Partido instrumental e grupo parlamentar galego

Leo estes días que, ao parecer, existen diverxencias entre destacados membros de En Marea sobre a modalidade de concorrencia eleitoral diante da case que segura nova convocatoria estatal. Penso que sería decepcionante a repetición dunha fórmula que frustrou a consecución dun grupo parlamentar propio nas Cortes españolas. E refírome a grupo propio tal como vén definido no Regulamento e coas vantaxes legais que incorpora tal constitución. Aínda que a decisión de non permitir a conformación de grupo propio a En Marea por parte da Mesa da Cámara foi, con moito, máis política que xurídica non se debería posibilitar a repetición da mesma situación a fin de evitar ficar unha outra vez sen grupo de seu.

De se repetir a fórmula, o argumentario en contra vai ser o mesmo; debería de actuarse con habilidade e presentarse baixo outra configuración legal.

A razón esgrimida para negar a constitución de grupo parlamentario propio, no sentido da norma, foi a de que se incumpría o artigo 23.2 do Regulamento do Congreso. Este artigo estabelece que non poderán formar grupo parlamentar afastado os deputados e deputadas que pertenzan a un mesmo partido ou aqueles que, ao tempo das eleccións, pertenceran a formacións políticas que non se tivesen presentado coma tales perante o electorado. Visto que, de se repetir a fórmula, o argumentario en contra vai ser o mesmo debería de actuarse con habilidade e presentarse baixo outra configuración legal. Isto, evidentemente, se un dos obxectivos é acadar unha representación que permita a constitución dun grupo de seu, sen necesidade de coberturas.

Un dos xeitos incuestionábeis de acadar este obxectivo é o de ir coa forma de partido instrumental. O tal partido vén sendo unha mera formulación xurídica constituída por persoas con e sen afiliación a outras formacións e que só pretende dar acubillo. Pode, xa que logo, constituírse sen vida orgánica e sen afiliación. Tal figura non existe no ordenamento xurídico español, polo que terá que rexistrarse coma calquera outro partido, cumprindo os requisitos legais minimamente esixíbeis e actuando de paraugas dun movemento que pode ser moi complexo. Esta figura garante, sen problemas, a superación de obstáculos dado que o grupo estaría formado por membros deste partido  e non se salientarían, nas candidaturas, as militancias de cadaquén. De feito esta fórmula estivo a ser empregada para gozar dos beneficios a efectos de cómputo de representantes nas Deputacións con nomes como “en Común”, “Ganemos”, etc. nos procesos de eleccións locais.

Mais que algúns dirixentes de En Marea non perciban isto coma unha necesidade, o de acadar grupo afastado parlamentar, amosa trazos preocupantes dado non só a capacidade material de actuación senón a simbólica de representación. Dicía Boaventura de Sousa Santos que a democracia radical ten que combinar os aspectos representativos, participativos e comunitarios. Pois ben, pretender acadar un grupo afastado, aínda que non se consiga, evidencia a consideración e o recoñecemento do suxeito representado, neste caso o pobo galego. Relegar esta fasquía como algo secundario deturpa o propio acto de representación que falsea o mandato ao eludir ou ignorar a un suxeito que, deste xeito, non se considera digno de ser soberano e representado con entidade de seu. Certo que a Constitución  non recoñece máis suxeito que o pobo español e ao Parlamento como a súa institución representativa; isto estánolo a lembrar a decote desde todos aqueles ámbetos de dominación que negan o dereito non só a decidir senón a ser consultados a todos aos que facemos parte doutros pobos e arelamos a superación desta democracia de baixa intensidade.  Agardo e confío que todos os que defenden consecuentemente unha ruptura co réxime sexan quen de non esquecer que o réxime temén se sustenta na privación e negación dos dereitos nacionais dos pobos do estado. Agardo e confío en que estes últimos saben que o pobo que lles deu voto é o galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.