recoñecemento de novos –ou non tan novos—cadros políticos, e ao seu carón traballan ou asisten cadros profesionais chamados a configurar a alternativa de goberno.

Por iso, e máis aló da convocatoria electoral, creo que se debe favorecer unha estrutura de coordenación das plataformas locais, dispostas en comarcas de realidade política actual, na que se integren as novas achegas, que controlen os censos e os procedementos --as eleccións primarias-- e que fornezan a mellor oferta, coas mellores candidatas e candidatos, fuxindo de aterraxes, paraquedismos ou fichaxes estrela.

Os actores que conforman EnMarea teñen xa unha posición privilexiada, son os trunfadores.  Os outros, que non precisen de petar a nengunha porta.  Se todos os partidos están pola labor, a cancha de competición e entendemento, o campo de traballo están preparados, cada quen pode aportar o mellor que teña, e na previa elección popular está o premio inmediato.   Porque o premio gordo será que ao fin do proceso teñamos unha estrutura de participación popular de verdadeira transformación, unha forza novidosa e imparabel.

Debemos empezar porque ninguén peche portas ou faga exclusións, que non se erixa ninguén en dono de nada, que se actúe con xenerosidade e que se procuren achegamentos. Que se persiga a unidade, que se procure realmente a mellor situación para acabar co dominio do PP, e abordar as medidas que nos permitan ir cambiando o mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.