España como proxecto

Asubiar un himno é, case sempre, a constatación dunha certa impotencia e falla de ideas alternativas. Mais nunca, de ningún xeito, é ou pode ser un delito. Quizais sexa un síntoma. Un síntoma de que a convivencia plurinacional na España non goza de boa saúde. Como o son as opinións dunha Presidenta madrileña que, a velocidade de cruceiro, amosa querer representar á España intolerante, en certa medida para agochar as mentiras do seu déficit e os fracasos da súa xestión. Malia que, en moi boa medida, tamén,  para se postular a xeito da alternativa da extrema dereita madrileña á suposta moderación de Rajoy.

Quizais sexa un síntoma. Un síntoma de que a convivencia plurinacional na España non goza de boa saúde

Mais teño para min que os asubíos do 2012 non teñen a mesma fasquía e entidade ca os do 2009. Foron máis intensos e tiñan outra expresión. Moi probabelmente máis social e institucional ca de mera reivindicación nacional. Ou, quizais, unha mistura de todo. De fastío a respecto do fracaso daquel proxecto da España da transición, cando os nosos pais acordaron convivir co resto dos cidadáns españois, en pleno respecto á identidade, autogoberno, economía, lingua e cultura de cada un dos países do Estado e, sobre todo, construír unha sociedade inclusiva e cohesionada socialmente, no que ricos e pobres non estivesen afastados por distancias inasumíbeis e as institucións servisen á cidadanía e non todo o contrario.

Os asubíos do 2012 non teñen a mesma fasquía e entidade ca os do 2009. Foron máis intensos e tiñan outra expresión

E, claro, a España do crecemento sen límites e da economía onde máis cartos se podían gañar en pouco tempo, deu paso á España financeiramente afundida e ineficaz. Á España da progresiva recentralización en Madrid, primeiro das infraestruturas, despois da economía e agora da política , que inviste 23.500 millóns de € en salvar o Banco que algúns (entre eles De Guindos) quixeron que absorbese Caixa Galicia, mentres os españois viven os peores recortes en servizos sociais, sanidade e educación. Á España dunha institución monárquica que resultou, como pouco, insensíbel cos problemas da xente común e asumiu o rol de ser a primeira abandeirada da España única. Se a isto lle engadimos a criminalización das identidades galega, catalá ou vaca a pouco máis que tenten ir máis aló do mero folclorismo, comprenderemos que España, arestora, non é, xa, aquel suxestivo proxecto en común que os españois da transición debullaron.

 

A arrincadeira       

España, arestora, non é, xa, aquel suxestivo proxecto en común que os españois da transición debullaron

Apenas principiamos a albiscar a revolución económica que pode supor aproveitar a nosa vocación portuaria, xusto catro anos antes da apertura da nova canle de Panamá. Galicia non é periférica cando falamos dos tránsitos marítimos entre Europa e América. É dunha centralidade fulcral. Aproveitaremos como País este repto?

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.