A recuperación da dignidade

Talvez pareza un amargado, pero prodúceme tanto noxo, cansazo e fartura todo o que acontece neste país, que non atopo acougo. E non só polo camiño que levan a política, a economía, a sociedade (o tratamento das consecuencias da crise e a austeridade, a crecente pobreza e penurias das familias, os recortes das liberdades individuais e colectivas, tamén dos dereitos sociais e laborais, a insolidariedade dos gobernos e das institucións públicas, a lentitude —cando non a ausencia— de xustiza…), tamén polo xeito de informárennos acotío desta realidade os medios de comunicación de masas.

Xa non existe nin se práctica —nin por casualidade— a información: todo é comunicación de parte, sempre interesada, condicionada e ideoloxizada; ou simplemente esaxerada ou mentireira, en moitas ocasións subvencionada (que é o mesmo que pagada con fondos públicos ou por intereses privados concretos). Información creada e transmitida para manipular opinións e vontades en beneficio dunha clase política, empresarial e financeira dominante, que vive nun mundo paralelo con normas distintas, con linguaxe propia e cunha ética diferente da do resto de mortais.

Esas clases que só toleran comunicarse coa cidadanía a través do plasma e o atril, en conferencias de prensa perfectamente planificadas: mensaxes ben medidas na sede do partido, no parlamento ou na empresa; e, cando convén —aconsellados por equipos de asesores—, como estrelas rutilantes en populares programas de televisión producidos expresamente para entretemento do pobo.

En ocasións excepcionais baixan ao chan que pisan os comúns mortais; bican algún cativo de colo no mercado; piden o voto da xente que por alí pulula —sempre protexidos, como non, por un nutrido séquito de gardacostas que desaloxa a calquera que puidese truncar o triunfal paseo do patrón.

Namentres, as políticas van tornándose menos sociais, máis represoras e sectarias, máis involutivas. Políticas que empoleiran a caste empresarial á custa de explotar os traballadores e traballadoras.

Nada os ata: sen regulación eficaz, os financeiros explotan a economía ata a asfixia, a prensa manipula máis a información, e, ao cabo, o pobo está máis alienado, illado, explotado, empobrecido e manipulado.

A cultura hai tempo que deixou de ser un valor en alza no noso país para se converter na expresión da excepción. Abondan como exemplos a lei que regula o acceso a ela ou a programación das máis importantes canles de televisión do país. É ou non é noxento?

A mentira instalouse no país canda as prácticas corruptas. A precariedade e a necesidade social seguen medrando sen paliativos, a mediocridade e a comenencia son os nosos sinais de identidade. Podemos seguir negando a maior, continuar crendo que son os feitos duns poucos que non nos representan, que a maioría é decente e honesta. Pero cada día que pasa, cada día, destápase un novo escándalo de corrupción que incumbe directamente a esas clases dominantes. E xa son centos e centos de casos que falan de milleiros de millóns roubados ou estafados por políticos, banqueiros, financeiros, empresarios, nobreza, realeza, clero, deportistas de elite, e todos sabemos que isto non é máis ca a punta do iceberg.

Acotío espertámonos coas declaracións vomitivas dalgún personaxe de sona de contido xenófobo, ofensivo, insolidario, xustificativo, alienante, unha burrada máis, e a prensa enche páxinas con artigos de teimosos profesionais que se ocupan de axudar a manter o sistema.

Entrementres, a cidadanía permanece maiormente calada, continúa coas súas vidas sen se rebelar, como obnubilada, adormecida, conforme. Como moito, algún comentario discordante pero pouco máis, non é tempo de radicais extremistas ou revolucionarios.

Así vexo o país agora mesmo, non o dou mirado doutro xeito. O momento que vivimos resúltame sucio e deprimente. Procuro pensar que é un xuízo inmerecido, pero non o consigo. Parece que os corenta anos de ditadura —saltando por riba da transición— aínda teñen unha enorme influencia na cidadanía e a recuperación da dignidade colectiva vai para lonxe.

Mais non perdo a esperanza. A loita continúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.