Onde están as Irmandades da Fala?

Calquera persoa “normal”, que non teña ningún tipo de relación directa coa política e os partidos políticos, sen facer análises de moita fondura intelectual comprende que temos unha serie de problemas que se perpetúan no tempo, como son o desemprego, a corrupción ou a emigración. Que cada vez pagamos máis por servizos básicos, que a sanidade e outras actividades públicas están sendo privatizadas e peor xestionadas. Que a xente do mar teno cada vez máis complicado para pescar, mentres a Galiza rural esmorece pola desfeita da actividade agraria e gandeira.

Todo isto non xurde da nada. Non hai unha mala xestión duns políticos en Madrid ou Bruxelas. A Xunta non é por casualidade esa administración que pretende privatizar o mar e o monte. As cousas acontecen por que os poderes económicos, o capital, planifica que sexan así para acrecentar o seu lucro, o difícil é explicar e propoñer solucións a estes problemas.

Padecemos unha praga bíblica?

Galiza ten que enfrontarse a unha serie de problemas que condicionan o seu futuro inmediato. Temos unha industrialización feble e ligada á espoliación de recursos e a transformación salvaxe do territorio. Os nosos sectores produtivos están sendo liquidados pouco a pouco, cada ano van desmantelando barcos e fechando explotacións no campo. Ao tempo a nosa lingua e a nosa cultura son agredidas polos que teoricamente teñen a obriga de defendelas, nunha lenta agonía que representa moi ben o noso esmorecemento como nación.

Galiza atópase nunha situación de perda de poboación, cun despoboamento do rural e unha saída constante de mocidade a buscar vida fora. Do ano 2010 até o 2015 perdemos 65,306 galegos e galegas, entre o ano 2002 e o 2011 emigraron 124,845 persoas de entre 18 e 34 anos. Esta desfeita na poboación é unha tendencia que se consolida a pesar das campañas de propaganda institucional nas que o goberno do PP gasta miles e miles de euros para tentar enganarnos e continuar gañando eleccións.

Galiza morre por inanición. Non temos saídas, non hai emprego. O modelo económico que impón o estado español e a Unión Europea, ao ditado do capital, convértenos nunha nación subministradora de man de obra, materias primas e enerxía. A nosa produción eléctrica é fundamentalmente para a exportación e para dar servizo a unhas poucas industrias de enclave, mentres temos que soportar os custes medioambientais que supón a xeración desta enerxía.

Galiza é un grande latifundio. Os nosos montes son enormes plantacións de eucaliptos para satisfacer os intereses de Ence. A nosa cativa industria está en mans de capital foráneo que emprega a chantaxe como política laboral ameazando con feches e deslocalizacións para que unha masa dócil traballe máis por menos. Citroen é un bo exemplo de como recibir subvencións, condicionar o urbanismo de Vigo, levar os beneficios fora e manter sempre pendentes aos traballador@s do próximo modelo a producir.

A natureza galega está sendo maltratada por esta política económica que favorece intereses alleos. Minas, eucaliptos, granxas de peixes, infraestruturas viarias para encher as praias ou parques eólicos desfán os montes e a costa, e arrasan o noso patrimonio histórico e cultural.

O lote complétase coa estratexia de asimilación cultural e lingüística que a chegada de Feijoo á Xunta acelerou, lexislando contra o idioma e fachendeando dun bilingüismo pailán.

Como ven se dicía recentemente na Semana de Filosofía de Pontevedra, “Galiza insírese no Estado Español dun xeito politicamente dependente e economicamente periférico, allea aos centros de decisión política e económica.” Esta situación agravase coa entrada no Mercado Común pois pasamos a ser periferia dunha España que tamén o é dentro da UE.

E as eleccións autonómicas que?

Unha cousa podemos afirmar, o PP ten unha gran base social e unha militancia moi activa que non ten problema en recorrer á mobilización e a rebentar plenos e comisións municipais, como aconteceu recentemente en Moaña. Vai ser difícil botalo cos votos, mais se o que ten enfronte non é visto como unha alternativa real. Temos claro que o PP vai gañar as eleccións autonómicas, como gañou as estatais, a cuestión é se revalidará a maioría absoluta.

De Ciudadanos pouco hai que dicir. Non ten estrutura e a súa candidatura estará formada por descoñecidos arrimados á sombra do éxito. Mais, con seguridade sacará algún deputad@ que pode ser a salvación do PP.

O PSOE é o “poli bueno” do españolismo, cun discurso de esquerda chachi piruli pero que cando goberna quita a careta e complementa ao PP. Son as dúas faces da mesma moeda da alternancia para garantir a unidade de España e o cumprimento das ordes do capital. Recortando dereitos civís e laborais, centralizando o estado, privatizando empresas públicas e, cando fai falla, aplicando políticas represivas sobre a disidencia. Non podemos esperar moito do PSOE galego, un partido sen liderado e enleado en permanentes loitas internas, que curiosamente nunca son acompañadas de grandes titulares, e sen un mínimo programa para Galiza. Creo que se pode afirmar que ao PSOE galego nunca lle importou Galiza.

As Mareas-Podemos representan o éxito dos iupis dos anos oitenta, son o Mario Conde da política galega, elección tras elección medran en votos. Pero cal é a súa ideoloxía, cal o seu programa? Coido que estamos ante a reformulación da socialdemocracia a esquerda do PSOE, con todo o que iso representa. Un conxunto de siglas e organizacións de novo cuño que din pretender cambiar as cousas desde as institucións. Cantas veces escoitaríamos iso.

O pouco tempo que levan en activo dounos mostras do seu facer caracterizado por unha posta en escena moi estudada nas institucións, primando o espectáculo e o titular fronte a cuestións de fondo. Entendemos que para agochar as limitacións dunha carencia de programa político claro, e tentando disimular a loita interna por colocar cada un aos seus no mellor posto de saída.

Nin ruptura coa UE, nin autodeterminación, nin independencia. A estas alturas unha cousa está clara, As Mareas-Podemos non son esa forza que ía instaurar a 3º república española nin a derrubar os alicerces do sistema. Pola contra a súa praxe converteos nun instrumento de fortalecemento do unionismo español, a causa nacional desaparece solapada por unha suposta causa social que se dilúe a golpe de enquisa electoral. Podemos é hoxe unha garantía para a “unidade de España”, un dos instrumentos contra o independentismo, fundamentalmente o catalán, e calquera ambición separatista do resto das nacións sen estado..

O BNG ten graves problemas en varias frontes, e estes non teñen a súa orixe nas anteriores rupturas. Estas foron consecuencia dunha deriva de integración no sistema. A comodidade de ter cargos na administración despois de pasar frío ou padecer o sol nas manifestacións e mobilizacións durante anos, fixo que a ideoloxía inicial se transformase derivando nunha organización socialdemócrata percibida como unha peza do xogo político.

Se fas e es o mesmo que os outros partidos deixas de ser un referente das loitas nacionais e sociais para formar parte do enramado institucional. Perdes base social e apoios electorais, deixas de ter escanos e postos na administración. Veñen as rupturas motivadas polo control da organización e polo reparto dos postos de saída. Esa é a razón fundamental da aparición de novas organizacións políticas como Anova ou Cerna.

Hoxe o BNG non se sabe se sube ou se baixa, dou un xiro soberanista pero non está moi claro de cantos graos foi. Cal é a postura real sobre a UE e o Euro, o soberanismo até onde chega? Na súa última asemblea apostou por unha refundación da organización, cando o que necesita este país é unha refundación do nacionalismo-soberanismo-independentismo, como lle queiramos chamar, cunha folla de ruta nidia e un porto de destino coñecido.

Ante este panorama non é moi factíbel que dentro de catro anos, goberne quen goberne, a Xunta de Galiza e a autonomía aparezan como a solución os problemas do pobo galego. Por incapacidade dos actores políticos e por incapacidade do marco competencial.

É o momento de ir máis ala

A UE e o estado español apuntalan a nosa dependencia política e económica empregando a administración autonómica como instrumento executor. Unha autonomía que, aínda que quixer, non ten capacidade legal para enfrontarse, pero que de estar noutras mans si que podería suavizar as consecuencias destas políticas. Podería favorecer o idioma e a cultura, mellorar as políticas sociais, mais seguiría sen ter a capacidade política de endereitar a nosa economía. Exemplo da nosa situación é o desenvolvemento das infraestruturas, pensadas desde e para Madrid, non para conectar Galiza nin para comunicarnos con Portugal ou o resto de Europa.

España é unha gran finca vixiada polos militares onde a oligarquía dominante perpetuase grazas ao “colegueo” e a corrupción política e económica das portas xiratorias entre empresas e partidos. Unha elite que se lucra a golpe de BOE repartindo obras e servizos das administracións públicas. O Estado Español é un fogar desestruturado onde as nacións sen estado non temos dereito a nada, o estado das autonomías é a televisión coa que pretender aparvarnos.

So temos un camiño, marchar da casa e buscar unha vida mellor. Unha vida que pasa pola soberanía real, pola independencia, por mudar o modelo económico facéndoo sustentábel, por beneficiar ao pobo galego e non a uns poucos, un modelo socialista.

No pasado o soberanismo de esquerda medrou da man da reivindicación da liberación nacional e social, renunciar a esta loita por cábalas electorais non é o remedio aos nosos males.

Se as Irmandades da Fala superaron o rexionalismo para ser nacionalistas hoxe é o momento de dar outro paso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.